¿Pódese pasar?


-XVI-


Novela satírica

de

Gómez Vilabella

-o0o-

A terceira das testemuñas

Nesta filmación celestial, como tódalas demais, retrospectiva, aparece, de novo, o despacho da Secretaría de Churiz. Os dossiers multiplicáranse en tal volume que aquilo xa parecía o Archivo Histórico Nacional, evidencia de que seguía habendo moita actividade; mala, pero moita. Aquí amosa o noso Salmonte embutido nunha zamarra coas lapelas da pel dun raposo, así que, entre a súa humanidade, aquela zamarra e maila carteira dos documentos, case atascou a porta da Secretaría.

-¡Ah, ola Alcalde; logo pareces un Ministro! –Litis cada vez máis bromista, medrado cos seus éxitos, un torto malicioso no país dos cegos, xogando ao gato con aquel socio de cobertura, omnipresente: No Axuntamento, na Construtora, nas cacicadas…; ¡e por se isto fose pouco, naqueles amores compartidos!

-¡Ola, Aurelio! ¿Lémbraste do que me dixeches nunha ocasión, que eu, con termar da vara, xa facía abondo? ¡Pois aquí me tes, termando da vara, pero tamén destes partacolos!

-Xa o vexo, xa; e niso estou, que non mandei que che levasen a firma á túa casa.

-¿Este palleiro…? Non, que non é do Concello; isto son facturas; ¡facturas, e non sei qué máis! Cousas da Urbanizadora, que Mabel está encamada, inapetente, e cunhas décimas, así que me deu estes papeis para que os revises, ti mesmo, que seica corren présa, ¡que o dixo o noso Xerente!

-¡Oh! ¿E de qué está enferma? Eu tiven consultas, a mazo, onte e hoxe, ¡que por iso vos descoidei! -Disimulou.

-Non che sei; ela non se queixa, pero…, ¡tampouco quere falar, e iso desde o outro día…! ¿Cando foi? Ese día no que subiu á Capital por culpa da venda desas casas, desas malditas casas que foron de seu tío… Coido que debeu papar algo que estivese en malas condicións… Non sei, se cadra unha cousa fría, ou requentada, ¡algo que lle sentou mal! Ela, miña pobre, tan delicadiña, tan tenra…; e logo aquel día tan desapracible, tan tarde que volveu…, ¡ás tantas da noite!

En efecto, así fora: Aquel contratempo nas carballeiras da estrada, o chan mollado, o coche do Secretario, que lles patinou cen veces para sacalo daquelas pichocas do batoco, coa Mabeliña trás das rodas, dándolle cheda, enzoufada co xabre que ciscaban ao patinar na gabia… Pero o zorro do Litis fíxose de novas co seu socio, co Salmonte; ¡alleo ao incidente, balóns fóra!

-Si, será, se cadra. Todo pode ser, calquera cousa, que neses restaurantes, a for de caros, é onde máis comida sobra; e despois, como ben dis, recíclana… ¡Acaso unha gastroenterite…! ¿Non a visitou o Médico, ese Lucas? Máis que nada para tranquilizala, que o que é ese Galeno…, ¡ese non cura nin as súas cogorzas, que as ten crónicas!

-Pois, non, non; ela di que é cousa de mulleres, ansiedades súas, que se lle anticipou, pero que non precisa do Matasáns. Diso da comida, agora que o dis…; ¡pode, pode ser! Tivo pesadelos estas noites, arreo, que a martirizaron; esta mesma, hoxe, espertouse a berros, tremendo; e tanto me impresionou, que non esquecín palabra de canto dixo: ¡Non, a min non; por favor vos pido que me deixedes libre, que teño as cachas brandiñas, e mancádesme, moito!

Eu pregunteille qué lle pasaba, qué alarma era aquela, iso das cachas, que estaba confundindo o cu coas témporas, que nin que tolease con aquel pesadelo!

-¿Que, qué máis dixo? –Litis, malgré á súa perenne impasibilidade, algo se sobresaltou, polo menos unha migalla.

-Nada, que maldito cousa me dixo; enfurruñouse de tal maneira que ata me deu un couce, fortísimo, nas miñas canelas. ¡Na vida lle volvo a preguntar pola saúde; nin pola saúde, nin polos pesadelos; que teña os que queira!

Aurelio estimou que non debía continuar inquirindo e virou con astucia, cambiando de terzo, en redondo:

-Manuel, disto dos papeis… Mellor déixamos quedar, así como están, nesa carteira, aquí mesmo, e ti volve coa Mabel, ¡por se precisa algo! Ocúpate de coidala, xa que non quere ir ao Médico… E de paso aleda ese cariz, que máis que un Alcalde pareces o Santo Cristo de Goián. Por parte, as molestas deses pisos de Lugo xa remataron, así que agora só tedes que ir ao Notario para firma-las escrituras; ¡iso do teu consentimento marital! ¿Entendes? Do demais, das outras cousas, destas de aquí…, ¡coma sempre!

-¡Ai, ho, grazas; outro favor que che debo, e van mil, que se non fose por ti, que tanto mediaches, estes preitos das casas acaban coa miña muller! ¡Tantas viaxes á Capital! Moito vos quero, aos dous, que sen ti, e sen ela…; ¡o que me axudades, ámbolos dous, iso non se paga con cartos!

-Querido Manuel, non lle deas importancia, que eu só fago o que podo; ¡o que podo, ou o que me deixan; e tamén o que me agrada; nin máis nin menos! Iso non ten mérito, en absoluto, que ti, nas miñas circunstancias, farías outro tanto polo teu Alcalde; ¡polo Alcalde e pola súa muller! Con respecto aos papeis desa carteira, ¿que dis, que están sen revisar, todos?

-Si, ho, e corren présa, que non consigo quitarme de enriba ao Xerente da Construtora, que me preguntou por eles, fai cousa dunha hora. Eu maldito se os entendo, pero ela, Mabeliña, meu sol, ela si, ¡e menos mal! Todo o fai ben, e todo con graza, sen enfadarse, que ata lle gusta loitar cos homes; e con ese Xerente nada menos, que o volve tolo, con ordes e contraordes, que xa non é o primeiro dos tabiques que lle manda tirar, e como fai o que lle manda, coma un tusto…, ¡veña facer e desfacer! Coido que aí deberiamos ter un técnico, tal que un Aparellador…

-¡Si, é certo que o marea, pero sempre con acerto, que ela é un sol! Con este ritmo das obras, ducias de obreiros, simultaneamente…; pero máis que un técnico, que as casas véndense igual, ben feitas ou mal feitas, o que vai ser cousa é de poñerlle outro Contable á Urbanizadora, un tipo idóneo, con preparación, ¡para que auxilie ao Xerente, e por ende, á Mabel!

