A primeira Romaxe nas fontes do Miño, no Pedregal de Irimia, co lema “Eu renazo galego”, simboliza o nacemento da Asociación, en 1978. Irimia teceu, conectou e arroupou iniciativas e grupos, comunidades, parroquias e movementos, propondo un horizonte común. Facilitou o encontro e o diálogo entre unha fe cristiá en clave liberadora e un galeguismo comprometido. Un encontro na praxis, na tarefa compartida, por unha Galicia reconciliada co seu ser, solidaria e inclusiva, agradecida coa herdanza recibida, coidadora da Terra e da súa xente, comezando polos máis vulnerables. Nese espazo de diversidade, xúntase comunidades cristiás de base, grupos solidarios, persoas diversas, e tecen un espazo para alimentar a esperanza, e a capacidade de crer e compartir.

Que é a Romaxe:

É unha romería que se celebra cada ano para vencellar festivamente fe e galeguidade.

Leva máis de 40 anos de existencia e nela, unha vez cada ano e nun punto distinto da nosa xeografía, xuntámonos entre 4000 e 6000 persoas de toda Galicia.

A nosa Romaxe sempre ten lugar o segundo sábado de setembro.

A forza da gratuidade:

A Romaxe vai contracorrente: verse e encontrarse de verdade, cara a cara. Gratuidade, colaboración e reciprocidade: ninguén cobrou nunca polo seu traballo. Tampouco os membros da Quenlla -que sempre nos acompañan e amenizan a festa-. Compartimos tempo e alimento, vida e experiencias. Os gastos cóbrense mediante un peto de achegas anónimas e a venda dun medallón conmemorativo de Sargadelos.