ROTEIRO DA AUGA – GUITIRIZ (BREVE RESUMO)

Sábado, 20 de outubro de 2018

Nun día luminoso de outono, percorremos parte do roteiro da auga. Desde a capela de San Alberte ata Parga.

Comezamos coa explicación da situación do concello de Guitiriz por parte, de Olga, técnica do Concello, a quen agradecemos, desde aquí as súas explicacións ao longo do percorrido.

Empezando pola ponte de San Alberte sobre o río Parga, continuando coa visita á fonte, cruceiro e capela, de capela ten pouco, situada nunha contorna previlixiada, de orixe románica con elementos góticos, canzorros e capiteis con múltiples simboloxías, cunha fachada do século XVIII. Pola parte de arriba, un hospital de peregrinos. Continuamos a carón do río Parga cun percorrido ben fermoso ata a fonte medicinal de Valdobín. Seguimos ata Parga onde nos agardaba a nosa veciña, Regina Polín, alcaldesa de Guitiriz a quen agradecemos desde aquí, a súa amabilidade. Logo de probar a torta de millo, subimos á Proba de Parga onde queda o resto do castelo e a igrexa. Aquí tivemos a sorpresa dunha visita teatralizada, a cargo de (Marcial, arqueólogo e Judit arquiveira), que están a dinamizar Parga e Guitiriz, a quen agradecemos o seu traballo polas súas explicacións arredor da historia do castelo e as súas vicisitudes, vendo como a aldea foi cosntruída cos muros do mesmo, indicando varios dos elementos que se encontran en diversas casas.

Visita á igrexa de orixe románica, situada sobre un antigo castro. Presentando restos románicos do século XII. Fachada do século XVIII. Con pinturas moi interesantes do s. XV que representan escenas da Paixón, Anunciación e Cristo en Maxestade. Aras con inscripcións romanas e tres retábulos barrocos, con tallas dos ss. XVII-XVIII.

Logo de xantar, e facendo de guía Regina, a quen agradecemos, novamente, a súa amabilidade, visitamos Guitiriz; a praza a carón da igrexa onde son de salientar un reloxo analemático, hórreo e recuncho da infancia, unha homenaxe aos nenos.

Para rematar, visita ao fermoso lugar dos sete muíños, cunha piscina natural no río Escádebas, en realidade son cinco, mais chamado así, porque dous dos muíños teñen dúas moas, e de aí o de sete muíños.

Saúde, Terra, Lingua e Patrimonio.

Outono de 2018