-Aurelio, atende unha razón, que ese traballo se cadra podía facelo o Auxiliar, o Xaquín, en horas libres, que así, como xa cobra no Concello, con catro cadelas matamos dous pombos, dun tiro, ¡e logo que lle quedaría pouquiño tempo para o seu, para conspirar! ¿Nesta ocasión non dirás que non apunto ben, ao medio da diana? ¿Si, ou non si?

-Non, Manuel, ti apuntas ben, do mellor, sobre todo á entreperna das coristas, pero estoutro non vale, que para iso ao Xaquín sóbralle categoría. Ándolle xestionando un choio, unha cousa boa, axeitada e aséptica, que me prometeron facelo Director desa Sucursal Bancaria que se vai abrir aí adiante, mesmo enfronte do teu pazo. O malo é para min, que me custará moita bile axudarlle a facer clientes, pero xa sabes o dito: ¡a inimigo que foxe, ponte de prata! Non hai nada máis intelixente que ascende-los amigos que saen incordiantes, para…; ¿para qué será, Manuel? ¡Demóstrame que vales o que pesas, que mereces ser Alcalde!

-¡Ai, ho, nunca tal oín; se son incordiantes, pois…, daquela é que non son amigos!

-¡Es un paifoco irredento! Sequera é unha cousa ben simple, totalmente inxel: ¡faise para esnafralos, pero desde arriba, coa suficiente altura! ¿Nin así o entendes, querido cateto?

O outro, amoucado pero submiso, que as ganancias teñen un prezo:

-¡Se ti o dis…! ¡Pois miúdo favor que lle fas! Entre a gasolineira, a dirección deste Banco…; ¡de aquí en diante terache que bica-los pés!

-Diso se trata, Manolón, de que mos bique; e cos pés, de paso, por elevación, esoutra parte cocha; ¡a anal, que din os limpos de corazón!

Aquel Manuel non acadaba as uvas, nin con aquela vara de tan riquísima empuñadura, encargada ao mellor ourive de Santiago. A tal momento o único que entendía, o único que quería saber do caso, do Xaquín, indirectamente, era a acumulación de traballo que se lle ocasionaría ao seu compadre:

-¡Oes, pero, e despois, coa excedencia dese Xaquín, o Ramonciño non poderá co traballo da oficina, que ata quererá irse de vacacións, que agora todo o mundo as quere, e non vai poder!

-Alcalde, non divagues, que todo está resolto, satisfactoriamente!

-¿Xa? ¡Nunca consigo ir por diante túa!

Sorriuse o Litis, máis pícaro cás cobras do paraíso, cen veces máis:

-¿Que non, cómo que non vas? ¡Claro que si; poño por caso, nas procesións!

-Nas procesións teño que ir, ¡á forza!, escoltado polos Civís, ¡coma un xitano! E todo por culpa desta vara, que para algo ten o puño de prata dourada, ¡con pedras e todo! Pero, volvendo ao asunto do persoal, ¿a quen metes no Concello, nesa función do Xaquín, que daquela haberá que convocar unhas oposicións?

Aurelio, coa sorna habitual, facendo que rascaba a orella, como que o pensaba, que non o tiña decidido:

-Xa que falas diso…; ¿lembras que me ensinaches que desde que foron aquelas disensións de Franco co Cardeal Segura, o máis seguro, en España, é levarse ben coa Igrexa­?

-¡Ai, ho, que estamos coma sempre: non entendo nada, en absoluto, que ata terei que ir ao Médico; eu, si!

-Éche fácil, pero hai que tende-la vista ao lonxe, tal que conducindo no teu Mercedes: Temos un Arcipreste, ese Bieito, que ten sobriñas; as sobriñas do Arcipreste non son, non poden ser, criticables, que aquí, nesta Vila, ninguén se atrevería.

Por outra banda, ese Curiña, ademais de pisa-la sotana ao andar, tenos en gran estima, que nos bendice todas e cada unha das obras, ¡co cal non baixan de prezo, en absoluto, senón ao contrario! ¿Séguesme?

Ponderando e ponderando, resulta que unha das sobriñas do Arcipreste sería a mellor testemuña para desmenti-las calumnias dos nosos inimigos, sexan políticos ou laicos, de calquera que tente desunirnos. No persoal, se lle dou esa praza á máis guapa, daquela igual se namora de min. ¡Dese xeito asegúrome a súa lealdade, amén das benaventuranzas, que para traidor chega e sobra co Xaquín! Manuel, neste repasiño das circunstancias, ¿a cantos enrestrei?

-¿Que chega e que sobra, o qué? Maldito cousa che entendo, nunca, pero ti, o que é por min, adiante, ¡que por algo es o meu Secretario!

-Méritos, mé-ri-tos, desa sobriña tan…, ¡churrusqueira! ¿Cantos? ¡Como vas entender se non estás atento!

-¿Cantos, cantos puntos? ¡O que ti digas! ¡Coido que dez sobre dez!

-O outro día dixeches que conto mellor có Pintagorras, pero o que es ti non te quedas detrás do Pitágoras, que ese é o seu nome correcto. Iso, dez; dez sobre dez, que tal serán os puntos que lle darei no exame; un exame simulado, por suposto, á sobriña do Arcipreste, ¡que se algo lle faltase, vai en auga bendita! Despois diso, vén o Alcalde, que é amigo meu, e rubrica, coa de ouro, coa que che regalou o Médico, tan agradecido que está polo que lle demos a ganar nese choio da incapacidade laboral dos paisanos. ¿Práceche?

-¡Vale, ho, vale! Daquela fírmoche ese nomeamento da rapaza, xa que logo, coa de ouro, en letra gótica; ¡e ti fírmaslle no virgo, eh picarón! Ben pensado, tampouco é mala cousa que fagan Director dese Banco ao Comunista, que cousa igual…, ¡nin no país das bestas! ¡Será cousa de presebe!

Aurelio rubricou aquela proposta deshonesta, pero dándolle coa palma no ombro:

-Non sexas humilde, Manuel, que ti vés de señores, e para señor naciches; ¡nada menos que un Salmonte! Ben, ao que íamos; a ver logo esas facturas, que isto de promover as vivendas, a ducias, tamén é facer Patria!

Manuel, dubidoso, discorrendo coas tiras intactas da súa conciencia, ¡se é que algunha lle quedaba en tal estado!

