¿Pódese pasar?

-XVII-

Novela satírica
de
Gómez Vilabella

-o0o-

¡Hai que levar eses cartos a Suíza, antes hoxe que mañá!

-…
-¡Ah, es ti; ola! ¿Que fas por aquí, a estas horas, que aínda non deron as doce nese campanario; caíches da cama, ou botáronte dela?
-¡Meu Secretario, o que ten ansias non durme!
-Sara, por favor, déixanos. Despois seguiremos con este asunto, que me vou dedicar ao señor Alcalde, tal e como se merece!

-…
-¿Manuel, ocorre algo? ¡Nin folguexas!
-¿Ocorrer, qué pode ocorrer? ¡Cando non me deu un infarto, onte, coa sorpresa de trasladar o cemiterio, é que estou vacinado, para toda clase de apuros!
-¡O que é apuros…; dirás, cartos, de tantos que che meto na taleiga! ¿Manoliño, en cantas contas, ou taleigas, tes a túa firma recoñecida?
-¡Cómame nunca o diaño, diso é do único que non hai queixa! Oes, agora que o dis, que son moitos, que estamos chamando a atención…, que imos por diante de moitas empresas, incluso das estatais! Hai que levar eses cartos a Suíza, sen demora, antes hoxe que mañá, pero o caso é cómo facerlles pasa-la fronteira, que con tantas vivendas, todas vendidas ao estraperlo, moito por riba da súa Cualificación…, imos chama-la atención dos mandamáis, deses que mandan aló por riba!
Pero o Secretario non compartía aqueles temores, aqueles escrúpulos, en absoluto:
-Da nosa fortuna, da emerxente, tranqui, que a temos ben abeirada. En canto aos depósitos suízos, contas numeradas e todo iso, estou argallando un procedemento infalible, unha estrutura financeira, de mallas duplas, a base de sociedades interpostas, instrumentais que se di. Poñerémola en práctica no próximo verán, ¡in person, sen maletas! Ti, de momento, ¡descanso, ar! Pero, ¿levantácheste antes das doce para falarme diso, simplemente diso? ¡Non é propio de ti, un fidalgo!
-Non, ho; o caso é que como agora vas pouco pola casa…
-Manoliño, non mo tomes a mal; xa che dixen que o fago para non dar ocasión de comentarios, para garda-la honra da túa Mabel; ¡e con ela, de paso, a túa!
-Ai, ho, por iso non o fagas, que carece de importancia, que se non a critican contigo, con outros o teñen feito, e seguirano facendo, por días de vida, da envexa que me teñen porque casei cunha muller de órdago; unha artista, unha muller que sabe de contas, que sabe falar, que ten iso que chaman mexapil, (sex appeal); sabe presentarse…; ¡chacho, nin que fose madrileña!
-¡Niso douche a razón: unha muller de órdago! Pero as calumnias requiren o seu tratamento…; ¿non viches o prezo que lle fixen pagar ao Xaquín? ¡Non polas súas ideas comunistas, que me río delas, senón por darlle pábulo ao cirio da maledicencia!
-Agora que o mencionas, aínda non che preguntei cómo conseguiches que o botasen dese Banco, en tres meses!
-¡Fácil! Aprendino en Madrid, fixándome naqueles globos do Observatorio: Os que se inflan demasiado, estoupan…, antes de subir! Para maior documentación, teño un libro que trata das Leis de Peter…
-¡Claro, avantaxes dos Letrados, tantas leis no voso caletre! ¿E logo…, cómo fixeches para estoura-lo Xaquín? ¡Non se falaba doutra cousa, aí, no Café do Cubano!
-Recordarás que desde que se viu forte, talmente un desagradecido das cousas que lle conseguín, deu en calumniar á Mabel: que se o Boticario da Rúa Travesa alternaba comigo nas visitas…; ¡chismes!
-Ben cho sei, que se me chibou un Garda, que me dixo que no despacho dese Director dicían…; ¡boh, porcalladas, cousas incertas, sen fundamento, imposibles, co atendida que a teño eu do embigo para abaixo, tódolos días dálle que dálle ao pandeiro, que xa preciso outras vacacións, que con aquelas de Madrid non me fatigo tanto, que me axudan a leva-lo paso, pero o que é a miña, coma quen abala nunha pedra!
