CULTURA HERDADA

-V-

De cada rueiro

A cultura, vítima, no 36. ¿Quen lles estorbaba ás forzas reaccionarias, caciquís, do chamado Movimiento Nacional? ¿Quen nutriu a proliferación partidaria, política, innovadora, progresista, do decenio 1925 / 35? Está doado de probar: Os mestres e mailos emigrantes, ou máis exactamente, os mestres emigrantes, particularmente os porteños, que se prata non trouxeron, si que fundaron unha pléiade de escolas e de agrupacións ou sociedades, incluso cooperativas de consumo. De Cuba veu moito diñeiro, moitísimo, pero pouco ideario, que iso cultivábase máis en Bos Aires; o seu ambiente, nas Antillas, o xeneralizado, era máis materialista que intelectual, ¡cuestión de clima!, con honrosas excepcións, por suposto.

Sería unha redución imperdoable constrinxir, reducir, o noso mestre rural ao ensino das catro regras. ¿Quen foi, quén fixo de “home bo” na nosa bisbarra? ¡O mestre, e só o mestre, que arranxou litixios enconados, frustracións xudiciais; e fixo partillas, que por algo e para algo sabía descompoñe-las figuras irregulares en triangulacións aproximadas; redactou escrituras de todo tipo, formulou instancias…

O espelido de cada rueiro fixera a “mili”, ben na escola de analfabetos do Rexemento, ou nas oficinas de Maioría, ou na botica de primeiros auxilios do cuartel. De volta, constituíanse en factotums do lugar: facían curas de urxencia, inoculaban aquelas vacinas da varíola, inxectaron todo tipo de inxectables, con ou sen receita, etcétera., á vez que convencían aos seus veciños de que o arado de ferro era máis útil có de madeira, particularmente nos terreos costudos, erosionables. Predicaron a oposición ao reparto inicuo do imposto de Consumos, a insubmisión ao Secretario e demais caciques do Municipio…

Lémbrese que o Perito Agrícola, o Médico e mailo escribán, fóra de Lugo-capital eran raras avis, unha especie de bispos que só baixaban ao rural nas concentracións electorais, ou nas festas parroquiais, ou nas vodas dos seus parroquianos.

Como dicía a nosa paisana, a nosa ¡Mestra!, Enriqueta Otero, “É moito o que temos herdado, así que compre agradecelo, melloralo e…, transmitilo!”. ¡Amén!

Xosé María Gómez Vilabella