-Patria, o que é Patria, non será, que ese cemento é frouxo, do barateiro, que ata me dixeron que é aluminoso…, pero, o que é pan ao caldo…, ¡diso si que botamos, botamos e botaremos, nolos tres, ao terzo que estamos, salvo que veña un terremoto!

-Manoliño, non sexas humilde, que ti, desde que te asesoro eu, ao caldo o que lle botas son pasteis, que así tes o ventrullo…, de oito meses!

-Claro, home, claro, pasteis, que para o pan e para os filetes pouca dentame conservo.

-¿Añoras os filetes, eh picarón? Por certo, ¿cando volves a Madrid para…, para levarlles outra canada ás túas bailarinas?

Aquel Alcalde, sempre servizal e ben disposto para coa xente do seu Municipio:

-¿A Madrid, de xestións? ¡Faltaría máis! Eu vou tan pronto como discorras un bo proxecto, unha cousa importante, outra…; ¡desas de imaxe!

-Non sei cal escoller, que teño un feixe de ideas: Por de pronto, habería que ir matinando en facerlles outro Cuartel aos Civís, que din que Franco chochea…, ¡tanto, que seica lle entraron dúbidas de cal Rei xogar! Se perdemos a partida, daquela será unha boa cousa ter contentos aos Gardas, polo menos aos Gardas, sequera sexa para levalos de escolta…, ¡na nosa derradeira viaxe, na de Suíza, como seica fixo aquel Marx, cando fuxiu non sei de que Penal!

-Secretario, ¿un cuartel, enteiriño, coas vivendas dentro? ¡Chacho, iso serán millóns, moitos!

Aurelio tiña as contrapartidas ben calculadas:

-Certo, si señor, pero tamén o é que algo vale ese piso que lle doamos ao teu padriño, ao Valcarce. Por min podes engadirlle unha boa moblaxe, desas de Valencia. E vaille dicindo que iso corre da nosa conta; ou mellor dito, da túa, que eu tamén son, pero non estou, nestes papeis da Construtora, quero dicir, nos oficiais. ¿Entendu, Monsieur?

Desta vez si, si que entendeu, que aquelas viaxes eran o seu principal devezo:

-¿Iso do “diezmo”, paga-las primicias…?

-Si, Manuel, ¡máis ou menos! ¡Ti vai facendo as maletas, e acumulando repocho…!

Días despois, segundo resultou da enésima filmación, das revisadas polos inquisidores celestes, Manuel fórase a Madrid, ¡a bailar! E de paso, para conseguir, como bo Conseguidor, como bo Intermediario, como bo Cacique, unha Casa Cuartel, ¡de quince prazas, incluída a do Comandante! Pero antes de darlle a saída, o seu alter ego aprobou á sobriña do Crego. E Manuel asinou; ¡coa de ouro! Con iso, aquela Sara, carne de Coresma, tomou posesión, ¡ao día seguinte! Pola súa parte, Mabel, recuperada daquel susto das carballeiras, volvía a ter ocasión, ¡prefabricada!, de reunirse co seu apaño, pero, iso si, con maiores precaucións, cadora máis, saíndo en cadanseu coche, por estradas opostas, e con pretextos do máis rebuscado…

Por outra banda, na propia Secretaría do Concello, aos poucos daquela posesión comenenciuda:

-Sariña, muller, non chames á porta, nunca, que eu, para ti…, dispoñible!

-Don Aurelio, grazas, pero é que…; ¡isto é un reservado, unha Secretaría!

-Iso dá o mesmo, que para ti non vou ter secretos; ¡nunca!

A novata, ruborosa, mesmo atordada:

-O señor Secretario…; ¡o señor Secretario é o señor Secretario! Non estaría ben, que se hai xente, ou mesmo aí fóra, nese mostrador, e se me ven entrar sen pedir o seu permiso…, ¡daquela, adeus á miña honra!

-Visto así, como queiras!

-Don Aurelio, hai cortesías, cortesías e retesías, que mas ensinaron de nena, formándome tal e como son. ¡Vostede sabe, iso do exemplo!

-¡Muller, sendo sobriña do Arcipreste…; unha nobreza, de cuna! Saritiña, séntate, que aquí, coa porta pechada, que xa lle pasei o resgardo, as cortesías sobran. Que si, que ademais de cotexar este documento temos que falar…, das nosas cousas!

-Don Aurelio, este…; o documento xa o repasei, detidamente, que por certo gústame pouco, pero eu, aquí, nas horas de oficina, estoulle para facer o que vostede mande, que tal me dixo don Manuel ao darme a credencia. Mire, se algún día se me crean problemas na conciencia, aquí, con vostedes, daquela, con despedirme, asunto arranxado!

Pero Litis non agardaba por sutilezas, non contou con elas, así que optou polo seu xarope de pico, pero dosificado, con cautela:

-Sara, tiñas que sentarte, que temos moito de que falar. ¡Senta-las nádegas é senta-las bases, que se di! Para empezar, de contado, aquí imponse un atúe…, recíproco!

-O que é pola miña parte, non; non señor!

Premeulle nos ombros, ao suave, agarimoso, para sentala cerca, en ángulo, naquel sofá que tan cómodo lle resultaba á Mabel…

-¡Naturalmente! Temos, case, caaase, a mesma idade, que incluso podes chegar a simpatizar comigo; comezos que nos poden levar a…, ao altar de teu tío! Eu síntome só, moito, e teño o corazón dispoñible; por iso a miña imaxinación busca, busca que te buscarás, sempre buscando, ¡un anxo! ¡Que si, muller; de veras! E logo está a labor cotián, nesta oficina, que en si mesma esixe unha confianza; ¡recíproca, por suposto! ¿Non o cres, ti, ti tamén, Saritiña, meu sol? ¡Os teus encantos fai tempo que me engaiolaron, mesmo ao coñecerte, pero faltábame unha ocasión coma esta, cálida e propicia, ¡o que se di, de proximidade!

-Don Aurelio, vostede pode chamarme como queira, sempre que sexa, iso, sen faltar, que para algo é o Xefe, pero eu prefírolle o meu prenome, isto de Sara, que se o oen chamarme Sariña, ou Saritiña, daquela pensarán…; ¡Deus, qué pensarán! ¡Ata pensarán que non me porto con decencia!

O ligón do Secretario, fracasado nas verbas, tentou de comela cos ollos, que llos acaramelou ollándoa con voracidade, de arriba abaixo e todo ao redor, nun galeo, nunha provocación nupcial:

-¡Ui, qué suspicaz, qué difícil! A soas si que me permitirás chamarche Sariña, que mo pide o peito… -Pero a moza torceulle o fociño: -¿Muller, é que nin esa confianza, un chisco…?

