O qué dirán das nosas aldeíñas

¿Quen se lembra, ou a quen lle importa, aquilo do “Qué dirán?”, que tanto arraigo tivo na idiosincrasia das nosas aldeíñas? Foino varrendo, pouco a pouco, o vento imparable da globalización cultural.

Nas terras de Castroverde, como lugar ben comunicado, á vez que dotado de señoríos culturizantes, case non tivemos un foco desta epidemia, pero algo si, que aínda a lembro. Suspiramos por un museo etnográfico, pero hai certos instrumentos do vivir cotián que mellor están nas tebras do esquecemento. Se os invoco, se os lembro, é intelectivamente, no senso de establecer diverxencias con un pasado non tan remoto.

O qué dirán tróuxoo o diabro e levouno a globalización actual. O qué dirán formaba parte do complexo de inferioridade dos núcleos pechados, incomunicados. ¡E tan incomunicados, que nin a prensa lles chegaba; ao sumo, misa dominical, feira dominical, algo de emigración, a retornada, e moito servizo militar!

Aquel “qué dirán”, herdado da miña aldeíña, obrigoume en Madrid a disimular o meu acento galego; e coma min, a milleiros! Iso, onte mesmo, despois daquela guerra, da incivil.

Hoxe en día, e grazas ao descaro circundante, xa nada nos avergoña, nin sequera levar aros no nariz, coma…, direino, coma aqueles que lles poñía meu avó aos porcos da ceba, para que non lle fozasen no esterco!

Xosé María Gómez Vilabella