Miscelánea

Avós que pasaron á historia: Landriz do Fato

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Esta achega vai dedicada, con todo afecto e respecto, ao cóengo Eladio Vega Landriz, e supón unha admiración, que non unha crítica, para co seu avó Landriz. Casualmente o cóengo Vega Landriz estudou no Seminario de Lugo cunha beca do célebre Cura Valiño, tamén do Fato, curmán de seu avó e autor do libro de poemas, “Surcando el Miño”, ¡que se vendeu a 1 peseta exemplar, coa modesta xustificación en portada de que, “Poco valdrá, pero menos costará”!

Landriz foi unha institución, unha máis das de Castroverde; un personaxe real, de feitos que transcenden a simple anécdota pois acadan a categoría de míticos pola súa xenialidade e/ou pola súa orixinalidade. Persoalmente, -e ben que sinto non ter sequera un retrato seu-, só o vin unha vez, -que daquela xa vivía en Trasín, na casa da súa filla Dolores-, cando me quitou unha moa das de leite por culpa de que torcía a que viña tras dela; hoxe, que teño que ir ao dentista, -odontólogos lles din agora-, para sacar precisamente aquela que me salvou Landriz, non podo pasar sen deixar por escrito catro anacos da súa inmensa biografía: ¡De zoqueiro a dentista!

A primeira aventura/travesura que se conta deste home foi que, por vender seu pai uns ameneiros en vez de darllos para que fixese zocas, colleu un trade, furounos, e meteulle a cada tronco un cartucho de dinamita dos que usaban na louseira da Mouriña. Toda a parroquia de Montecubeiro foi ve-las árbores desfeitas e moito se marabillaron de que unha ¿centella? caída do ceo na última tormenta fixese tantas estelas.

Casou e viviu ao Fato, enviuvando moi cedo, pero aquel “Tenorio”, digno dun Zorrilla, deuse ao viño en substitución do sexo, ata que…

Vouno contar con algún detalle, pois coido que vale a pena dada a magnitude desta aventura. A min referiumo o propio interesado aquel día do dente, que me dixo: “Hai que coidar da boca, que a precisamos para comer, pero non lle deas viño, e menos neste país dos lobos, que o home sobrio pode con eles, pero o borracho, non”. Tempo adiante souben a historia completa, dos beizos da señora Dolores, dos Domínguez de Catatrigo, pero ela, coidando que podía desacreditar ao señor Landriz, relataba o caso como sucedido a un tal “Fidel” de Montecubeiro, así que parto de dúas testemuñas fieis e directas:

-¿E logo, muller? ¡Cóntame iso! ¿Que pasou co Fidel?

(Como eu xa estaba en antecedentes, en lugar de “Fidel”, [1]) agora escribirei “Landriz”, que tamén ela o citou polo seu apelido, pero dándolle a volta aos personaxes para encubrir ao verdadeiro protagonista)

-Pois que ese Fulano foi vender zocas á Fonsagrada (que era a onde se levaban as defectuosas, as que non tiñan saída na feira de Castroverde), aló por Aninovo. Despois, á volta, no Cádavo, papou unha enchente do diaño, e veuse de noite, por aquí, por Librán. Ao outro día, sen saber nada daquela chea, fun á Serra, (ela, a relatora, a propia Dolores), para baixa-las bestas, que empezaba a nevarada.

Subín polo camiño que levamos para ir a Castroverde, e andei buscando nas eguas polas camposas, arriba de Vilabade, mesmo onde se cruza o camiño do Miradoiro. ¡Zoaba un vento que cortaba a cara coma se fose unha barbeira! ¡Me cago en Tal, e como se presentaba aquela noite, tal coma a boca do lobo! Eu levaba un brazado de verzas para tenta-las eguas e arramalalas…; ¡pois quedáronseme coma garabullos, coa xeada! Pero tirei para adiante, ¡que é o único que sei facer! As bestas non podían seguir no monte con aquel tempo do nabo, así que me atarapucei co mandil e botei a correr pola serra.

Despois de moito buscar, que a néboa estaba pecha, din coas bestas, arriba da Chousa do Escribán, nunha gabia, mesmo ao pé dunha xesteira. Ao velas, como xa non tiña présa, agacheime a descansar, tamén ao abeiro das xestas, e de paso para coller folgos por se as eguas se espantaban e tiña que seguir detrás, ofrecéndolles as verzas. Cando decidín achegarme, os ramais tamén se puxeran tesos da xeada, ¡igual cás verzas! ¡Léveme nunca o demo, qué fixen, que agora non podo encuallalas! Nisto que vexo unha pociña, así que se me ocorreu darlle unha zocada para rompe-lo vidro, pero como estaba tan dura, ¡tiven que mexarlle primeiro! Así abrandei as cordas naquela auga, pero, ¡maldita sexa, que a fixen boa, que mollei os pés, e ata se me fixeron de vidro as miñas medias de la!

