A responsabilidade paterna no relevo xeracional:
do que foi ao que é.


Só os vellos podemos presumir dun espello retrovisor que nos reflicta tres xeracións: pais, fillos e netos. Reflectir non é dar fe, pois aínda está sen inventar o espello inmaculado; pero unha aproximación, si.

Só pretendo facer unha caricatura; iso que vaia por diante.

Avós: Naceron nunha monarquía oligárquica, e criáronse nela. As escolas eran de a ferrado, e non sempre de trigo. O cura ofrendaba de cu para os fregueses; e cando lles daba a cara, facíao subido a un púlpito en forma de globo aerostático. O léxico descansaba en dúas verbas: ¡Si, señor! Casábanse xeralmente por esculca. Ían facer o servizo militar sempre e cando non fosen fillos dun terratenente que pagase a cota, directamente ou por medio dunha aseguradora. De ir ás guerras de África, volvían cunha sífilis contaxiosa e secreta que derreaba o seu matrimonio. A metade das vacas eran de cabana; e ás casas libres de foros chamábanlles a Casa Grande.

Fillos: Unha boa parte deles criáronse envoltos na bandeira tricolor, pero deseguida os pasaron ás sabas roxigualda, dúas franxas de sangue, unha polos roxos e a outra polos azuis; no medio, a ictericia, o marelo da pobreza. O que non volveu mutilado, veu aterrorizado. Detivérase o progreso, e houbo que emigrar de novo, aínda que esta vez algo máis cerca, pasando frío e collendo frieiras por Europa arriba. Moitos dos fillos da segunda xeración criáronse cos avós, mimados pero non escarmentados. Os casamentos fixéronse con pompa, pero tamén con vaidade; ¡roupas do comercio, flores do comercio, e torta xeada! Non foron de lúa de mel á lúa…, porque non tiñan influenzas na NASA!

Netos: ¡Moitas becas e poucos estímulos, pouco sacrificio! Os pais, ou non sabían, ou estaban ausentes para axudarlles nos deberes, para ensinárlle-los deberes. Tan pronto lles saíu a barba dedicáronse a face-lo amor e non a guerra. Falloulles o pote das papas, e criáronse con sándwichs; por ende, fofos! O seu exercicio foi de ximnasio, co aire viciado. Como os pais estaban ausentes, fose na emigración ou nunha oficina, afastados do fogar, non aprenderon a dicir papá e mamá, senón, papi e mami. Os profesores colléronlles medo, e pasaban as horas lectivas ollando no seu reloxo de pulso en espera do timbre de saída. Con iso de que se pagaba o paro, e se herdaba o piso, e se comía do fogón familiar, nin corrían présa as oposicións nin era preciso esmerarse, fose no estudio ou no traballo…

¡Alto aí, que isto son filípicas, esperpentos, monstros goyescos! ¡Oxalá! Pero en todo caso, xa que as crises son convalecencias, coido que non estaría de máis toma-los reconstituíntes, e…, reflexionar! Non busquemos responsabilidades, que son xenéricas, e non só dos pais. Como dixo Ortega: “Yo soy yo y mis circunstancias”. ¡Iso, botémoslle a culpa ás circunstancias! E perdón polas molestias, que non é grato menta-la forca na casa do aforcado.

Xosé María Gómez Vilabella