Beatus qui legit

Curros Enríquez

en Sarria e en Castroverde

Por

Xesús Alonso Montero

Ningún biógrafo ten dito que o gran poeta de Celanova visitase algunha vez estas dúas localidades da provincia de Lugo, pero hai días os seus versos, recitados e cantados, soaron nesas vilas lucenses. Foi no Instituto Gregorio Fernández de Sarria e no Colexio Público de Castroverde, que aínda non ten nome. Curros Enríquez é un poeta que chega eficazmente ao corazón e á sensibilidade dos alumnos, máxime neste ano, centenario do seu falecemento. Tamén interesa, ás veces moito, a súa vida de neno rebelde, de emigrante, de poeta indómito, de republicano fervoroso, de crente que discrepaba da Igrexa, de home recto…. Son os rasgos nos que eu, conferenciante, puxen o acento, tanto en Castroverde como en Sarria, e así o fixen, non hai moito, no Instituto Virxe do Mar de Noia.

Pero as conferencias foron só unha parte dos eventos literarios. No Instituto de Sarria un grupo de alumnos recitaron, motu proprio, poemas significativos do escritor, e un coro numeroso de adolescentes, motu proprio tamén, cantaron “Unha noite na eira do trigo” (inicialmente “Unha noite no xardín sentada”, como, previamente, lles explicara o profesor Manuel Muñiz Besteiro nas clases de Literatura Galega).

O profesor Muñiz é o presidente da Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, e foi esta Asociación a que organizaou nesta vila a celebración en homenaxe a Curros Enríquez: desde a conferencia no Colexio Público, onde fun presentado polo artista Paco Pestana, gloria de Castroverde e de Galicia, ata o acto literario-musical na rúa Manuel Curros Enríquez, rúa humilde e entrañable, como lle gustaría a quen foi fillo entrañable de súa nai e poeta dos humildes.

A celebración coroouse no salón de plenos do Concello onde 35 ou 40 persoas, guiadas por Carmen Varela Arrojo, violinista, e Carmen Novoa Ares, contrabaixo, cantamos “Unha noite na eira do trigo”. Previamente Manuel Muñiz, que, ademais de profesor é pedagogo, repartira senllas copias da “Cántiga” de Curros. O Alcalde, don Xosé María Arias, prescindiu do papel: sabíaa de memoria. Ao final houbo unha sorpresa: a Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde nomeoume Socio de Honra, supoño que por unha conferencia pronunciada hai ano e medio sobre a loitadora comunista e dinamizadora cultural Enriqueta Otero (1910-1989). Eu agradecín a condecoración parafraseando, cunha miguiña de humor, a Curros: “E ¿quen son eu? Un fistor / a quen tal nome negaron / porque arrolar nunca soubo / o nome vil dos tiranos”.


XESÚS ALONSO MONTERO