Aurelio sabía que non, que non era así, que aquela pasividade só lla dedicaba ao seu Manuel, de aborrecido que o tiña, pero aquel Secretario non daba leccións de balde, e logo que sabía garda-los secretos! Saíuse de perfil:
-Manuel, diso das lerias, ¡que che vou dicir! Os homes públicos…; quere dicirse, para que non penses mal, estes que traballamos de cara ao público, temos estes gaxes; ¡ora ben, tratándose dunha muller, a cousa cambia!
-¿Como foi iso do Xaquín, ou é secreto sumarial? -Insistiu.
-¿O que? -Aurelio fíxose de rogar, coa intención de quitarlle importancia ao incidente.
-¡Chacho, a dimisión…, nese Banco!
-Cousa de nada: ¡pecheille os beizos e mailo nariz, cun narigón que é infalible! Abondoume con mostrarlles aos clientes, aos v.i.p., unha foto daquelas que conseguín na Comisaría, da Brigada Social, onde retrataron ao Xaquín xunto con outros comunistas implicados na sabotaxe de varias industrias, naquela folga de marras, aquela que tanto nos preocupou; ¡a folga, digo!
-¿Chegou con iso, cunha foto? ¡Nin que estivese en coiros! -Manuel sempre admirado e asombrado dos milagres do seu Secretario.
-Eles fixeron o resto correndo a novidade. ¿Ti cres que un paisaniño dos desta bisbarra marcadamente agrícola, con tal de que teña dúas marelas, lle leva os aforros do Subsidio, catro pesetiñas, a un Director con antecedentes policiais, ficha de subversivo, etcétera? A nova propagouse, de seguida, tal que unha peste, así que, en menos de dous meses, tan só lle quedaba á Sucursal unha conta, ¡unha!, a do Concello; ¡á parte da túa e da miña! ¿Viches algo máis eficaz?
Aqueles inspectores, eses que viñeron para certificar a súa desfeita, caéronse un día por aquí, para que lles explicase iso de que sobrevivise a conta do Axuntamento; e daquela tiven que mostrarlles a foto, se ben puntualizando que ma deron despois da miña proposta, da miña recomendación; ¡tal foi, que me sorprendeu, tamén a min, a posteriori! Engadinlles que a miña lealdade co seu Banco cumpriuse á perfección, como se demostraba no feito de que non lles desgastamos as contas. Onte presentáronme ao novo Director, un tipo excelente que nos vai pagar extratipos, ¡sen firmarlle os xustificantes, e sen retención fiscal! Este país é máis facilón cás mulatas; ¡sabendo sobar, por suposto, que aquí, o que non dá pelotazos, é que non ten pelotas!
-¡Cómame nunca o diaño, fixéchela boa! ¿Iso é ao que chamas enxeñería financeira? ¡Este Aurelio, canto sabe; ti, no Goberno…! Oes, esas Leis, esas do Peter, ¿están no Código? Nunca tal oín, e mira que levo tido preitos, maiormente cos colonos; ¡tanta larganza, en sete parroquias!
-Non; esas…, esas leis, sonche doutra natureza. Non veñen no Código, pero ti non te preocupes, que téndome a min, de amigo, de socio, de Asesor, de Secretario…, contra ti, nada, en absoluto!
-Estamos aquí, coma dúas comadres, fala que te falarás de miudezas, e aínda non me dixeches a causa desa madruga túa, tan…, insólita!
-¡Cala, ho, que esta noite non pegámo-lo ollo!
Litis fixo que se escandalizaba:
-¿Tan áxil, aos teus anos? Igual tes razón, que en vez de faltarlle asistencia…, sóbralle!
-¡Recoño, mira que es mal pensado! Non, ho, foi outra cousa: Estivemos matinando na cantidade de pisos que poden saír deses solares de tras do cemiterio vello, que esa é a parte boa, pero está o risco de que o Gobernador se vai alarmar, que non nos quere expertos…; ¡aos alcaldes, me refiro! Mira que se perdo a vara, agora que me encargaches esoutra, ¡coa empuñadura de ouro, e cunha coroa condal! ¿Como dixeches? ¡Ah, si, unha coroa en Xefe! Se lla teño que ceder ao Médico, ao tal Lucas, daquela canto non se rirá ese coñón! Di a Mabel non sei qué que lle pasa coa intuición, que sería cousa de que vexas a forma de asociar ao Xefe Provincial.
-¿Ao Xefe, ao Provincial? ¡Dille á Mabel que non se pase!
