CULTURA HERDADA
-IV-
Seguimos co ensino
Gracias, fundamentalmente, ás Escolas de Ferrado, que seguían chamándose así aínda que xa se pagasen en cartos, no Mapa do Alfabetismo de España do ano 1920 saímos do mellor, ¡para a época! Algo por detrás de León, que roldaba o 30 % de analfabetos; Asturias outro 30 %; ¡pero Ourense e Coruña ían despois de Lugo, con máis do 50 %!
Cando se fale de “analfabetos” en Galicia non hai que tomalo literalmente, definíndose como tales aqueles que “non sabían ler nin escribir”. Un analfabeto dos de principios do XX aquí en Galicia adoitaba ter unha cultura de transmisión oral fantástica; persoas coñecín nesta bisbarra, nados a comezos do século, de tan amena e variada conversación, particularmente mulleres, que eran precisamente as menos escolarizadas, que, de telas gravadas, hoxe asombraríannos.
No 1931 creáronse por Decreto as Misións Pedagóxicas, que foi un fito para o medio rural.
Naqueles anos da Guerra un dos nosos Mestres viña percibindo de 2.000/3.000 pesetas anuais, fronte a un Garda, Civil ou de Asalto, que andaban entre 3.000/4.000. Con estes estímulos negativos, a escola pública…, ¡para as Mestras! E se pillaba lonxe, ou de mal servizo…, ¡para os substitutos/as!
Material escolar.- Compre subliñar a carencia de medios, ben máis grave do que fosen as limitación culturais do ensinante. Deste xeito o ensino foi memorístico, de repetición oral, pero tivo a vantaxe de que o ensinado cultivou de tal xeito e a tal nivel a súa retentiva que aínda hoxe nos asombran as lembranzas e mailos coñecementos dos nosos avós, que incluso lembraban os nomes dos comercios das vilas e cidades nas que fixeran o seu servizo militar, por máis que nada ou pouco comprasen neles. Hoxe en día, polo XXI arriba, coa disciplina memorística un tanto relaxada, é practicamente inútil preguntarlle a un rapaz, da idade e do nivel escolar que sexa, por unha determinada tenda, ou por un centro oficial sito na rúa paralela da súa vivenda, e xa non digamos do seu descoñecemento nominal das rúas circundantes.
Agora sabemos moito, ¡saben!, é verdade, pero dun xeito lineal, estritamente da materia ou da ferramenta que nos toque manexar, ¡e para iso non sempre, que enseguida imos consultar, sexa aos papeis ou ao ordenador! A cultura de tradición oral dos nosos campesiños da primeira metade do XX era circular, ou ata habería que dicir, esférica, global. De postos nunha balanza, máis peso específico en saberes concretos, acogulados? Ponderando os medios dispoñibles en cada caso, por suposto. Non é que todo tempo pasado fose mellor, que tampouco é iso, senón que a densidade foise gasificando, perdeu coa difusión. En definitiva, que a especialización é un xeito acomodaticio de incultura.
Coido que tamén importa subliñar, recordar, que a emigración triunfante, ¡a triunfante!, a que retornou polos anos 1925 / 35, pois a fracasada xa non volveu, que daquela non había repatriación avalada, nin por conta do Estado, acadou, en xeral, ideas, e algún diñeiro; acaso máis ideas que diñeiro, porque xa saíra de aquí, do seu rueiro, licenciada, formada, relativamente ben formada, quere dicirse, educada e madura, do ambiente familiar, e moi especialmente daquelas deostadas escolas do ferrado.
Aqueles emigrantes, concretamente e con preferencia na provincia de Lugo, fixeron milagres en proporción aos medios entón dispoñibles: déronlle un tirón socio-económico, estimulante, contaxioso, que fixo historia, por máis que pouco se lles teña recoñecido e agradecido. A provincia de Lugo nunca foi mitineira, non é, ou non era, o seu, en parte acaso pola nosa saiba acomodaticia, suevo-bretona en definitiva, pero tamén pola súa conformación, que seguiu sendo castrexa, quere dicirse, lugareña, focalizada na dispersión e na gravitación parroquial, pero non fixeron falta grandes conmocións espectaculares para que xerminase o ideario progresista, incubado, requentado, fornecido, polos nosos emigrantes, pola súa exemplaridade. Coruña, provincia de pazos e de caseiros, tiña os portos de mar de man; por contraste, os lugueses tardaban unha semana en acadar os peiraos, pero aínda así pasáronlles diante, xa nas primeiras emigracións. Os caseiros da provincia da Coruña, en xeral, agardaron á corrente venezolana, xa na posguerra. Para probar todo isto, a falta de estatísticas concretas, específicas, abonda con apelar ás lembranzas dos nosos vellos, e de xeito ben elocuente á circunstancia de que a maior parte dos lugueses perseguidos nos anos 36/37 pasaran por Buenos Aires.
…/…
Xosé María Gómez Vilabella
Deixa unha resposta