Fonsa, Fonsa…

-Fonsa, Fonsa, que llevo dos horas esperando por esa línea…

-Dona Concha, se vai tardar moito, vou á feira, e á volta…

¿Onde, cando? ¡Onte mesmo, en Castroverde! Onte para os vellos; e antonte para os agora mozos; o que non sei dicirvos é por qué diabros tiñamos que pedirlle as liñas á Fonsagrada, en lugar de pedirllas a Lugo; penso que só nos daban o tempo que lle sobraba á Fonsagrada, xa que a nosa era unha desviación, unha filial, da súa liña telefónica.

Dixen onte, para nós, para os vellos, máis daquela, para dona

ANUNCIA CASTEDO PILLADO
Viuda de Elias Díaz Valiño
Casa Baixo de Andión – Silva – Pol
Que faleceu o 30/05/2014 aos 104 anos de idade,

matriarca á que dedico, como sentida homenaxe, este relembro, entón moza de vinte, unha centralita telefónica, no seu Castroverde, era, resultaba…, ¡estratosférico!

Por aquel entón en Cas Carballo había tres belezas, tres nenas: Lila, Blanca, e maila Centralita, que daba gloria ollalas. ¡E menos mal que dona Concha era o súmmum da amabilidade, pois, noutro caso, con aquela espera logo daban ganas de levar o recado en persoa, prescindindo dos fíos! Este crono tamén pode servinos para facernos unha idea do importantes que serán as “Memorias” de dona Anuncia, pero, ¿a quén llas deixou, cando se publicarán? ¡Terei que preguntarlles aos seus sobriños…!

Nesta espera, nós, tamén a cabalo de dous séculos, e diante dun ordenador, dámoslle fe á xuventude de que o noso onte é o seu antonte!

Xosé María Gómez Vilabella