-Si, ho; a súa muller enténdese de carajo coa miña, pero todo nos fará falla se este escándalo da multiplicación dos solares chega a estoupar. Lémbrate do que di o Bieito, iso de que se escandalizaron aqueles fariseos ao ve-la multiplicación de Cristo. Falarán destas promocións, das nosas, milleiros de vivendas, ata no Sáhara, que ti quixeches domiciliar no Aaiún a últimas das nosas sociedades; quero dicir, as fantasmais, esas que lles chamas instrumentais; ¡e daquela, como ese Palacio do Pardo pilla de camiño para África…!
Aurelio nin se detivo a consideralo; fixo unha moca de aburrimento:
-Manuel, non insistas, que estou farto das túas versatilidades: iso do estouro é máis difícil do que foi engana-lo Cura. Asociado, non, que o noso triángulo é perfecto, rotundamente equilátero, ¡igual có da Masonería! De comprometer ao teu Xefe en algo forte, nunha boa carnada…; ¡si, pode estudarse!
A Salmonte íaselle un temor e víñalle outro, mesturándoselle a fame coas ganas de comer:
-Mira que se conservásemos a Chousa do Escribán, alí era bo sitio, altiño, con boas vistas, axeitado para facerlles un chalé…; ¡pero ti opinaches que é máis estable un cemiterio novo do que un Gobernador vello…!
-Sen dúbida, pero ademais de estable dixen rentable, rendible. O que estou pensando é que aí mesmo, detrás do Campo da Feira, hai un bosque de caducifolias, tan pecho e tan abeirado que tal parece un parque natural… ¡Pode estudarse!
-¡A modo, Secretario, que unha cousa é regalar a miña chousa, converter en nichos eses carballos, e outra dispoñer desas fanegas, corenta, que son propiedade do Concello, xa mesmo desde que naceu, daquela que os burgueses se liberaron do castelo…; ¡do meu castelo! Dándolle iso ao Gobernador, se cadra igual me deixa seguir coa vara, pero algún veciño que sei eu…, esfólame! Aquí haichos de tódalas ideas; ¡laudos, que di o Crego, pero, quen máis quen menos, turra!
-Alcalde, que non se trata de doar patrimonio do Concello senón de facer parcelas, e despois vendelas, baratiñas, ¡aos amigos! Con tal de que demostren non ser residentes en Churiz, que os censados, moitos e deles, xa teñen leiras de seu.
Manuel albiscou unha nova especulación, outra argallada secretarial:
-¿Iso que chaman promoción turística, non si?
-¡Máis ou menos, Manuel; máis ou menos! Fariámolo coa capa de fomentar o desenrolo, de atraer inversores, mais, para nós, en realidade de verdade, do que se trata é de facer amigos…; ¡cousas que están de moda!
-¿Igual que un Polo Industrial, un Desenrolo deses, deses do Generalísimo…?
-Manuel, chámalle xe, que por aquí, nesta reserva dos eunucos, de momento non distinguen un boi dun touro, e iso que son labregos!
-¡Chacho, podería valer; pero, pero…, se lle ofreces unha parcela ao Xefe Provincial, daquela será peor, que o terás á contra…, polo embarque de que a teña que construír, que ata se pode sentir estafado!
-Querido Manuel, sempre pos o carro diante dos bois. Aínda che estou predicando: podemos face-la promoción dese verxel como cando libraban aos quintos, que de entre as solicitudes seleccionamos unha bóla, unha de cada cinco, que de aí vén ese nome de quinto: ¡ao que lle toque branca, parcela gratis!
Salmonte rascouse tras da orella que era un dos seus tics máis arraigados:
-¡Non sei, non sei; esas rifas habería que facelas por ante Notario…! ¿Ti es o legal?
-Si, por suposto que si, ¡tan legal que son! Coñezo un Notario que perdeu algo de vista…, por culpa da diabete! Se facemos ese sorteo para o mes que vén, que se vai de vacacións o noso, o de Churiz, e daquela traemos outro, ese cegato, ese pitoñoso… Ramonciño, teu compadre, que lle cante as bólas; todas, as brancas e mailas negras, pero do xeito que nos conveña, ¡que xa lle daremos un premio, deses de consolación!
-¡De ben mirado…, se non as mira ese fedatario…!
-Ao Notario xa lle metín algún que outro calabrote; o caso é que se vai resistindo en espera da xubilación, pero cónstame que xa non distingue eses numeriños das bólas, ¡se llas amosamos de lonxe! Por parte, el é, de seu, tan natural, tan inocente, coma un franciscano. ¡Unha cobaia!
