CULTURA HERDADA

-III-

Seguimos co ensino

Non eran os mestres trapeiros de polas portas. Non é así; non había tal oferta, como podía ser o das cuadrillas de segadores: O mestre pescudábase, inveteradamente, de cerca ou de lonxe, despois dunhas concienciudas referencias. De ser escola colectiva, ían para falar con el, a tempo, unha comisión, dous ou tres pais de familia encabezados por aquel ou aqueles que puxesen os locais.

Aquí ao lado, en Asturias, circulaba máis diñeiro debido, principalmente, á súa emigración global, xeneralizada, anterior á de Galicia, destacando tamén en artesanado. Aí as melloras aos vinculeiros nunca foron tan absolutas como en Galicia.

Deixando as comparacións de zona: Aquí o mestre era moi solicitado, totalmente rifado, pois os de prestixio escaseaban; e logo que as escolas públicas eran sostidas polos municipios, e máis tarde, polo Estado. Os veciños que construíron locais ad hoc para escolas, certo é que lle cobraban unha miseria de aluguer ao concello respectivo, pero fixéronas no seu papel de elite socio-económica, ¡para beneficiar aos seus fillos, por suposto!

Falouse de mestres clandestinos, pero non había tal. Iso, en todo caso, dicíano os Nacionais, amolados por unha competencia que os desprestixiaba, culpa principalmente do seu absentismo: ¡Mañá é feira; tedes punto! E por aí adiante. Os Inspectores, se cumprisen coa súa obriga, se non encubrisen aos Nacionais, decataríanse do problema e deixaríanse de elucubracións torpes e insidiosas. ¿Uns inspectores que avisaban aos mestres con quince días de anticipación? ¡Pois vaia inspección!

A escola oficial, “Nacional”, foi concibida desde a Capital, con programas totalmente en castelán, adaptados máis ben para formar, para darlles base aos potenciais alumnos dos ciclos superiores; en definitiva, para señoritos da capital. Os nenos da aldea precisaban doutro pan, cousa que nunca se preveu desde arriba. Por outra parte, a escola particular, rural, era unha auténtica formación profesional, cousa, distinción, que veu precisamente, oficialmente, desde que a aldea desaparecera como tal, desde que se globalizou coa capital. Considero digna dun profundo estudio esa pugna, esa competencia, entre os mestres nacionais e mailos particulares.

Para os que tiñan por ensino rutineiro aquelas escoliñas do ferrado, direilles, coa miña experiencia de ambas, que rutina era mete-los nenos da aldea nunha burbulla oficial para así inxectarlles uns coñecementos traducidos, que en xeral non lles eran útiles, nin doadamente asimilables.

Contexto oficial:

1753. O Concordato, xestado con toda clase de intrigas por ambas partes, significou a submisión do Episcopado á Coroa, por se xa o estivese pouco en Galicia con respecto ás institucións castelás. Neste punto de inflexión, o rural, que viña sendo promocionado pola Igrexa local, séntese desprotexido e inicia a súa autosuficiencia laical. De aquí arrincan os mestres rurais, que o serán todo para os seus conveciños menos catequistas, función caseira en primeira instancia, e parroquial por elevación.

En certo sentido, o mestre rural foi a antítese da clerecía. Certo é que procedía dela, dos seus saberes, da súa ilustración, pero cultivaron a rebeldía dos seus coñecementos, dos propios, dos impartidos, fronte á oposición caciquil, piramidal, da xerarquía eclesiástica conivente cos mandos gobernativos. Aquí empezou, ou máis exactamente agravouse a situación, tendo o seu ápice no 1936, particularmente naquelas instrucións do arcebispo de Santiago ordenando aos párrocos que se abstivesen de estender certificados de boa conducta aos fregueses que estivesen afiliados ou simpatizasen con sociedades marxistas ou similares. Pero a cousa non se quedou niso dos certificados senón que a clerecía rural, mangoneouna de seu, procedente moita e dela da pequena burguesía, que os fidalgos xa ían extinguidos, e que viña sendo freada pola culturización progresiva dos mestres, lanzouse ás denuncias, ás delacións xeneralizadas, unha verdadeira cruzada inquisitorial, ou peor aínda, xa que nin simulacro de xuízo se lles facía aos acusados. ¿Marxistas? ¿Marxista un galego daqueles do rural, idólatra da súa vaquiña e da súa leira? Á parte de que no 36 tanto os marxistas comas os falangistas eran tan escasos coma os trigos de dúas espigas.

A “Pepa”, Constitución do ano 1812, preconizaba no seu artigo 366: “En todos los pueblos de la Monarquía se establecerán escuelas de primeras letras…” ¡Xa! Nesa Constitución tamén se estableceron as gradacións de primaria, secundaria e superior, pero todo iso foi utopía ata o ano 1857 no que a Lei Moyano retomou o tema…, ¡para Castela! En Galicia non tiñamos apenas núcleos de máis de 500 habitantes, ¡que eran os dotables con aquelas escolas chamadas “completas”!

No 1860 as Juntas Locales de Galicia, ben seguro que por iniciativa das sociedades económicas, fixeron un censo ilustrativo, resultando que para 3.289 parroquias, coas cidades incluídas, só funcionaban 1.457 escolas, ¡e para iso a maior parte delas rurais, privadas, temporais!

…/…

Xosé María Gómez Vilabella