Ingresos con e sen oposición
Ante todo non se me diga que isto non é Castroverde, patrimonio de Castroverde, pois neste cárcere, no vello de Lugo, Castroverde tiña, ou aínda ten, unha participación importante. Pero aquí voume lembrar doutros títulos: os ingresos na mesma, con e sen oposición.
Os tres irmáns Pereira, e seu cuñado Darío, ingresaron, nos 40, como Oficiais, séxase, mediante Oposición. Por aqueles días tamén ingresaron, ¡pero como internos!, o Castelo de Pena e mailas tres inquilinas da señora Vitoria do Cuco.
Haberá que demostralo para que se crea, e vou empezar polo irmán da Neves: Aquel home saíra tan señorito como traballadora súa irmá. ¡Naquelas xestacións algo estivo mal repartido! En certa ocasión, morriñoso do cárcere, onde se comía pouco pero traballábase menos pois o pazo de Tella xa estaba rematado, ocorréuselle ao rapaz roubarlle uns queixos a un veciño e subir a comelos ao faiado do salón. Os da casa, de noite, oíron pateo arriba, no faio… ¡Era o intruso, contra os leiróns, que lle disputaban o queixo! O dono da casa, lembrando que vira ao veciño atusmando na cerca, discorreu aparta-la mesa-comedor, pola que obviamente tiña subido o merodeador, aquel acaparador dos queixos, que así non podería baixar do faiado, nin de día nin de noite.
Ao amencer colleu a besta e foise a Castroverde polos Gardas. Puxeron unha escada, e o Castelo baixou lentamente.
-¿Por qué me fixeches isto; se mos pedises, acabábamos antes?
-Señores Gardas, admítanlle a denuncia, que a merezo, e tamén a necesito: ¡O plan é que me volvan a levar preso, outra tempadiña, polo menos ata que veña o verán, e me saia un traballo…!
Claro que o ingresaron en Prisións, pero como interno.
O outro caso foi entre Lugo e Montecubeiro: Volvía das segas o fillo da Panceira, e de chegado a Lugo entroulle a curiosidade de coñecer á María dos Quintos, de quen tiña oído falar. María xa se retirara do oficio, pero na súa casa despachaban tres mozas peitudas, que asomadas ás ventás ofrecían a mercadoría cantando.
O Panceiro, á hora de pagar, díxolles: -En catro semanas é a festa de Montecubeiro, e se non me cobrades hei de buscarvos unha casa onde poderedes exercer os dos días da festa. Teño veciños con cartos, e xa vos presentarei.
De volta á parroquia falou coa filla do Cuco, e díxolle: -Van vir tres artistas, amigas miñas, para cantarlle ao Santo, e comprometinme a buscarlles aloxamento. Ti podes durmir abaixo, na cambariña que foi de teus pais, e como estes días, de paso que axudas na reitoral, xa comes na casa do señor Cura… ¡Hanche pagar ben pagado, que respondo por elas!
Nada máis pasar a procesión por diante da casa do Cuco, as rapazas deron en cantar desde as ventás para que correse o son da súa música, e fosen subindo os potenciais clientes. Mais nisto, aquel Párroco, don Benito, tan listo e tan celoso dos seus deberes, decatouse de que aquela música non era sacra, así que mandou aló ao Sancristán, para que vise e informase ipso facto. As rapazas deron en acariñalo, pero Afonso resistiuse. A todo isto quitáronlle o reloxo de ouro, que sempre o levaba no seu chaleco de pana, coa leontina correspondente. –Devolvémoscho mañá, cando nos marchemos, pero a condición de que non vas denunciarnos.
Ben lle notaron o aprecio en que tiña a xoia susodita, e logo que en vista de que non lles subían admiradores, o que lles conviña a elas era que as detivese a Garda Civil, que así levaríanas ao cárcere, ¡por roubo! ¡A falta de clientes, cadeas, que outro oficio non tiñan!
Se alguén non me cree, nin cos detalles que dou, que pregunte aos vellos do lugar, que aínda queda algún da miña idade, pois isto foi público e notorio.
Xosé María Gómez Vilabella
Deixa unha resposta