-Oes, ¿e se alguén pide as bólas extraídas, tal que para comprobalas?
-Manoliño, que ti, coa túa intelixencia, ves menos, bastante menos, có Notario dos ollos lagañosos; pero, home, hai que descorrer…, ¡polo menos de cando en vez! Ese número será correcto, que o truco non estará en ler mal, senón en que cando Ramón, ¡ese gran metedor que é Ramón!, meta a man no saco, que por algo se di insacular, daquela o teu compadre meteráa, ¡con profiláctico! Quere dicirse, coa branca xa no puño, que se quedou con ela, apreixada, ao insacular as outras. ¡Mesmo coma os pícaros cando xogan ás guilindrainas! Xa lle ensinarei a face-los escamoteos…
¿É que nunca lles fixeches trampas aos teus compañeiros? ¿Non; e mais chegaches a Alcalde? ¡Desde logo, qué forza teñen os apelidos, que a ti puxéronchas coma ao Filipe II! Das seguintes, das outras, pouco nos importa; ¡que lle toquen a quen sexa! Como ese Notario non ve nin ao curto, daquela non verá a entrada, que da saída terá que dar fe; ¡farémoslla dar, máis ben!
-¡Recoño! A ver se o entendín: ¿Esa petición, esa papeleta, esa do terreo gratuíto, irá numerada co número escamoteado, para a Gobernadora?
-Manoliño, non é así, pero ti descoida, que os detalles, as técnicas, son cousa do Técnico, do Secretario. ¡Servidor! Ti lémbrate de que es Aladino…
Aquel Alcalde xa non as tiña todas consigo:
-¡Non sei que dicirche; paréceme arriscado, e van tantas, tantas…!
-¡Que va; é unha cousa experimentada, que xa se facía antes da guerra, que meu pai téno feito coa criada; iso, e máis tamén…, polo que me teñen contado, que os teus serían condes pero os meus foron viláns, afeitos a embroma-lo señor! Pero os testaferros de hoxe en día teñen outra preparación, outra categoría, que por iso hai que face-los escamoteos con máis habilidade.
Neste caso, a solicitude que resultará premiada coa primeira das parcelas, coa de regalo, irá a nome dunha señora do Asilo, da que casualmente eu teño poderes; ¡plenos, incluso para actos dispositivos! A operación retro, a seguinte, consistirá nunha compravenda normal, na que as partes declaremos que o prezo xa foi entregado, ¡en efectivo! ¿Compradora? Por suposto que o será esa amiga de Mabel, a señora do Gobernador, que soubo desta urbanización plantificada no medio dun parque natural impresionante, e por iso opta á construción dun chalé, cerca da súa amiga queridísima, nunha Vila próspera e suxestiva, ¡nesta de Churiz!
Como ves, meu Manolón, encima diso, encima de traela ao rego, será un honor para o teu…, ¡cuasi condado! A ciencia política adiantouche moitísimo desde aqueles anos, inxenuamente iniciáticos, do señor Maquiavelo.
O Alcalde, un pasmón pasmado, fervente adorador de tódolos becerros con tal de que fosen de ouro:
-¿Maqui qué, ho? ¡Nunca tal nome oín! ¿Quen foi ese tío; acaso un maquis, un republicano daqueles que fuxiron no 39? ¡Cómate o demo, cánto sabes, e a cánta xente coñeces, por arriba e por abaixo, dentro e fóra deste país…, e todo iso con tan poucos anos…!
-Era un italiano; eu coñecino…, ¡polas súas obras, como di o Bieito!
-¿Un italiano? Sería daqueles que fuxiron de Guadalajara…; ¡daquela, cando eu era Alférez Provisional, dos de Intendencia, que éramos os enchufados!
-Acouga, Manuel, e non desbarres, que nin Gua-da-la-jara nin Gua-da-la-jarra. A Secretaría e maila Cultura son cousa miña, especialidade miña; ti tes abondo coa vara e coa fidalguía. ¡Non sexas envexo, e déixanos algo aos plebeos!
-¡Xa coidaba eu que tiveches bos mestres, teu pai incluído! Pero volvamos ao da chanchullada… ¿Como é? ¡Iso, insaculatoria! No que entendo, para a doazón desa parcela váleme ese truco, pero o malo é que despois diso, despois desa esmola, metémo-lo Gobernador en gastos, polo menos no compromiso de ter que construír, e igual non lle resulta oportuno, que vai ti a saber cómo andará de cartos, que de seguro non dispón dun Secretario que llos meta na taleiga, así, a mañuzos, ¡cousa que adoita facer o meu!
