“EÓLICA ASÍ NON” CONVOCA UNHA NOVA GRAN MOBILIZACIÓN PARA O 11D, DÍA DAS MONTAÑAS, POR UNHA MORATORIA EÓLICA REAL EFECTIVA

Santiago de Compostela, a 26 de novembro de 2021.- Con motivo do Día mundial das Montañas, o vindeiro sábado, 11 de decembro, a Coordinadora “Eólica, Así Non” apoiada en máis de 170 colectivos de toda Galiza, convoca á sociedade galega a unha nova grande mobilización fronte a actual invasión eólica. A Coordinadora “Eólica Así Non” escolle esta data polo seu carácter especialmente simbólico na loita social contra a vaga eólica colonial que está a sufrir o país e que discorrerá baixo o lema “Na defensa das montañas. Eólica Así Non”.

As montañas, as máis prexudicadas pola actual vaga eólica

As montañas galegas son as principais vítimas desta aloucada e caótica vaga eólica que estamos a vivir ao constituír os lugares preferentes polas promotaoras para colocar os seus megaproxectos eólicos, despoxándoas practicamente de todos os seus valores e funcións de carácter ambiental, paisaxístico, cultural e socioeconómico para pasaren a ser meros polígonos industriais ao servizo exclusivo do oligopolio eléctrico.

Os máis de 300 proxectos de enerxía eólica que se atopan actualmente en tramitación no país, xunto coas súas liñas de evacuación e outras infraestruturas asociadas, que se suman aos 186 proxectos xa en funcionamento, terían un impacto singular e irreparable no conxunto de montañas, picos, petoutos, cumios, cordilleiras, serras, macizos, montes e outros tipos de elevacións naturais nos que se prevén implantar, incluso, poñendo en risco a supervivencia do rural galego e o equilibrio ecolóxico do país.

A rede de montañas galega abastece a meirande parte da demanda de auga e alimentos do país e está conformada por verdadeiros santuarios de biodiversidade, que aínda preservan endemismos e hábitats de especial interese para a súa conservación na loita contra o quecemento global, como poden ser as brañas, lagoas, bosques húmidos, turbeiras….

Tamén son o refuxio de especies de flora e fauna singulares, dos grandes mamíferos ameazados ou en perigo de extinción, de aves, morcegos e outras especies que son garante do equilibro ecolóxico de Galiza. As montañas tamén representan as nascentes dos

ríos e regos dos que nos abastecemos de auga, ofrecendo o 80% dos recursos hídricos que consumimos,e proporcionando outros múltiples e variados servizos ecosistémicos como o control da erosión do solo, a regulación atmosférica, a paisaxe, reservorio do noso patrimonio cultural, etc. Polo tanto, a actual vaga eólica estaría poñendo nun risco extremo a preservación duns ecosistemas, os de montaña, que son fundamentais para a vida.

Na Galiza, caracterizada por unha grande dispersión poboacional e unha forte identidade rural, as montañas son tamén fogar e medio de vida dunha boa parte da poboación galega, a miúdo esquecida e especialmente indefensa ante o asoballamento das empresas especuladoras da enerxía que ademais contan coa conivencia das administracións públicas.

Por unha moratoria inmediata e real fronte a falsa moratoria do PP

Desde o primeiro chamamento social masivo que se fixo en Galiza por unha moratoria eólica, que se evidenciou na marcha reivindicativa do pasado 5 de xuño en Santiago de Compostela, nin a Administración galega nin a estatal fixeron nada para frear esta vaga incesante de proxectos eólicos en tramitación, contribuíndo coa súa indiferencia a favorecer aínda máis unha ameaza sen precedentes contra o noso territorio. Hoxe en día, xa son máis

300 os megaproxectos eólicos que están en tramitación, e que en total proxectan 10.000MW de potencia, o que equivalería ao 43% do obxectivo en potencia eólica para o 2030 en todo o Estado español. Lembramos ademais, que Galiza exporta máis do 30% da electricidade que produce.