Percibiu unha ollada de desaprobación, outra, pero esta sostida, que o desarmou un tanto; el púxose de vítima, que era o seu comodín:

-¡Que Deus che perdoe polo moito que me fas rabiar, que ata parece mentira…! Pero volvamos ao documento; a ver, vaime lendo, iso da minuta…

-Agora mesmo, don Aurelio, pero déixeme un intre, que lle quero dicir unha cousa, de propósito…, por mor da miña conciencia! Aquí, neste papel, fálase de que o morgado da casa préstalle unhas pesetas ao seu irmán, ao que foi casar para fóra; e como os coñezo casualmente, pois…, por se o enganaron facéndolle unha consulta desas do fío dobre…

Convenlle saber que este da casa, o que é de seu, de seu non ten un can, e moitísimo menos esa cantidade tan enorme que din, aquí, que lla empresta ao de fóra. ¿Non será que llas quitou ao seu pai? Nese caso igual o chaman a declarar…, cousa desagradable, á parte de que pode evitarlles un dano, de presente ou de futuro; por iso coido que, como bo cristián, quererá facelo así; ¿é, ou non é?

O Litigueiro desta vez dera cun anxo, cousa que o inquietou; adestrárase para polemizar cos seus afíns, cos diaños!

-¡Oh, pero qué encanto, qué sensibilidade! Exquisita sensibilidade a túa, si por certo, que ben que me agrada, que moito te admiro, só que nisto pásanseche por alto unhas gorgas, un detalle cativeiro, minúsculo: ¡que non teñen por qué coincidir a moral co dereito! Eu non son Arcipreste, ¡que son Avogado! Non obstante, vouche tranquilizar eses escrúpulos, que de paso, aprendes! A primeira das premisas é que o Avogado defende os intereses do seu cliente. ¿Coidas, sensu contrario, que os criminais non merecen defensa? Tivérona, en efecto, de sempre e para sempre, incluso coa Inquisición!

-Tampouco é iso; entendo que podan ser inocentes, entendo que as aparencias…; ¡xa sabe! Meu tío di que coñece casos, pero que os cala, por culpa do seu sixilo de confesión!

-¡Sariña, mon amour! ¿Que che dicía…? As aparencias poden enganar, tal e como che pasa neste asunto. Vouche explicar o caso, dentro do noso secreto, coa porta pechada: Sempre me gustou ensinar aos subordinados, pero o que me viña pasando co Xaquín é que non puxo interese en asimila-las situacións. Neste suposto, verbo deste documento, ¡para que palpes, por ti mesma, o miraxe das aparencias!, quen me visitou, quen me solicitou, foi o pai dos rapaces. Quérelle dar a herdanza, xa en vida, ao fillo máis novo, cousa que é lexítima, moral e absolutamente lexítima; ¡unha lexítima lexitimada! ¿Entendes, capíscalo? ¡Coido que si, que o entendes!

-Don Aurelio, iso que di, lexítimo será, mais non alcanzo a comprender por qué ese fillo quere herdar en vida!

-Non é que queira herdar en vida, senón que lle convén porque fixo unhas compras, coa muller a onde foi casar, e daquela, se demostra que aportou parafernais, a cousa cambia; ¡ante os cuñados, e tamén ante a propia muller, que ben certo é iso de si vis pacem, para bellum!

-¿Que dixo antes; dixo parafernais? ¡Non, nada; é que nunca ese termo oíra, e non me soaba, pero, xa digo, nada, que o saco polo seu contexto!

-¿Sariña, ve-las avantaxes de nacer nunha casa familiarizada co latín; cánto axuda a etimoloxía? Como che ía dicindo, no dereito non hai fórmulas axeitadas para documentar esa…, ¡digamos, esa moral! Daquela, ¿que cabe facer? Pois, simplemente, un papeliño, ¡que vindo de avogado, sagrado é! Ao irmán faille, simúlalle, un empréstito; etcétera, etcétera.

-¡Oh, que cousa; mais se vostede o di…! Daquela, unha cantidade que nin coa inflación de vinte anos…; e o caso é que ese velliño está para caer; digo, que nin en vinte anos chegará a coincidir co valor real da lexítima curta desoutro, dese das portas a fóra. ¡Inaudito, ao que se chega…!

-¡Rapaza, nin que foses Economista! Mira, muller, os números non che son cousa dos Avogados; o noso son as figuracións elucubrantes; cousas malditas, pero ben ditas, ¿entendes? ¡Conceptos esgrevios! Ínflase a cantidade porque non convén poñer un empréstito oneroso, cousa que, por outra parte, tampouco sería certa por culpa das implicacións fiscais que tal solución levaría consigo.

Ítem máis: ¿que o herdeiro curto asenta en darse por apartado de tódolos seus dereitos, presentes e futuros, na casa matriz? ¡Pois por iso, precisamente por iso, se pon unha cláusula destas, que responde do empréstito por ante o prestamista, con toda a súa herdanza, pero só coa herdanza…, caso de que non devolva eses cartos antes dos trinta da data na que faleza o seu pai; séxase, se os premorre! ¿Que, qué che parece esta filigrana; unha puñeta ben bordada, non si?

A rapaza estaba descubrindo outro mundo, ¡o das minas subterráneas dos leguleios!

-¡Vaia enredo; non sabía eu que as leis fosen unha cousa tan…, tan torcida, que logo parece un trelo de sedas! ¡É o único chistoso do caso!

-¿Por? -Estrañouse Aurelio, sinceramente; desta vez, si.

-Pois, porque ese minorazo non vai ser tan lerdo que devolva unha cantidade que non recibiu; ¡nin vale outro tanto ese herdo!

-Diso se trata, de que a garantía do préstamo, esas caucións, se convertan en recibo de apartación do minorazo. ¿Que, Sariña, aséntaste, quedas conforme? ¡Oh conciencia timorata, como dixo aquel Santo, aquel Agostiño!

-Señor, a mala conciencia, timorata ou non, é a deses fautores dun enredo que nin eles mesmos saberán confesalo; e pobre do Cura ao que vaian…, para entendelos!

-¿Ves? Todo consiste en explica-las cousas, que de explicadas, todas, absolutamente todas, son boas, boísimas, e non como di o Arcipreste, teu tío, que está obsesionado coa maldición do David, ¡Abyssus abyssum invocat! En absoluto, que tan só os parvos caen no abismo por…, por selección natural, que diría meu padriño, un tal Nietzsche!

-¿Estranxeiro? ¡Seguro que si, con ese nome!