-Manoliño, Manolón, esperta, que non te dou ensinado: ¿É que non tes, ti, ti mesmo, unha Construtora, propia, e materiais de sobra para facer, e para regalar, unha casa, outra? Sequera é ben doado: Simulamos que che pagou a contrata das obras, e ti fírmaslle ao Gobernador un recibo; ¡si, de cantidade! Polo que respecta aos socios, non serei eu quen se lamente de que o Padre Provincial non nos pague; ¡nin de que lle firmemos un recibo sen contraprestación! Por suposto que irá coa cabeceira dunha das nosas sociedades instrumentais… Os documentos da obra eses si que hai que gardalos…, por se lle temos que devolver algunha chantaxe, no futuro! Chámaselle facer un dossier dos amigos, que aos inimigos xa non se lles dan esas treguas, que se afunden de antemán, aos primeiros síntomas!
Aquilo, esa nova truculencia, convenceu ao Alcalde, ao cento por cen:
-¡Ai, ho, se por min fose, nin as copias! E Mabel, menos, que lles quere moito, moito e ben.
-Iso que dis, alédame, que onde hai cariño hai paz. ¿Non si, meu Conde-Alcalde dos Churiz, do de Arriba e do de Abaixo? Agora que estamos falando de contentar á xente de arriba, á do, ¡Arriba España!, se cadra tamén é ocasión de darlles un chupete aos teus, aos de abaixo.
-¿Refíreste aos Concelleiros? ¡A eses…; a eses patadas no cu, por envexosos!
Así razoaba aquel oligarca.
-¡Digo! Pero, ao práctico: Levamos unha boa racha desde que os deixamos sen titoría, sen ese Xaquín, pero ao menor descoido empezará a destacar algún deles, algún Concelleiro, e daquela, se fan grea, amólannos, que xa se dicía na República que o pobo unido…, ¡nunca sería vencido! Haberá que vacinalos, ¡a tempo!
-Ves ti, nunca tal se me pasou pola chencha, ¡e pode ser! O malo é que son moitos para darlles galanos…, ¡que eses pasaron da idade dos caramelos!
-Manoliño, ¡que pouco calculas! As honras, as honras e mailas latas, son máis baratas cos caramelos; iso téñeno experimentado en moitos lugares, maiormente no Exército. ¿Ti non fuches militar? Podemos empezar por sentalos á mesa…; ¡honores, a cousa máis erótica deste mundo!
Salmonte, sempre a tombos:
-¿Coma ao pobre do Nadal? Iso…, nos tempos daqueles entregos, daqueles condes do Monte Salvo…, pero hoxe non se estila!
Aurelio, nas alturas daquel intelecto seu tan calculador, tan perfectamente diabólico:
-¡Máis ou menos, máis ou menos, pero, de presente, con gravata; todos de gravata! O que non teño en claro, aínda, é a cousa do protocolo, que diso entendes, que vés de familia paciega, escudos, mordomos…!
-¿Ai, ho, por qué non lle consultamos á Mabel, que ela, niso das relacións públicas…? ¡Non sabes o trasfegada que ten á Gobernadora, que xa parecen dúas, dúas desas!
-¿Dúas lesbianas? ¡Non, non pode ser; non o creo!
-Iso non sei o que é; quixen dicir, dúas comadres, dúas cómplices.
Litis, sempre fabricando leas, en serie, en secuencia continua; fileiras delas, enlegadas en restras, montando e desmontando incidentes, afagando e afogando, sucesivamente, alternativamente, segundo conviña aos seus enredos:
-Manoliño, a ti tamén, tamén a ti; aquí, entre nós, fai contigo o que quere; se cadra, ata se pon de riba…, nas ocasións íntimas! ¿Acerto?
O Alcalde cabreouse, bastante, que non puido traga-lo sapo:
-¿Non dis que somos o triángulo perfecto? ¡Daquela non critiques as súas virtudes! Falareille do teu proxecto…; ¡iso si!
-¡Noso, Manuel; noso! Non te esquezas, que por Nadal…, ¡naderías, e cestas á porfía!
-¡Xa! Outra cousa, que teño esa curiosidade: ¿que tal che vai coa sobriña do Cura, coa Sara; escribe ben…, ao ditado? ¿Repica, ou toca a Santos…, iso, co teu badalo?