Por tanto, o vindeiro 11 de decembro, a Coordinadora “Eólica Así Non” retomará as reclamas, máis vixentes que nunca, xa expresadas o pasado 5 de xuño na Praza do Obradoiro de Compostela a través do manifesto “Eólica Así Non”. Volveremos facer fincapé na necesidade cada vez máis urxente de paralizar todos os proxectos eólicos que están en tramitación, tanto na Xunta como no Estado, ata que non se derroguen o desfasado Plan Sectorial Eólico de Galiza e as “Leis de depredación” (Lei de fomento de implantación de iniciativas empresariais e Lei de simplificación administrativa), e se deseñe, de forma participada, outra planificación eólica máis xusta coa sociedade galega, o noso rural e a contorna ambiental. Doutro xeito, estamos deixando en mans do oligopolio eléctrico o futuro do noso territorio.

Ao tempo, queremos deixar claro que a mal chamada “moratoria eólica” anunciada polo goberno de Alberto Núñez Feijóo non dá resposta a ningunha das nosas reclamas. Pola contra, promove a confusión na opinión pública e pretende desmobilizar a sociedade crítica coa actual invasión eólica. Desde “Eólica Así Non” denunciamos a falsidade e inefectividade desta medida anunciada polo goberno galego por canto só afectaría aos proxectos que inicien a súa tramitación no ano 2022 (e con excepcións), pero non tería eficacia sobre ningún dos máis de 300 proxectos eólicos que xa están en tramitación. Ademais, do mesmo xeito que aconteceu coa moratoria do eucalipto, a falsa moratoria eólica do PP podería estar provocando un efecto chamada, e animando as promotoras a iniciar a tramitación dun maior número de proxectos antes de que remate o ano.

Lembramos que os colectivos e entidades que conforman “Eólica, Así Non” estamos a favor das enerxías renovables, necesarias para afrontar o reto climático, pero rexeitamos de raíz o actual modelo enerxético e a forma na que se está a concibir a implantación da enerxía

eólica. Por iso, alén dunha moratoria real e eficaz dos proxectos en tramitación, apelamos tamén ao deseño dun modelo enerxético alternativo que se fundamente na soberanía enerxética, no fomento do aforro e da eficiencia enerxética, no autoconsumo e na xestión pública do recurso ao servizo da sociedade galega.

11D: Mobilización descentralizada por comarcas ou zonas de afectación

O vindeiro 11 de decembro, Día das Montañas, a coordinadora “Eólica Así Non” promoverá unha mobilización descentralizada por áreas xeográficas especialmente afectadas pola actual vaga eólica, desta volta, co obxectivo de dar especial visibilidade ás plataformas e colectivos da veciñanza que viven nos territorios máis directamente afectados por esta enxurrada incesante de proxectos eólicos. Así pois, realizaranse concentracións como mínimo en 22 enclaves repartidos nas catro provincias galegas, situados nas seguintes localidades: Bembibre-Val do Dubra, Carral, Coristanco, Ferrol, Mazaricos (provincia A Coruña); Antas de Ulla, Becerreá, Chantada, O Courel, Foz, Lugo, Meira, Vilalba (provincia de Lugo); A Lama, Bueu, Cerdedo, Gondomar, Marín, Pontevedra, Vila de Cruces (provincia de Pontevedra); Castro Caldelas e Laza (provincia de Ourense).

A meirande parte dos actos de mobilización terán formato de concentración reivindicativa na que se lerá o manifesto “Eólica Así Non”, e nalgúns casos, como o de Bembibre, Cerdedo, A Lama, Mazaricos, Ferrol, Antas de Ulla ou Gondomar, prevense subidas ao monte ou percorridos a pé a modo de manifestación. Algunhas das convocatorias previstas acollerán outros actos complementarios como recitais poéticos, chocolatadas, magostos, performance ou palestras.

A mobilización “Na Defensa das Montañas. Eólica Así Non” estará secundada por máis de 170 colectivos, plataformas e entidades galegas de carácter ecoloxista, veciñal, social, cultural, sindical ou político, que forman parte da coordinadora “Eólica Así Non”.

Descargas:

Cartaz Mobilización 11D: https://bit.ly/3cPKYst Manifesto EÓLICA ASÍ NON: https://bit.ly/2SvKTU6

Listado colectivos EÓLICA ASÍ NON: https://bit.ly/3xo57PT

Cartaz Mobilizacion eólicos 11D.pdf

Comunicado Mobilización 11D (2)_compressed.pdf