-¡Por suposto; alemán, da sempiterna Alemaña!

-Todo iso explícaseme ben doado, que non son letrada; o que non terá graza, ningunha, será a explicación que teña que dar ese morgado aos seus irmáns, aos outros irmáns…, cando lles chegue a hora das partillas!

Litis sempre por encima, altísimo, máis arriba do ben e do mal, coa terra encollida, toda aos seus pés:

-¡Ah, iso; problema seu, que se para entón non están conformes, que designen Avogados, e Procuradores, que para algo estamos os xuristas, para servirnos da xustiza!

A Auxiliar, naquel pozo de contradicións e de tentacións absolutas:

-¿Don Aurelio, podo preguntarlle outra cousa, xa que…, xa que se puxo a ensinarme?

-Sariña, canto queiras; eu ensínoche todo, o que queiras, na máis estrita intimidade, pero ti terás que ensinarme, tamén, algún día, algo de ti mesma, con igual intimidade, que todos aprendemos de todos, máxime sendo diferentes: ¡homes, mulleres…!

-É que…, ándame polo maxín o por qué ese pai, se quere reforza-lo seu morgado, non volve ao testamento e lle fai, dentro da lei, os dous terzos que se lle poden arrimar ao guapo, ao fillo guapo.

-¡Deliciosa…; deliciosa, ti e maila túa propia inxenuidade; un encanto! Non, Saritiña, non pode ser pola elemental razón de que xa lle aplicaron eses terzos, os dous! Voucho dicir, sen reservas, xa que es tan boa alumna: incluso se dá unha certa extralimitación porque o vello recoñeceulle á nora, por sobre do prado da Porta, unha dote inestimada, e nunca mellor dito, que ela, ao seu matrimonio, só aportou a virxindade; ¡ou se cadra, nin iso!

-¿Sabe que lle digo, don Aurelio? Que aínda non distingo ben se estas cousas son boas, ou malas, pero o que aprecio é que eu, con vostede, moito vou aprender; ¡e encima, cobro! O malo será se me condeno, que daquela…, daquela dies ire, dies illa!

-Aquí, nesta función, cobrarás os haberes do Concello, como Auxiliar que es, pero eu adoito ser xeneroso cos que ben me serven…; ¡cos que me serven axeitadamente! Iso á parte doutras circunstancias que podan dársenos, ¡que ti ben as entendes!

Aquel coqueteo entreverado, insinuante, aquel galimatías técnico-xurídico, rematou por culpa dun repique de nocellos; alguén que se impacientaba por entrar:

-Don Aurelio, oíu; me parece que petan.

-…

-¿Si, Ramonciño? ¿A qué vén esa présa, non ve-la porta en situación de non admitance?

-¡Descúlpeme, don Aurelio! É que viñeron eses señores, aqueles do documento.

-Dilles que volvan mañá, que a miña Secretaria aínda non está práctica, e por iso equivocouse nun parágrafo; ben sabes cómo quero as cousas…, ¡inmaculadas, sen tacha! Revisando estabamos…

-…

-Don Aurelio, ¿por que lles soltou esa trola? E logo que eu non son Secretaria súa senón unha Auxiliar…, pero deste Concello.

-Un contiño de nada, o que se di unha mentira piadosa. É para que se queden tranquilos de que este documento está ben feito, revisado en condicións, cos trasacordos incluídos. Un Avogado meticuloso vale por dous…, e cobra por catro; ¡excepcionalmente, por seis! ¡Matemáticas, amor; para que logo digan que os Letrados somos de letras!

-¡Ah; daquela terei que conformar! Outra cousa que aprendín hoxe, ¡que vostede foi a por letras e saíu matemático!

-Saritiña, o caso é que me admiras; nótaseche…, pero aínda non me queres!

-Don Aurelio, non se equivoque, que tamén admiro ao Confucio, e a Mahoma que sexa; ¡non obstante, sonlle cristiá, per saecula saeculórum!

Aqueles expertos da Fiscalía Celestial, incansables, que no Ceo sóñase pero non se dorme, polo menos a cotío, agás os terrícolas, que estes temos licenza por mor dos nosos hábitos ancestrais, revisaron outra daquelas escenas nas que saían as Forzas Vivas, ¡as vividoras, digo!, de Churiz:

-…

-Señor Cura, curto foi ese Rosario, que veu máis cedo ao Café, máis que de costume. Daquela, como aínda está sen pagar esta rolda…, pois que faga unha obra de misericordia, con nós, co próximo, cos que estamos cerca!

Aquel inefable da sotana raída, sempre orgulloso das súas Autoridades; orgulloso e agradecido:

-¡Hai que ver cómo vixía vostede o movemento cidadán; coma aquí don Manuel, nin a Garda Civil!

-¡Por algo son o Xefe Local do Glorioso Movemento; e como din que o movemento se demostra andando…!

Aquel Curiña, que xa nacera santificado, sempre falaba moi comedido, e completamente en serio:

-¡Que Deu-lo conserve! Pois, desoutro asunto, élle que adiantei a hora do Rosario, que no último inverno terminábamos os cultos con noite, e as señoras, ¡miñas pobres!, non deben correr riscos, ¿sabe?, que neste país hai pichas bravas; ¡máis que eguas, e perdón polo taco! Cando menos por esas rúas tan solitarias, ¡escurísimas! Aquí, que así mo confesasen, ¡pero só podo dicir o pecado, para que sirva de escarmento!, nunca se deron violacións, pois, de habelas, non se lles pode chamar así, que sempre foron consentidas, que elas estiveron conformes niso dos tocamentos, que iso din, elas, elas mesmas, mais…, por un se acaso!

O Médico, como sempre, á contra, que era o seu, ¡salvo que lle interesasen as complicidades!

-Alcalde, ¿non será que flota, a tal momento, no aire, unha especie de…, indirecta, con respecto ao seu alumado?

O Párroco, de novo, á vaselina, sempre con vaselina:

-Nada diso, querido Doutor, que eu, canto teño que dicir, na Misa o digo, exhortando a todos en xeral ao cumprimento das súas obrigas, e grazas a Deus vanme obedecendo!

-¿Por contrición, Páter? -Chinchou o Galeno.

-Ben, o que é por contrición, stricto sensu, non, pero fano pola atrición, que xa é algo, pola conta que lles ten…, se queren salvarse!