-Escribe, si, pero esoutro non o fai, nin ben nin mal, que leva o xustillo algo xusto e non pode dobrarse; e logo que, de saias…, ¡máis longas cás do Cura! Terei que deixala para eses santos que din que hai no Ceo, e daquela completar o servizo cunha Pasante, desas de pasar…, de pasar pola pedra!
-Coa Pasante pásao ben, que iso é cousa túa; corre do teu xorne, pero aquí, neste Churiz tan churiceiro, pídocho de favor, non te auxilies demasiado desa Auxiliar, non sexa cousa de que nos parroquée ese Párroco, ¡que mira qué perda si se volve atrás no choio do cemiterio!
-Manuel, ¿tereicho que dicir outra vez? Cando eu meto a man, é que o asunto vale; ¡sen perigo, todo calculado, ao milímetro, pelo a pelo!
-Non te enfades, que xa o sei; mais, en calquera caso, coidado con iso de mete-la man, que non hai beata que non sexa tentadora, que as toucas seica lles dan calorías!

Momentos despois, recheados nunhas cadeiras de veludo, mesmo diante dunhas cotas de carballo que lapeaban na cheminea paciega dos Salmonte, o Alcalde e maila súa dona, aquela sandungueira compartida, parolaban deste xeito:
-Iso é o que opina Aurelio, mais, ¿contenta-los Concelleiros, abaixarnos ao nivel dese fato de laúdos? ¡Antes morto que defunto!
-Pois, se tal opina Aurelio, ti, que sempre o chufas, que ata lle chamas Séneca… Porén, de facelo, hai que chercherlle a femme, que do resto…; ¡o resto vai de engado, tal que as restras dos chourizos!
-¿Muller, que dis, qué é iso de quitárlle-la fame? ¡Xa, xa; nin cun boi asado! Ti e mailo Aurelio, en latixos…, ámbolos dous do mesmo número!
-Manuel, o teu Bacharelato, conseguido a base de xamóns…! E logo está esa Peritaxe que che saíu tan… ¡imperita! Para saber, hai que estudar coas monxas, como fixen eu, que así saín de espelida; ¡e de graciosa! Iso teu, aquilo de Pamplona, Valcarces en non sei cantos Ministerios… Quere dicirse, para que o entendas, que de portas a dentro, nesta casa, o Alcalde efectivo son eu, ¡eu mesma! ¡Ai, se estivese casada co Secretario, ou polo menos arrexuntada…; daquela, upa, ámbolos dous ao Ministerio!
-Muller, non farfalles, que en Madrid as cousas conséguense por parentela, e non coas habelencias dun Secretario. Aquí vaivos ben porque dades con esta xente tan pacífica, parvos coma min, que como dixo aquel, na terra dos cegos…!
Mabel, que se en algo se parecía ao Secretario, ademais da súa comunidade de vicios, era en estar facendo unha cousa e matinando na outra, na seguinte argallada, na seguinte picardía, angustiados polo seu proveito ilimitado, excluínte, e dispostos a compartir tan só cando algo lles trouxese réditos, xuros progresivos:
-Ti, que nunca te informas de nada, ¿sabes se tódolos Concelleiros están casados?
Manuel non se inmutou; estaba curtido, afeito aos desaires domésticos:
-Si, todos; ou non, que minto: un deles anda niso, pero aínda non lle saíron as proclamas.
-Ben; pois, sendo así, ese pode leva-la noiva, e despois de cheos…, ¡que se adestren, que lle ensine a meter goles!
-¡Tamén ti! ¿Onde os van meter, se están solteiros?
-¿Onde vai ser? ¡Despois da cea, esa que imos facer, xuntos, que non quere dicir revoltos! Pero lonxe, nun hostal, celebrando con eles esta harmonía, este Axuntamento noso, tan desconxuntado, no que todos xuntos pintan menos cós leigos dun mosteiro, pero…, hai que aluspalos un chisco, ilusionalos, para que sigan dándolle á palma, na claque do noso teatro!
-¿Para cear…? ¡Para iso, aquí mesmo, no comedor grande! Pedimos que nola sirvan do Restaurante da Xosefa; e ti sacas os teus manteis de liño, aqueles que che regalaron os Concelleiros da pasada, os da outra, coa vaixela antiga, con esa de Sargadelos…
Mabel mirouno cunha ollada cargada de desprezo:
-¡Merluzo, máis que merluzo! Unha cea de compadreo coma esa ten que ser pecadenta; lonxe, canto máis, mellor, onde non nos coñezan; con orquestra e con animadora, e todos ben vestidos. Non se lles esquecerá aos túzaros eses, aos Concelleiros, se lles regalas un xogo de…, ¡dunha cousa calquera! Para as mulleres, ao fino; e para os homes o mellor é darlles unha pluma, a xogo cun bolígrafo, deses dourados; ¡unha cousa fardona!