Non me volvín tola de milagre pois, canto facía, canto se volvía do revés; e menos mal que me deu por zorrega-las cordas contra unha xesta gordísima, das do valado de Vilabade, e daquela abrandeinas un pouco. As verzas, para amolentalas, envolvinas no mandil, así que despois tiña as verzas brandas, ¡e o mandil teso! Nisto, que o cabalo da grea deu en rinchar paseándose ao redor das eguas, que é como fan para protexelas. ¡Me cago no de Lugo, o que me faltaba, que seica anda por aquí o lobo, á manada, que estamos en Xaneiro!

Como puiden, funlle dando a cada besta súa verza, e despois trinqueilles os lazos, e fun atando as cordas á xesta gorda, ata que as reunín todas… Pero non eran todas, que se achegou outra, unha descoñecida, ¡con albarda e ben cinchada, mesmo como se a parise aquela néboa! A besta era moura e estaba mal mantida, sen marca algunha; a cabezada era de coiro fresco, cunha corda de pita tan longa que lle arrastraba por entre das patas dianteiras…

¡Para rematar de volverme tola só me faltaba atoparme cun lobishome! Matinei que tiña que ser que o cabaleiro levara a súa besta á Serra para chegar aos cumios, e que tamén el andaría cos lobos, ¡se cadra á loba…! Matinei un bo anaco e mirei ao redor. ¡Trazas do lobishome, ningunha! Así que, por fin, decidinme, e dixen: Sexa cousa de Deus ou do demo, esta egua non parece estar afeita a comer na serra, e non se vai achegar ao fato das outras… Funme apañando, como puiden, con moitos traballos, ata facerme co seu ramal, e desde que llo trabei xuntei tódalas eguas e tirei para adiante, que o cabalo víñase detrás… Pero o conto non acabou aquí, que cando din volto ao noso camiño, ¡saíume outra aparición! Alí mesmo, nas lindes de Castroverde, vinme rodada de seis ou sete bexatos que non paraban de voar, raseiros, por riba de min. As eguas, ao venta-los bexatos, deron en recuar, en rinchar; todas, menos a da albarda.

Entón véuseme á memoria que eu estivera xurando, así que me arrepentín e pasei a encomendarme a Deus, que o diaño estaba visto que non me axudaba. Din de berros: ¡Soumede [2]) bendito, váleme, que xa veu o demo por min, e quere levarme ao inferno, sen confesión! ¡Foi eficaz! A besta da albarda quedouse queda e puiden montar nela; feito iso, dinlles xostradas ás outras para que collesen cara a Catatrigo… Daquela comezamos a baixar polo camiño da Poza do Barro, ¡pero o demo volveu! A dous pasos diante miña estaban tres lobos, quedos, mirando á barreira, e dándome o cu. ¡Como xa me volvera a fala, berreilles, e apartáronse! A propia besta levoume ás beiras da poza: ¡Un cadáver, un home estrapallado, achantado na auga, que só tiña a cabeza e un brazo para arriba!

Deixalo alí era darllo a comer aos lobos, así que o atei coas cordas que lles quitara ás bestas, e paseinas polos lobetes da albarda. O cadáver estaba feito unha pedra, pero a egua, á forza de darlle xostradas, logrou arrincalo e arrastralo para encima dun altiño. Facendo de tripas corazón conseguín subilo e atravesalo na albarda, atándoo coma se fose un saco da fornada. Nestes esforzos da subida, noteille un palpexiño do seu corazón: ¡Soumede bendito, estache vivo!

Pouco a pouco fomos baixando a Catatrigo, e eu, de par da besta moura, de cando en vez dáballe labazadas ao cadáver, na cara, para ver se por fin resucitaba… Algo de color colleu, así que, de chegada á palleira de Pachín entrei nela, desateino, e tirándolle dunha pata fíxeno caer por riba dun feixe de herba. Desde alí, sen dicirlle nada a ninguén, ¡non fosen pensar que o matara eu!, fun correndo á miña casa e arramplei cun cobertor dos das eguas, e tamén quitei un balde de auga quente do caldeiro de ceba-los porcos. Outra vez na palleira de Pachín, arrinqueille a roupa, todiña, que medio lla esganifei, e funlle botando a auga quente, pouco a pouco, a vez que o fregaba cunhas pallas, ¡coma quen lle quita o sarrio a unha pota vella!

