BREVE RESUMO

IV Encontro Sendeirista e Cultural "Lucus a Pé”

Varias asociacións, entre elas, media ducia da Asoc. Amigos do Patrimonio participamos no IV Encontro Sendeirista e Cultural "Lucus a Pé” onde puidemos ver, unha vez máis, os monumentos máis emblemáticos da cidade e parte do magnífico cinto verde da súa contorna.

O acto comezou ás 9’30 da mañá coa reunión e recepción dos participantes na Rúa San Marcos, en fronte ao edificio da Deputación de Lugo, onde ademais da entrega de información e vales, deron a benvida por parte dos organizadores..

Comezou o percorrido accedendo ao adarve da Muralla Romana polas escaleiras laterais da Porta Falsa situada na Praza do Ferrol, onde se realizou un acto de recreación histórica por membros da Asociación de Recreación Histórica "Terra Copora".

Tras percorrer un tramo da Muralla, descendemos na Porta de Santiago, para pasar a carón da Catedral e a Piscina Romana de Santa María, saíndo de novo pola Porta de Santiago cara á Ponte Romana pola Calzada da Ponte. O percorrido continuou polo paseo do Río Miño percorrendo parte do mesmo polas súas beiras, e atravesando as magníficas paraxes e bosques de ribeira que nos ofrece o Miño ao seu paso por Lugo.

Tivemos dúas posibilidades para facer o roteiro: Un máis curto polo Miño (12,200 Km en total) e outro mías longo (17,700 Km) subindo ao pé do río Mera. Uns fixemos o percorrido curto e outros o longo, concluíndo no espazo verde do Club Fluvial de Lugo onde tivo lugar a comida ao aire libre e un merecido descanso co río como compañeiro de excepción.

Saúde, Terra e Lingua

Manolo