-Muller, iso da estilográfica está ben, que a poden levar de adorno, no peto, mais, un bolígrafo, e a maiores, dos caros…, para qué?
-¡Pasmón: o bolígrafo é para que che sigan firmando, con boa tinta, con tinta continua, canto che redacte o noso Séneca!
-O que é falar por falar non custa cartos, pero, esoutro…; ¡ponlle medio piso, ou máis!
Ríuselle, a cachón:
-¡Paspán, dúas veces paspán! Esa cea, eses galanos, tódolos gastos inherentes, sonche cultura, ¡Cultura Municipal! ¿Nin iso entendes? Por ende, terán que ir ao capítulo de Cultura deste Concello, ¡como está mandado! ¿Ou logo cómo é; como pode haber cultura sen bolígrafos? Anda, vai para xunto do Aurelio e dálle instrucións, que restan poucos días deste ano para facer os preparativos dese encarte.
-Agora que falas do meu Secretario, -subliñou o posesivo, -o caso é que non ten muller, efectiva, para…, para levala á cea, xa que imos de matrimonios!
-Si que a ten; mira, que leve esa aliada, esa sobriña do Crego, a ver se consigue anaturala…, con canela!
-¡Non o vexo posible, que esa Sara é unha coitada, case unha virxe!
-Daquela…, que non vaia Aurelio!
-¡Ti toleas; sen Secretario non hai Concello!
-Para iso teño unha receita, definitiva.
-¿Cal? ¡Dio dunha vez!
-Séntome eu no medio de volos dous; e xa que me critican, tápolles a lingua, que ao verme con naturalidade, así, no medio, sen quentarme pouco nin moito, ¡daquela deixarán de confundir a amizade coa mancebía!
-¡Era o que nos faltaba, darlle mecha á pólvora, volver aos contos!
Mabel, en efecto, tiña receitas, alegacións, para tódolos sensos:
-Se non vai a sobriña, que leve ao Cura, coas saias longas, co seu traxe talar, que daquela igual se emociona, e lle mete man…, ao Párroco!
-¡Ti es unha sacrílega, e logo que os Curas estanas quitando; cousas do Concilio! Pero o que é a don Benito…, a ese non hai Concilio que o ispa!
-Manuel, se léva-lo Crego…; ¡ben, vale! Sérvenos para bendici-la mesa, que dese xeito resulta un ágape de fraternidade; bendito, tal que as nosas obras…, e mais son de estraperlo!
Manuel, acurralado, optou polas caricias e fixo que lle tiraba da saia á Mabel:
-¿Sabes que che digo? Que este Secretario é a miña man dereita, e ti a esquerda, pero non llo direi, nunca dos xamais…, por se empezades a rezar diante miña, man sobre man!
Mabel, recompoñendo na saia e arremedando os andares monxís daquelas sobriñas do Cura ás que lles collera xenreira desde que se achegaron ao Aurelio:
-¡Bobo; mira que ter celos, con catro fillos que che parín, e unha ración de babas túas, ao día…! ¿Que máis pode querer un velloufas coma ti, cos dentes forrados en ouro?

A cinta cortouse naquel intre ao ausentarse Manuel, supostamente en busca do seu Secretario; na seguinte volvemos a atoparnos na penumbra sinistra da Secretaría: pouca luz, bastantes cartafoles e un cheiro apestoso, de tanta picaresca neles contida!
-Don Aurelio, que o chaman pola tres, pero non quixo deixa-lo seu nome; o de aló di que é persoal.
-¿Home ou muller? Se é muller, daquela, Sariña preciosa, dille que é tarde, que non estou dispoñible, que estou en corentena, facendo méritos para que me queira unha tal…; esta que teño diante, tan churrusqueira, pero, inexpugnable, ¡máis có castelo dos Saltamontes, digo, dos Salmonte!
-Don Aurelio, déixese de bromas, que vostede non para de provocarme; tanto, que xa parece un acoso sexual, deses que din que fan os xefes, algúns, e con iso perde a graza. ¡Por nada deste mundo quixera ter que darlle as queixas ao meu tío! Como é unha voz de home, ¿que lle digo?
