Saimos desde San Paio, non desde o Mesón, polo camiño que viría desde o Mesón e nos tería que levar polas Agueirea e A Granda camiño de Paderne, mais o estado dos camiños fíxonos coller outra alternativa e camiñar en dirección ao lugar do Canteiro e desde aquí ata igrexa de Paderne. Igrexa que conserva pinturas do século XV, chama a atención o afastamento da igrexa da parroquia. Esta parroquia ten unhas casas con boa construcción, son de salientar as súas fontes ao pé do camiño, tamén a casa e capela da casa de Pallín. Desde aquí baixamos á vella estrada de Fonsagrada e pronto estariamos nos Muíños de Abaixo que é a primeira casa de Romeán, e como fai referencia o seu nome con muíño. Estamos no río Rade, da Pallota ou de Romeán, que está cheo de muíños desde, Vilaxurxo, a Pallota e o propio Romeán, este río fai de linde entre os concellos de Castroverde e Lugo, sendo un dos afluentes do río Chamoso, que se xunta cos regos-ríos que nacen en Bolaño e Pena na Ponte Galiñeiros, hoxe o Concello do Corgo, mais estamos no condado do Chamoso como ben indican os seus regos-ríos.
Desde aquí a Romeán ao pé da casa Pataqueiras, pola corredoira do Muíño e o antigo souto coñecido com Cainzo de Brois, deica o Campo do Outeiro, parroquia con boas casas onde é de salientar a Casa Grande ou pazo de Romeán adquirida pola familia Áreas arredor do ano 1900, mais que foi dos Fole de Navia, varias xeracións que arricando este couto do ano 1600, chega ata don Reinaldo Fole Quiroga, pai do insigne escritor e xornalista Ánxel Fole.
Casa grande ou pazo dos mellores da zona de planta cuadrangular e dous andares, cun frontón na fachada principal, con catro cuarteis contendo o león rampante dos Fole e roble dos Pérez no primeiro cuarto, torre e león no segundo, carballo con dous lobos no terceiro cuarto, e no último a barra dos Navia. Na parte posterior corredor con cinco columnas no andar superior.
Logo dirixímonos ao campo da festa e igrexa, lástima que lle meteran un asfaltado polo medio e medio. A igrexa é de finais do século XVIII, principios do XIX, aínda que non a visitamos sabemos que ten tallas de San Roque, San Pedro e Santiago.
Ao carón do Campo da festa e igrexa, a rectoral e a casra da familia García Armero que estivo emparentada ou tivo propiedades en Soutomerille. Desde aquí hai unha fermosa visita sobre a parroquia, logo seguimos polo camiño que vai por encima da rectoral para chegarmos a un amplo camiño que todo indica que foi un camiño moi antigo, camiño, probablemente real para ir á feira de Adai desde Gondar, Barredo, A Meda ou mesmo desde Zonas da Terra Cha. Seguindo o camiño e cruzando a nova, a acual estrada da Fonsagrada chegamos á canteira de Bascuas, deplorable situación para os viandantes, como tantas veces temos comentado e denunciado, desde aquí polo camiño da Caciza ata igrexa de Bascuas.
Non continuamos camiño, porque voltamos para ensinarlles aos amigos da Asociación Parque Rosalía e outras dúas amigas; Maria e Celia a outra alternativa ao Camiño, a primitiva, desde o castiñeiro do Neto, visitando a Croa e parroquia de Soutomerille. Dámoslles as grzas a todos eles por acompañarnos e non comentamos mais sobre Soutomerille porque xa o temos feito noutras ocasións.
Saúde-Terra e Lingua.
Manolo Muñiz
Deixa unha resposta