Lucas volveu aos seus alfinetes, auténtico bisturí:

-¡Claro, claro, que alí ninguén lle replica, que o privilexio da última palabra…, nin este Alcalde! Xa sei que na igrexa se din verdades, que eu non lle creo nos curas, pero o que é na Igrexa…, ¡totalmente! Mais agora, con isto do Concilio, sen púlpito, que seica non se oe a prédica… Cando vaia facerlle unha visita daquela levarei o fonendo, que sempre o teño á man…, por se hai urxencias!

Aquel Anxo, aquel Curiña, xa en vida no Limbo dos Xustos:

-Don Lucas, témoslle outra solución: veña cánto antes, que llo pido eu, e vouno sentar neses bancos dianteiros, alí por xunto da cadeira do noso ilustrísimo señor Alcalde!

-¡Ca; eu non farei iso ata que vostede deixe de pregoar que os últimos serán os primeiros! ¿Non lle parece que xa está ben de meterse comigo? Agora faino, pero é natural, intereses de clase, que os ten cos señores do Concello: sobriñas mozas, sobriñas funcionando, copulando, contribuíndo…; ¡intereses en alza!

Bieitiño, xa o sabemos, nimbado de bondade, de bondade e de candidez:

-Doutor, pídolle que non sexa mal pensado. Aquí, coas dignísimas Autoridades, o que teño son obrigas; ¡dereitos, nunca! Tamén o dixo Cristo, que non lle quitemos nada ao César. Eu xa lle digo á sobriña, á Sara, que sexa respectuosa; e cumprida, tamén, que estes mozos están saíndo un si é non é contestatarios, ¡pouco menos que protestantes! Doutor, disto déame unha consulta, pero das de balde, que é para o meu goberno pastoral: ¿Il será por culpa das vitaminas, que os de antes non as tivemos?

Demasiada escoita para que o Litis permanecese silente:

-¡Pido a palabra, con tódolos respectos…, por unha cuestión de orden!

-Diga, don Aurelio, que se son queixas da miña Sara…, aquí estou para responder, por min e por ela! Daquela non se prive, que ao Xefe incúmbelle a responsabilidade de utiliza-los medios precisos para conduci-los seus subordinados…, dentro desta unidade de destino no universal, que nos incumbe a todos!

Lucas, aos alfinetes, outra vez:

-Don Bieito, faga apostas co Secretario, que ben sabe que lle resultan positivas…, ¡nalgunhas circunstancias!

O Creguiño, molesto coas pullas daquel Doutor, que os outros, os demais médicos da bisbarra, eran independentes, e nunca alternaban coa elite:

-Don Lucas, teña caridade, que se me fai que se volve a meter comigo, outra vez!

-Diso nada, don Presbítero, que incluso lle vou pagar unhas prendas: ¡unha vaixela! ¿Aurelio, de propósito, onde poñéde-la lista?

Pero o Bieito coma sempre, no bieiteiro, apañando flores brancas, tal que para facer placebos:

-Deste xogo que se traen entre mans, disto das verbas…; ¡anfiboloxía pura, que non lles entendo cousa! O meu está visto que son as almas, maiormente as cándidas!

Pero aquel Lucas, feito un xabaril, deulle outro pase, outra picardía:

-Está claro, que eu ben sei de que lle quere falar este Secretario; ¡tendo unha sobriña da maneira, a cotío, ao sopé da súa mesa, voda habemus, que xa o sabemus!

O Crego non puxo mal carís; non, en absoluto, máis ben ao contrario:

-¡Xesús, Xesús, qué pillo! E mais…; ¡diso nunca se sabe, que xa coñecerá o dito, “o casamento e maila mortalla baixan do Ceo”!

O aludido atallou, molesto coas indirectas do seu contertulio:

-Don Bieito, non lle crea ao Matasáns, que se Deus me concedese esa graza tan marabillosa, vostede saberíao antes cá el; ¡por suposto! Do que lle quería falar, agora que temos aquí ao Lucas, agora que estamos reunidas estas Forzas Vivas…, ¡é precisamente dos mortos!

Lucas non arredaba, atacando a todos en tódalas direccións posibles:

-Secretario, non te pases de listo co Crego, non te pases de auctoritas, que esta parcela, esa da morte, nin sequera é miña, que eu experimento desde lonxe, de fóra, ao longo da fronteira vital!

A finta que lles tiña preparada Litis sorprendeunos, a todos:

-Ti, Doutor, Doutor dos vivos quero dicir, que o que é das ánimas…, xa sabemos!, nesa especialidade túa, nesa fronteira, como Xefe que es da Sanidade Local, e por ende, responsable da mesma, ¿poderías ditaminar que non foi abondo con retirar o noso cemiterio de xunto da igrexa parroquial, que segue habendo un problema de salubridade con iso de que, co novo Plan, cae dentro do casco urbano, densamente poboado? ¿Doc, vou por mal camiño…, nisto dos mortos? ¡Defínete, con responsabilidade e con sinceridade!

Manuel sentiuse postergado, máis que nunca: ¡daquilo non lle falara o seu Secretario, non estaba previsto nos seus plans, non o precavera aquel alter ego seu, sempre tan diplomático ante terceiros! Estourou, coma unha castaña no forno:

-¡Ai, ho, para saber iso non fai falta preguntarlle ao Médico, que eu, en Peritos, estudei a descomposición orgánica; tres ou catro leccións, e aprobeinas!

O Médico non se decatara da traxectoria daquel tiro franco, pero o Secretario sempre facía diana, así que, por se acaso, deulle sedela ao peixe:

-¡Este don Manuel é un facho; iso, un facho; sempre aluspado, sempre alumando! Pois si, en efecto, iso do cemiterio é un caso; polo menos, discutible.

Santiño que era o Bieito aquel pero con todo osmou unha invasión do seu limes xurisdicional:

-¡Señor, Señor, qué mal pensamento lles entrou! Estas Autoridades queren remexer os ósos dos nosos defuntiños; ¡coma se o Campo Santo fose un almacén de entullo, un vertedoiro! ¡Pois, non, non señor, que no meu cemiterio vostedes non entran…, ata que o dispoña eu! ¡Quero dicir, ata que os chame Deus, que iso dos enterros é cousa da Igrexa!

Pero Litis volveu á carga, tentando o terreo antes de lanzarse á piscina:

-¡Querido e moi respectado don Bieito, non me deixou rematar o predicado da miña oración, que aínda estou no suxeito! Como mera hipótese, vexamos, acotemos: ¿Se cada veciño dispuxese, idealmente, de nove metros en cadro, para solar do seu pazo, do definitivo, do eterno, nun mausoleo, digamos que ideal, ¿cantos veciños dirá vostede que estarían dispostos a facer un panteón deses, como Deus manda, en termo de…, cinco anos?

