O PROGRESO
Europa Press (Lugo).
29/01/2009
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Branco, agarda que se bata a marca de visitantes no Xacobeo 2010 e que se chegue a “niveis históricos” en canto a estas visitas á comunidade galega. Branco realizou estas previsións nun encontro en Lugo con distintos colectivos sociais, aos que informou dun investimento de 18 millóns de euros nas distintas rutas que pasan pola provincia durante o presente e o próximo exercicio.
En concreto, na provincia de Lugo destinaranse 7 millóns de euros a melloras no camiño Francés, ademais de 7,5 millóns para o Primitivo e 3,5 para o Norte.
Igualmente, este departamento prevé outras 50 intervencións de variada tipoloxía, desde dotacións de albergues e servizos, até melloras no patrimonio histórico e artístico, pasando por actuacións nos trazados das rutas e espazos públicos.
Para completar a rede de albergues acometerase a construción de dúas en Castroverde, en Ribadeo, A Fonsagrada e Palas de Rei. As intervencións centraranse en restauración de fachadas, cubertas, retablos e contornos de diferentes igrexas, entre as que enumerou as de Ou Carme, Santiago e San Miguel no municipio de Lugo, a de Retorta en Guntín, as tallas visigóticas de Saamasas e a igrexa e claustros do mosteiro da Magdalena en Sarria.
Deixa unha resposta