Impresionado polas animaladas dese asasino de Toulouse, ese tal Mohamed Merah, véuseme á imaxinación aquel debuxo do noso paisano Regueiro no que tan ben captou os efectos dun siroco. ¡Máis asirocado có Merah, imposible, e iso que non se criou no Sáhara!
Segundo o mito, debémoslle a Epimeteo que, namorado perdidamente de Pandora, tivese a malsá curiosidade de abrirlle a caixa da súa dote…, disparándoselle os ventos! E menos mal que lles quedou dentro o único positivo, a Esperanza! Con tales asirocados cabalgando nos seus cabalos mouros logo dan ganas de esconderse en Naveda, ou aínda máis arriba, aínda que sexa entre os toxos…, para fuxir das traxedias inherentes! Cando dabamos o mundo occidental por sosegado e ilustrado, de cando en vez desbócanse os cabalos da intolerancia, do fanatismo, e dan qué sentir.
¿Qué podemos facer? ¡Só hai un remedio, ter fillos, coa esperanza de que algún se librará da tolemia, e amansará nos outros, que por engado adoitan ser os máis prolíficos! Nisto, precisamente nisto, está o talón de Aquiles da vulnerabilidade europea: Cando a prosperidade deste continente, e con ela a salubridade da súa xente, propiciou unha prole desbordante, e por ende, emigrante, mandante, mangoneona; a inmediata foi poñerse a navegar, a invadir, a explotar…, pero aqueles invadidos, pouco a pouco, coa salubridade recibida, aportada, deron en multiplicarse…, mentres os seus invasores se desangraban en guerras interiores, intestinas. ¡De colonizadores, colonizados, pois incluso lles perforamos os seus pozos petrolíferos! Rexeitados, desbotados, os europeos tornaron para a casa matriz, onde: Estiñaron as súas feridas, e volveron a prosperar; déronlles cultura e traballo ás mulleres, e estas, entre que non podían, e que tampouco querían molestias, puxéronse a trebellar, pero, ¡para a feira! A prosperidade e a mecánica trouxeron consigo o desafecto polas manualidades; daquela, con iso, e tamén por causa diso, ¡abriron, abrimos, as fronteiras, pagándolles incluso a viaxe aos resentidos, aos fanáticos, que xa estaba ben de que as invasións as fixesen os bárbaros do Norte!
¡É o péndulo de Faucault, e quen non perciba estas oscilacións históricas será que está cego, aínda que abra os ollos!
Xosé María Gómez Vilabella
Deixa unha resposta