PARQUE MULTIAVENTURA na devesa de Escairón.
Dende ADEGA e ante a cuestión suscitada da instalación dun parque multiaventura na Devesa de Escairón como parte da “Proposta e creación de novos produtos turísticos no entorno dos ríos Miño e Sil na Ribeira Sacra” queremos facer constar o seguinte:
1º ADEGA solicita do Concello, da Xunta, dos diferentes grupos políticos ou de calquera tipo de institución ou asociación pública ou privada que ao amparo da Lei 9/2001 da Conservación da Natureza e do Decreto 67/2007 polo que se regula o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras inicien os trámites pertinentes para que se inclúa esta Devesa dentro dunha figura específica de protección natural. Deste xeito estará protexida e libre de determinadas actuacións dende o noso punto de vista insensatas e fóra de lugar. Do mesmo xeito, este tipo de protección daría pé para a recepción de axudas para a súa conservación, mellora e protección.
2º Así mesmo, ADEGA vén de solicitar do concello que no trámite aberto de elaboración do PXOM se faga unha catalogación dos espazos naturais cos que conta o concello para a súa protección posterior a través de figuras como o ENIL (Espazo Natural de Interese Local), figura que pode xurdir a través da iniciativa propia do concello.
3º No concello do Saviñao, ademais dunha riqueza etnográfica sobresaínte conta cunha riqueza ambiental excepcional; coas características similares á Devesa de Escairón temos o Campo da Festa de Aiaz, o Campo da feira de Currelos ou a Devesa da Pena de Marrube por citar algúns exemplos e que deberan tamén contar cunha figura de protección específica.
En Lugo a 23 de abril de 2007. Daniel López Vispo e Lois Manoel Toirán Vázquez. ADEGA-LUGO.
Asociación para a Defensa Ecolóxica de GAliza
Rolda Das Fontiñas, 180, entrechán. 27002 LUGO
Tlfn: 982 240299/ 619808662 / 639664924
www.adega.info
[email protected]
Deixa unha resposta