-Dálle o número deste teléfono, do verde, do directo; e que chame dentro dunha hora, que a tal momento, de presente, prefiro falar contigo…, por moito que ladres!
-Mire, se vostede se pon así, daquela pásolla sen anunciar, así sexa o propio Gobernador!
-Encantiño, non te enfades; faino así, e volve pronto, que temos que redacta-la orde de vacina-los cans…, por asociación de ideas!
-…
-¿Don Aurelio, torna ás andadas? ¡Déixese de beliscos e de rolos patateiros, e dígame dunha vez o que poñemos aquí, neste Bando dos cans!
Aurelio, coa súa teima centrada naquel asedio permanente:
-Sariña, é certo que estou preparando oposicións á túa man, pero, nin me dás a túa, nin queres a miña; nesta disxuntiva será cousa de pedirlle unha recomenda ao señor Cura, teu padriño.
Sara calculou que se chegasen a unha tregua, a un adiamento, no ínterim igual se desanimaba aquel insistente:
-Don Aurelio, escoite, que lle falo en serio: Pórtese ben e déixeme un ano de reflexión, de adaptación; despois diso…; ¡xa veremos! ¡Non lle prometo nada, pero cabe nos posibles!
Aquel pícaro, por picardías tiña que saír, que era o seu, ou deixaba de ser quen era:
-¡Oh, qué ben; pois, nese caso, só me faltan dúas semanas, dúas, por este calendario, que xa estamos en Nadal!
-¡Este home é tan ocorrente que atopa saídas para todo! O meu ano élle completo, pero o seu, ao parecer, consiste en cambia-la folla. ¿Non me dixo que lle tiña que ensinar? A miña lección será esta: Se en todo un ano, nos doce meses, en vez de picardías e de acosos se dedica a facer ben á xente deste lugar, do meu, que é o seu adoptivo, daquela a súa proposta pode cambiar de Norte. Para o caso, acórdese do Tenorio, que lle bastou un minuto de atrición!
-¡Aquelas monxas, as do teu colexio, qué ben te ensinaron! Un minuto…; si, en efecto, que así lle acaeceu ao don Juan; pero ti abusas: ¡un ano…!
-Don Aurelio, deixémonos de trécolas, que don Juan presumía coa boca do que acaso non facía coa entreperna, pero a súa alma, a súa, esa si, esa coido que está enferma, que vostede fainas ao calado!
Litis simulou reconcentrarse:
-Sariña, apunta a primeira destas promesas: ¡Ven comigo a esa cea, á que vai dar Manuel, que será con damas; unha cea para min de ensaio, para comportarme con galanura e con seriedade; contigo preto, cerquiña de min, xurándoche que farémo-la próxima coas nosas alianzas no seu sitio; e eu, daquela, para entón, perfectamente santificado! ¡Prométocho!
Sara vacilou, insegura daquela decisión:
-Non, xa lle dixen que mellor, non, que eu, de noite, no seu coche…; ¡Deus me libre de tal, que as ocasións fan ao home ladrón!
-¡Iso arránxase; ti vas no de Mabel!
-Tampouco, que eu non lle adorno a mesa a ninguén. Se aínda fosen Ramón e maila súa dona, daquela, pase, pero, levarme a min, á Auxiliar, con menos categoría có Ramón, para que vostede non teña que sentarse só, ou arrodeado das mulleres dos outros, das do próximo, tal que dona Mabel…? Mire, ben pensado, iso das cheas frívolas…, non entra no meu Credo!
Litis fixo o aceno de tirarlle un bico coa punta dos dedos:
-¡Que ceo de muller, cánto te admiro…; por tantas cousas, que nin sei enumeralas! Está ben, Sara; de presente, ti gañas: virás connosco, con toda a Plana Maior, que levaremos ao Ramonciño; ¡e para que a cousa teña graza, que leve á súa Engracia!
A Aliada rendeuse, ¡por fin! Daquela foron todos de cea, axuntados e rexuntados, que non revoltos, ¡a come-las perdices, á conta do Concello, nun daqueles mesóns da estrada de Madrid…! ¿En canto á factura…? ¡Xa levaron os cartos dela no propio peto do propio Alcalde…, vía Ramonciño, que os apuntou, coa mellor das caligrafías, nos libros oficiais! E de concepto, o acostumado para estes casos: ¡Víveres distribuídos á Beneficencia local, segundo relación e xustificantes que pasan ao Arquivo deste Concello!