"Eólica Así Non" convoca mobilizacións na defensa das Montañas fronte a gobernos e especuladores
Haberá mobilizacións en Amil-Moraña, Val do Dubra, Ortigueira, Lugo, A Fonsagrada e Vilar de Barrio.
Con motivo do Día Mundial das Montañas, a Coordinadora Eólica Así Non, conformada por máis de 200 plataformas, colectivos e organizacións galegas, convoca novas mobilizacións de carácter provincial e comarcal, que terán lugar os días 9 e 10 de decembro. Os actos reivindicativos terán lugar en forma de concentracións, marchas e andainas, nas seguintes localizacións: Amil (Moraña), na provincia de Pontevedra; en Vilar de Barrio, na provincia de Ourense; Campo de Carlexo (Val do Dubra) e Ortigueira, na provincia da Coruña; e na capital lucense e A Fonsagrada, na provincia de Lugo. Agás no caso da Fonsagrada, todas as demais mobilizacións celebraranse na mañá do domingo, día 10 de decembro.
O lema empregado nesta ocasión para os actos reivindicativos será: “Defendemos as montañas fronte a gobernos e especuladores”, co propósito de ensalzar o determinante papel que está a xogar a sociedade civil organizada na defensa do territorio galego fronte o espolio eólico e a traizón dos gobernos.
O pobo, empoderado na defensa do territorio
Esta é a terceira edición na que a Coordinadora Eólica Así Non aproveita o Día Mundial das Montañas para apelar ás administracións públicas a defender os valores e recursos naturais comúns dos montes galegos fronte á depredación eólica. Porén, hai tempo que os gobernos da Xunta e do Estado veñen demostrando un manifesto abandono da súa función pública como valedores do interese xeral no proceso de transición ecolóxica, para poñerse ao servizo do lobby enerxético. Aos decretos de guerra do Estado español, que eliminan a avaliación ambiental da tramitación das autorizacións de renovábeis, súmanse agora as novas iniciativas lexislativas de excepción da Xunta de Galiza que declaran a prevaleza dos proxectos eólicos sobre calquera outra actividade no territorio, e que destinan inxentes recursos públicos a sociedades público-privadas explotadoras de recursos naturais, nas que a Xunta está en minoría. Estas recentes disposicións normativas de carácter extraordinario e antidemocrático constatan unha vez máis a verdadeira intención de quen nos goberna: entregar o noso país ao capital privado e favorecer os seus intereses especulativos.
Ao tempo, tanto Xunta como Estado seguen a demorar sine die a ampliación dos espazos naturais protexidos galegos e a protección de zonas húmidas, ademais de insistir, baixo o manido pretexto da simplificación administrativa, no recorte da capacidade de intervención das organizacións sociais e das comunidades afectadas nos procedementos administrativos de planificación e autorización dos proxectos.
Por se fose pouco, o Executivo galego e a patronal eólica, contrariados polas recentes sentenzas anulatorias e paralizacións cautelares de proxectos eólicos ilegais, están a protagonizar nos últimos meses unha vergoñenta campaña de descrédito e coacción contra o Tribunal Superior de Xustiza, na que se acusa sen contemplacións ao poder xudicial de facer política e de crear inseguridade xurídica. Tal servilismo e deixazón de funcións públicas por parte dos gobernos está alimentando a potestade do lobby enerxético para exercer con máis forza os seus abusos sobre as poboacións afectadas, obstruíndo o acceso á información, ocupando grandes superficies, expropiando terras sen previa negociaición, e fragmentando fraudulentamente os seus macroproxectos para saltarse as salvagardas legais en materia de protección ambiental e de participación pública.
Este modelo intensivo e especulativo de implantación de enerxías renovábeis entrega o país enteiro a mans das grandes eléctricas e incapacita a sociedade galega para acadar un tránsito ordenado, equilibrado, ecolóxico e xusto cara a un territorio libre de combustíbeis fósiles. O tempo e os feitos veñen unha vez máis a darnos a razón, demostrando que son eles, os gobernos e especuladores, os que crean inseguridade xurídica, e somos nós, os galegos e galegas, as que estamos defendendo a nosa terra para termos un futuro.
As montañas, de interese público de primeira orde
As montañas son as nacentes do 80% dos ríos e regatos que abastecen de auga o noso territorio, regulan o clima, controlan a erosión do solo, crean paisaxe, outorgan alimento e outros recursos básicos, preservan a biodiversidade, captan CO2, acollen especies, endemismos, e hábitats protexidos, e constitúen o fogar secular de boa parte da poboación rural galega. Sen elas non sería posible a vida. Sen embargo, non gozan da consideración de “interese público superior” nin se fai prevalecer a súa preservación sobre os intereses privados do gran capital. Desde a Coordinadora “Eólica Así Non” mobilizámonos tamén no Día Mundial das Montañas para reclamar a súa consideración como ecosistemas de interese público de primeira orde, e como principais garantes de saúde, seguridade e futuro do pobo galego.
Deixa unha resposta