Onte, sábado, día 9 de novembro comenzamos o roteiro desde o lado do Cádavo, camiñando en dirección ao Val do río Neira podendo contemplar, aínda que mal, por mor da néboa, as parroquias e lugares de: Esperela, Puñago, Corveira, Vilar, etc. Logo, fomos ascendendo ata o cumio da Vacariza por Pena Petada a unha altitude duns novecentos metros. Seguidamente puidemos contemplar xa lugares de Castro Verde; San Cosme de Barreiros, Vilacote, Masoucos, e se estivera un día claro poderiamos ver a cidade de Lugo. 

Fomos descendendo polo limite entre os concellos do Cádvo  e Castro Verde ata achegarmos á igrexa de Masoucos, antes pasamos ao pé das Fontes de Lamas, “Pollos”, pensamos que tería que ser Poios, pedra onde se pon algo, pode ser o pé para pasar un rego, ou pedra para pousar algunha cousa; sela, caldeiro…; por fermosos camiños de castiñeiros e carballos puidemos ver a abundancia de castañas que ten este lugar. 

Achegámonos, como diciamos, á igrexa de Masoucos, onde estivermos xa noutras ocasións, situada ao pé do castro, pensamos que é unha fermosa peza arquitectónica do noso rural, alguén comentou se sabíamos a procedencia da palabra Masoucos, eu comentei algo, mais aí vai a explicación que dá o investigador, D. Nicandro Ares na Revista Lvcensia, nº 18 di: “ Masoucos rima co pontevedrés Badoucos, co ourensán Roucos, co coruñés Moucos.. e cos lucenses Fixoucos e Penoucos poderíase comparar con mazuco, “pequenos batáns” con base en maza, matia, macia, masia.  Por outra parte Masoucos puido ser tamén massa,  “mansión, herdade dun mosteiro” co diminutivo – ucus.

Trascastro, xa que imos aludir despois a ela, é unha aldea ubicada trans castrum “detrás do castro”
Logo de facer unha foto, algúns subimos ao castro, baixando para o lugar do Barrial puidemos ver a fonte de Ribadaira e un forno en reconstrucción, parabéns aos veciños pola recuperación destes elementos patrimoniais, desde aquí como diciamos, camiño do Barrial puidemos ver a súa fonte e ao fondo de todo camiñando por un fermoso carreiro puidemos ver o fermoso enclave do muíño de Dourado, de volta pasamos por outro fermoso souto, subimos bordeando o castro para chegar a Trascastro, onde temos outra fermosa fonte, mais que se encontra nestes momentos con terra, agardamos que se poida recuperar. Desde Trascastro baixamos ao lugar do Albardeiro onde nos veu recoller o autobús.
Pola tarde tivemos a asamblea e magosto.

Ao non haber outra candidatura e para non disolver a asociación tivemos que continuar asumindo a Xunta Directiva as mesmas persoas coa incorporación dos vogais: Mª Ermitas Fernández e César Gómez.
Ao remate da Asemblea, algúns, participaron no magosto organizado polo concello.

Saúde, Terra e Lingua. 
Manolo

ENDEREZO AO ÁLBUM: 
https://picasaweb.google.com/amigosdopatrimoniodecastroverd/RESUMOROTEIROFONTESDEMASOUCOSEASUACONTORNAASEMBLEAEMAGOSTO?authuser=0&feat=directlink