CALDALOBA:
RECUPEREMOS O NOSO PATARIMONIO
RECUPEREMOS A NOSTA HISTORIA
Amigos do Patrimonio de Castroverde apoia os actos de reivindicación do Castelo de Caldaloba, participara unha representación, máximo 5 persoas por asocición, sen esquecermos que Castroverde tamén ten a Torre da Fortaleza en total abandono. Veremos cando lle toca.
Actividade reivindicativa o próximo 22 de maio diante da torre de Caldaloba
Horario: 11.30 da mañá, diante da torre.
COMUNICADO DE PRENSA.
O asociacionismo da Terra Chá demanda a
recuperación do castelo de Caldaloba
Dezaoito colectivos esixen que as promesas da Consellaría de Cultura se fagan realmente efectivas rematando co abandono actual
Vilalba, 7 de maio de 2021.- As asociacións da Terra Chá reuníronse telematicamente para poñer
en común a súa posición a respecto do estado de abandono absoluto en que se atopa o castelo de
Caldaloba, que ameaza coa súa ruína total.
O castelo de Caldaloba ou Vilaxoán, que ten a consideración de Ben de Interese Cultural desde
1985, segue a día de hoxe nunha situación precaria e de continuo deterioro. Este símbolo da
resistencia nobiliaria galega, é de interese para entender as mudanzas significativas e duradeiras
que se producen no noso país nas últimas décadas do século XV e que poñen fin á existencia
efectiva do Reino de Galiza.
Por tanto, o monumento posúe un valor histórico e simbólico importantísimo pois é de grande
utilidade para a descuberta dun capítulo transcendental da nosa historia, frecuentemente
agochada e negada. Os acontecementos, conservados na memoria colectiva, contribúen a
proporcionar a este lugar unha carga simbólica que non posúe ningunha outra edificación da súa
tipoloxía. Mais, o que noutro lugar sería foco de coidado e mimo para poder ser visitado, no caso
de Caldaloba, como tantos outros lugares e espazos da nosa Terra, está nunha situación de
desleixo e abandono por parte das administracións. A súa importancia histórica e patrimonial,
xunto co feito de estar considerada BIC desde hai 36 anos, aínda non teñen sido razóns dabondo
para actuar sobre esta fortaleza que, co paso do tempo, avanza na súa ruína.
Por iso consideramos que recuperar o castelo de Caldaloba do proceso de deterioro e ruína e
garantir a súa conservación debería ser obxectivo inminente das administracións co obxectivo da
súa posta en valor para descubrir e afondar no coñecemento histórico e no patrimonio colectivo
do pobo galego para o que resulta imprescindíbel converter dita construción e a súa contorna en
propiedade pública.
Recentemente puidemos ver nos medios de comunicación como a Directora Xeral de Patrimonio
afirmaba que a posta en valor deste monumento vai por bo camiño. Mais isto é algo que se repite
periodicamente sen que, finalmente, se concrete en algo positivo.
Por todo isto, as asociacións da Terra Chá e os seus lindes, decidimos, nun encontro conxunto,
demandar da Administración galega que faga efectivas de inmediato as medidas que
periodicamente vén prometendo para que o castelo pase a propiedade pública e se leve a cabo a
súa recuperación e posta en valor. Así mesmo, é a nosa vontade levarmos outras accións conxuntas
destinadas a dar a coñecer o valor deste monumento e a súa situación de grave deterioro.
Asinan este comunicado:
Castiñeiro Milenario (Begonte)
Xotramu (Muimenta)
Asociación Cultural Xermolos (Guitiriz)
Fundación Manuel María de Estudos Galegos
Instituto de Estudios Chairegos (IESCHA) (Vilalba)
Asociación de Amigos do Castro de Viladonga
Clube Cultural Valle-Inclán (Lugo)
Centro Social Madia Leva (Lugo)
A. C. Cultura do País (Lugo)
Asociación veciñal de Cabreiros (Xermade)
A. C. Os Vilares. Lareira de Soños (Os Vilares, Guitiriz)
Irmandade Manuel María da Terra Chá
Nova Poesía Guitirica (Guitiriz)
A. C. Poeta Avelino Díaz (Meira)
A. C. Lugo Patrimonio (Lugo)
Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde
A.C. PolKA (Pol)
A.C. e C.S. A Chave das Noces (Montecubeiro-Castroverde
Deixa unha resposta