O Bieito picou, ¡como non!, índoselle o anzol ata o mesmísimo estómago:

-Pois, non llo sei; seguro que moitísimos, que sempre se están enfurruñando por culpa do terreo, que se llelo dou escaso, que tal sitio non lles gusta, que é pouco sollío… Vaidade, todo vaidade, que ben sabemos que o importante é a alma pero…, os fregueses son así! En materia de enterros, case todos lle son bastante presumidos: ¡veña carga-lo morto con coroas, e debaixo delas, os mármores, dunha tonelada, ou máis! Os defuntiños, meus pobres, nesas covas, entre os seus pecados, mal purgados, e maila lousa de mármore, ou de granito…, ¿como van subir ao Ceo, cómo; e máxime sen as plumas dalgún responsiño?

O Litis, a todo isto, veña sedela, a brazadas!

-¿Parécelle que se eses mausoleos saísen baratiños, daquela dedicaríanlle máis cartos, a vostede, digamos que, para Misas?

-¡Ai, si; sen dúbida! -Acabou ensartado. -E non só iso, que se o cemiterio fose meirande, como hai tanta xente desta Vila residindo por aló, por fóra, incluso no estranxeiro, nese momento traeríanos de volta para enterralos cos entregos, ¡como está mandado! Oia, don Aurelio, -aquí tivo un medio trasacordo, -non vexo a qué vén tal historia, pero vostede non me enlegue, de favor llo pido. Non remexa nos meus defuntos, que agora están pacíficos, silentes de todo, cousa da que ía sendo hora, que algún deles, e non direi nomes, moita fraterna me deu, ¡maiormente daquela que gañou a Fronte Popular…! Se eu lles contase íanse divertir, co pícaros que son; pero non, non pode ser, por…, por secreto de confesión!

-Señor Cura, desculpe outra vez, -insistiu o Litis, tenaz coma un cobre, -que aínda non cheguei ao predicado, que incluso tería que pensar en min mesmo, nun panteón…, por se a súa sobriña chega a quererme! ¿Vostede calcula que dúas mil parcelas desas, nun cemiterio novo, hipotético, a razón dos nove metros por familia…, terían demanda?

-¡Nun Xesús; a metade, nun mes, vendida! Ben, iso de vender é unha forma de falar, que certamente nos cemiterios da Igrexa o que se fai é aceptar unha esmola, máis ou menos importante; ¡para a fábrica, que se di!

-Señor Cura, cada esmola…, ¿de vinte a trinta mil pesos?

-Salvo que sexa un pobre de solemnidade, ninguén me dará menos por unha parcela desas, das boas, das de nove ao cadro.

Aurelio, que ata aquel intre non lles fixera caso aos acenos negativos do Salmonte:

-A ver, Alcalde, que chegou a túa vez: Ti, que andas facendo números con iso da túa urbanización, e que es un técnico en obras, ¡tamén en obras!, se poñemos, se agregamos, algo de terreo para vías, recinto das autopsias, paseo central, ¡con alciprestes deses que creen en Deus…! Todo iso, ¿canta terra calculas que se precisaría para unha necrópole, a todo luxo, de…, de dúas ou tres mil parcelas?

-Pois…, ¡é que non teño un bolígrafo, e de tanto cribar números de tantísimas obras, todas á vez, xa me bailan as cifras, aló dentro, no cerebelo!

-Vexamos se o fago eu…, polos dedos: Dúas mil por nove, dezaoito mil. Con accesos e todo iso…, vinte; ¡vinte mil! Señor Perito, ¿vinte mil metros son, ou non son, dúas hectáreas?

-¡Xa! ¿Pero, onde temos, nas proximidades, unha leira así, libre, dispoñible, de tal medida?

-Manuel, o que é haber, haina; libre e ben axeitada: ¡Esa chousa túa, a que lles compraches aos herdeiros do Escribán! Por outra banda, coñecendo a túa compracencia en beneficiar ao teu Churiz, eu atreveríame a opinar que non tes inconveniente en doarlla aquí ao señor Cura para ese cemiterio, para o novo. Despois diso, trasladados os restos, paulatinamente, déixase de enterrar no outro, no vello, que vai sendo hora de poñelos cómodos…; ¡aos defuntos, digo!

Manuel retorcíase naquela butaquiña de badana do Café Centro, coma un trapo nas mans dun xigante invisible. Fixo os posibles por serenarse e apelou ao Médico:

-Doutor, prégolle que examine ao Aurelio, aquí mesmo, que este home, supoño que pola forza da súa listeza, deu en tolo.

Volvéndose ao Secretario tratou de disuadilo, case que de suplicarlle:

-Pero, home de Deus, volve en razón, que esa proposta non se pode debater a tal momento; ¡non estaba na orden do día! Nestes casos, o menos que se fai é falar cos…; ¡comigo, que son o primeiro dos interesados neste proxecto! ¡En privado, recoño; en privado!

O Secretario tivo que temperarlle a gaita:

-Manuel, por favor, déixame rematar cos complementos: ¿Non é certo que aínda fai pouco doaches unha leira, outra, na mellor das rúas do Ensanche, para unha piscina, felizmente a punto de ser inaugurada, para que mexen nela…, os vivos? Entón, consecuente e magnánimo que es, ¿vaslles negar aos mortos, aos mortos desta Vila, da túa; aos vasalos da familia Salmonte, un curruncho de terra santa, para xacer en paz e en graza de Deus? ¿Farías iso, ti, un crente, un mecenas deste gran Churiz, descendente da súa Casa Condal, daqueles Condes tan magnánimos que seica aboliron a escravitude oito ou dez días antes de que o fose en Cuba? Querido Párroco, axúdeme…, ¡que tamén lle estou axudando! ¡Si, a vostede! Lémbrese dos clásicos: ¡Du ut des!

O aludido, teimando que se lle soltase a troita:

-¡Ai, si, é verdade; don Manoliño, por favor non se obceque, que ben viu que me opuxen á idea de remexer nos defuntos, pero tal e como propón aquí o señor Secretario, a cousa cambia; para mellor, moitísimo! Vostede doou esa finca, esoutra, aí, no urbano, para que as mulleres se poñan…, vouno dicir, en coiros, nesa piscina pública, ¿e pola contra vainos denegar un cacho desoutra, da baldía, para os santos desta santa Vila, entre os que están seus propios pais?

Manuel, coas verzas fervéndolle no pote, no pote e no peto:

-¡Me cago en Tal…! Disimule, señor Cura, pero é que a chousa do Escribán merqueina…, para facer chalés, que ben o sabe este…, este carallán!