Por fin veulle a fala, e dixo:

-¿Quen son eu, onde estou? ¿No Ceo ou no inferno?

Respondinlle:

-¿Onde coño vas estar? ¡No inferno, non, que no inferno non hai virxes!

Ata entón non se decatara de que estaba en coiros, diante dunha muller, así que o primeiro que fixo foi poñer as mans tapando o seu vergallo!

En vista de que resucitara, chamei a berros en Cas Pachín:

-¡Vide, axiña, que hai un home en coiros na vosa palleira!

Trouxeron roupa do Pachín vello e vestírono; etc., etc.

Despois daquel escarmento, nunca Landriz volveu ao viño, pero si ás mulleres. Entre outras anécdotas e incidentes:

Unha das que pretendeu foi á señora Bibiana, filla de Mariano do Escouredo, pero o pai, ¡que non! Así que, para falar con ela, valeuse desta estrataxema:

Levou consigo ao Escouredo ao rapaz que andaba zoqueando con el, de aprendiz, e instruíuno para que se subise á figueira que tiña Mariano de par da casa… No entrementres, Landriz petou á porta e díxolles:

-Señor Mariano, de casualidade pasaba por aquí, que vou para Berlán…, e vin que está un mozo, aí, na súa figueira, roubándolle os figos…

Perseguido polo Mariano, o rapaz tirouse da figueira, e foi facendo que corría diante del, pero en zigzag, ata o lugar das Cavozas, onde se lle escondeu, tal e como o instruíra o propio Landriz, tempo que aproveitou aquel Don Juan para declararse á rapaza, que por certo non o aceptou.

En vista dese fracaso, pasoulle a proposta matrimonial a unha filla de García de Cobula, que tamén o refusou. Un día, que volvía de zoquear da parroquia de Pena, planeou vingarse dos de García, así que fixo o seguinte: Era noite pecha, sen lúa, e atou un novelo de liño, de moitos metros, ao petador dos García; co outro estremo na man, subiuse a un carballo que tiñan diante da porta, e de ben alto, escondido na folla das ramas, deu en tirar da lea. O petador, petaba, e os de García saían, que o fixeron varias veces, e incluso con velas de cera, pero, ¡nada, que non atinaban a ver a tanza do petador! Chamaron polos veciños, ¡e igualmente, nada, por máis que buscaron nos arredores con velas e fachuzos! Cansos da peripecia, e para quitarlles o medo aos García, os veciños íanse con eles para a cociña, e aos poucos, “¡Tom, tom!”.

Despois de varias horas, e xa coas portas dos García trancadas por dentro, Landriz baixouse do carballo e retirou o fío. ¡Foise!

Os veciños correron a voz de que a casa de García tiña o meigallo, así que, no sucesivo, ¿quen se atrevía a visitalos, e menos de noite? ¡Ninguén! Aquela moza quedou célibe…, ¡por culpa dunha vinganza!

Outras aventuras e propostas houbo, pero en vista dos seus fracasos donjuanescos optou por namorarse dunha veciña do lugar, moi liberal ela, á que chamaban Virginia, Virginia Meilán. (Véxase a páxina 14, do día 22-4-2007, de “Galicia Hoxe”, -Investigación-, “Virginia Meilán, o mal de amar a quen non debía”, por Ruth Fernández) Era costureira, pero tamén predicaba liberdades nos mitins da República. Fusilárona no 1.937, ¡por roja! Iso si, despois de maltratala e de violala coma salvaxes, chamándolle “Puta” porque se entendía co señor Landriz.

A vida e as fazañas deste Landriz darían para unha novela longa, pero rematarei dicindo tan só que arrincaba os dentes danados dándolle ao paciente, ¡ao sufrinte!, unha boa labazada, e para cando o interesado quixese reaccionar, ¡a peza dentaria xa estaba na horta do xenro, arrebolada por riba dos couceiros! Iso da eficacia das labazadas, que tanto podían ser anestésicas como estimulantes, aprendérao en Catatrigo, ¡á súa costa!, pero salvaban vidas.

¡Xa é pena, xa, que se fagan películas de asuntos banais, cando tanta intrahistoria existe nesta Galiza dos nosos pecados!



[1] Este episodio, por extenso, está recollido no meu libro “Historias Intra da Bisbarra”, editado polo S.P. da Deputación P. de Lugo, ano 1.992.

[2] Soumede = San Mamede, que ten unha capela xunto da actual estrada do Cádavo.