Breve resumo do DO ROTEIRO PACO PESTANA (18-10-2025)

Nunha fermosa mañá deste mes de outono, logo de encontrarnos na praza do Concello de Castroverde, subimos á Vacariza, onde inauguramos un panel co roteiro que, denominamos ROTEIRO PACO PESTANA. Descubriron o panel os socios Felipe Arias Vilas e Manuel Gómez Arrojo. Despois da foto de rigor de grupo, comezamos a camiñada, roteiro baixando ata a aldea de Peredo, parando diante da casa de Lourenzo, onde naceu Paco; alí, Luz Darriba, leu unhas sentidas palabras facendo unha lembranza de Paco (achegamos o texto Viaxeiro), foto diante da casa e pendella para, seguidamente visitar a Frairía e desde aquí baixar a Folgueira visitando a capela e pazo deste lugar.

Subimos a Marrondo e, seguindo camiño, pasamos polo muíño e lugar do Souto, Cubelas e camiñamos ata á Veiga do Olmo, campo e pendellos da feira.

Logo de xantar a Rondalla Nas Ondas do Mar de Ferrol, dirixida pro Xosé Manuel Couce Fragüela, no Centro Social Paco Pestana, deleitounos con varias pezas galegas e sudamericanas… para rematar con “Nas Ondas do Mar” e o Himno Galego.

Todas as actividades de hoxe, panel do Roteiro e Rondalla foron subvencionadas pola Área de Cultura, Vicepresidencia da Deputación de Lugo,.Graciñas mil.

Saúdos, Saúde, Lingua e Patrimonio

Hai catro anos que volviches coller a nave que te trouxo a Castroverde nun verano, seguramente gris, do 49. Tempos grises, Paquito, que ti viñeches a colorear. Hai catro ano que, sen avisar, emprendiches o voo. Por iso estamos continuamente lembrándote. Inventando mundos nos que, quizais, puideses ir montado nun unicornio ou en unha bicicleta. Procuramos sitios e os bautizamos co teu nome, por se che apetecese volver.

Eu teño para min que non te fuches. Nin galaxias descoñecidas nin lerias. Vas aparecer en calquera momento para converter a madeira e as palabras en poesía. Para xogar coa retranca e sorprender a propios e estraños coa túa visión única das cousas. E non vaias pensar que é unha argucia para che botar menos en falla, para que non doa tanto a perda. O que ocorre é que a forza de estrañarte aprendemos de memoria os teus acenos, cada xesto que expresaba mil historias desopilantes e transgresoras. O que dirías en cada momento. E transportámolo todo no estoxo das boas lembranzas para tempos de crise. Que son moitos, Paco. Que nestes catro anos que non estás o mundo deu reviravoltas salvaxes. Que si, que xa sei, que o mundo nunca estivo do noso gusto, mais agora saíron as feras en manda e non dan tregua. E nos enchen de xenocidios os telexornais e a vida toda. E non son malos filmes de serie b. É o mundo, Paquito, os que deciden. Cada vez menos e cada vez máis tolos.

Necesitamos con urxencia o antídoto da túa poesía, a de madeira e ferro, a que atravesaba o papel. A túa sabedoría da vida, meu amigo. O teu xeito de crear mundos amábeis onde as feras non puidesen entrar e seren feras.

Deste este, o teu lugar que tanto amabas, a túa particular fabrica de soños, non conseguimos ver a estela da túa nave, mais aquí, onde todos os desexos teñen cabida a túa palabra permanece. E é firme, clara e planetaria, coma sempre. Porque os viaxeiros intergalácticos, os exploradores, os buscadores de beleza e sentido, sempre atopan a maneira de habitar outros mundos. Aqueles onde a bondade humana medra e se comparte para afastarnos dos xenocidios todos.

Luz Darriba

Lugo, 17 de outubro de 2025

RESUMO ROTEIRO PACO PESTANA.docx

Viaxeiro.docx