Aurelio, impasible o ademán, sorrindo incluso, triunfador:

-Por iso, precisamente porque o sei, valoro e aprecio, no que vale, o esforzo que representa esta doazón, ínclito Salmonte.

O Crego, co medo de que se lle escachizase aquel negocio dos enterramentos, apelou á truculencia, para axudar no contrapeso:

-Mire, don Aurelio, falando de todo un pouco: ¿como habería que facer para poñerlle a don Manuel, ¡por fin!, esa estatua da que me falou vostede, aquel día…? ¿Sería bo sitio aí mesmo, diante da Consistorial, no adro da Parroquia? Eu pódoo recomendar nas miñas homilías, tal que abri-la subscrición simbolicamente, digamos que poño unha peseta, ¡para que non se malicia a xente, para que non podan falar de contubernio dos poderes fácticos!

Aurelio, percibindo en plenitude aquela mensaxe, tan oportunamente provocada por el mesmo:

-Señor Cura, empece con iso, este domingo que sexa, ¡inmediatamente!, que eu, pola miña parte, poño en marcha o Regulamento dos Honores; ¡xa!

Manuel rendeuse, a discreción, coas armas e cos bagaxes, pinchado, furacado no propio talón, no que máis lle doía, nese dilema entre o orgullo e mailos seus intereses. Estourou, pero esta vez de ledo:

-¡Puñeteiros! Ben; ¡eu, a perder, coma sempre! Se este donativo, se esa chousa ten un recoñecemento público, daquela…; ¡daquela será cousa de pensalo! O que lles prometo é falarllo á Mabel, ¡que ben saben que todo o meu é seu, e á viceversa!

Romperon en aplausos. O Bieitiño deulle as máis expresivas grazas:

-¡Deus o bendiga, señor Salmonte, señor Alcalde…, que ata non sei por qué deixaron de apelarse Condes! E déalle as grazas, tamén, á súa dona, que esa non recúa, nunca, que a coñezo ben. ¡Mecenas desta categoría…, aquí non os merecemos!

Aurelio prendeu a traca final:

-Don Bieito, sendo así, eu proporía que…, ¡vouno dicir!, que esa parcela, a súa propia, a de don Manuel, sexa dobre, no medio de todo, á entrada, e sobresaíndo das outras, ¡que un alma así de grande, nun mausoleo cativo…!

Manuel estaba tan emocionado con aqueles honores que non o entendeu:

-¿Por qué, Secretario; tanto avulto, cos meus…, cos cen?

-¡Alma grande, nicho grande, que nos cativos non che colle, nin de fláccida; e logo que, a tal señor, tal honor! -Afagouno o Cura, de remache.

Manuel quedouse matinando, contrapesando o valor daquela doazón, súa, súa pero forzada:

-¡Este condenado, este Aurelio, que sempre me convence; ata nos prexuízos!

Aos poucos, desde que se ausentaron Lucas e mailo Crego:

-¡Ti estás tolo ou qué; vaia foda que armaches, co Arcipreste de por medio! ¡Xa podías consultar…, antes do mitin!

-Manuel, non esquezas que nesa compra da chousa, aínda que non conste, teño un terzo da mesma; e logo que os parabéns desta doazón levarédelos vosoutros, ti e Mabel. ¡Ámbolos dous, sos, que eu, nisto, como en tantas cousas, son coma aquela rapariga, a Cenicienta!

-¡Recoño…! Urbanizando esa chousa, como fixemos coas outras, daquela podiamos multiplica-lo seu custe, se cadra por mil! Se non lles dás mérito aos solares desa chousa…, ¿a qué coño os metiches no noso Plan?

Chiscoulle un ollo, en puro cachondeo:

-Manuel, recórdame que che regale unhas gafas…; ¡precísalas, moito, desde sempre!

-¿Coñas, coñas encima? ¡Só che faltou chuspirme…, diante do Cura e do Médico!

-¡Si, de verdade; unhas gafas de aumento, aló por Reis!

-¿Máis, máis coñas? ¡Aurelio, por favor, basta! -Cabreouse ao máximo, xa desbordado.

-¡Socio, socio! ¿De quen son eses solares que rodean, agora, o cemiterio, o vello, esa barriada enorme?

-¿De quen…? ¡Nosos; teus, meus e da Mabel; ao terzo! ¿Non partimos ao terzo, en todo?

-Daquela, escoita; atentiño: ¿pódense edificar, pódense vender?

-¡En absoluto! ¿Quen che ía comprar un piso todo por aí, nese barrio baixo, mirando ao nicho de súa nai; quen?

-Pois agora trasládate no tempo, que non no espazo: ¿Desde que non se enterre no cemiterio vello, daquela, qué?

-¡Chacho, estou caendo da burra: ti es o diaño, o mesmísimo diaño! Pero as cousas fálanse, que a pouco me dá un infarto, daquela, diante do Cura, e mira que se teño que confesarme, en público, con vosoutros ao redor…!

-Non tiñas nada que temer, que tamén estaba o Médico, Lucas, enfronte túa, co seu maletín á man. No que che sobra razón é niso de que as cousas fálanse…, no momento oportuno! Ben viches o que resultou, que o momento preciso para coller de man ao Cura e ao Xefe de Sanidade foi naquel intre, levados pola miña conversa, calculada e suxerinte. Manuel, tes que aprender a xogar a tódalas bandas, a todas á vez…, se queres chegar a ser un tafur de mérito!

-¡Cómame nunca o demo, que se te salvas, eu tamén! ¡Ai, ho, é bo argallar de Xudas, que leváche-lo Cura ao mesmísimo inferno…, cun bico, igual, igualiño có Apóstolo!

-Manolete, haberá que dicircho outra vez: ¡É cuestión de concentrarse no que se trae entre mans, en cada ocasión!

O señor alcalde admitiuno:

-¡Será, ho, será; que por algo non te casas…!

Saíulle de dentro, naquela loita entre a propia dignidade e mailos millóns que tan facilmente lle fabricaba aquel socio, Aurelio, ¡aquel socio absoluto, muller incluída! O Secretario botouse en dirección á Consistorial, coas mans ás costas; e tras súa, coma un cadeliño, aquel inefable Salmonte, ¡un Conde!, neto daquel outro que deixara de utilizar o título familiar por non pagarlle á Facenda, en tempo, pero tamén avergoñado pola súa propia decadencia. O ciclo social, último terzo do XX, estaba flexionando cara a un novo feudalismo, ¡pero esta vez político, sen por iso deixar de ser fiduciario, monetario, egocéntrico, materialista!