O barroco volve a resplandecer
Tania F. Lombao (Castroverde).
O párroco do lugar, Manuel Varela, explicou que tras a súa proposta, a Dirección Xeral de Patrimonio asumiu o proxecto e concedeu 43.300 euros para as reformas. A empresa que se encarga das mesmas é Atlas, escollida por concurso público, e participan nas tarefas dúas persoas, ou tres algúns días. A restauración comezou no mes de febreiro co tratamento do retablo da Visitación, que tiña moita carcoma. ”Desmontamos toda a estrutura para recuperar a resistencia da madeira por medio de resinas sintéticas e novos insertos de madeira”, explica Begoña Freire, unha das restauradoras.
O seguinte paso foi a traballar coa policromía, sobre todo o ouro, facendo fixacións a partir de adhesivos acrílicos, que despois se limparon con disolventes. Nas zonas nas que falta ouro ”estucouse” con sulfato cálcico e restos de peles de animais. Finalmente, fíxose unha reintegración cromática para conseguir a homogeneidad. O outro retablo, que sufrirá un proceso similar, aínda non foi tratado, pero esperan acabar en setembro.
Manuel Varela considera que ”unha igrexa como esta” debería estar aberta para atender aos peregrinos e impulsar así o Camiño Primitivo que, sinala, aínda ten carencias. ”Hai un gran fallo de estruturas, como albergues, na ruta xacobea”, resume.
01/08/2008
Deixa unha resposta