RESUMO
Roteiro polo románico do val do río Tórdea, segunda parte.
Sábado, 13 de xaneiro de 2018
Nunha xornada que se ergueu anticipando chuvia, e incluso neve cara ás serras, un avezado grupo da nosa asociación animouse a retomar o roteiro polo románico do val do río Tórdea no punto onde se deixara en novembro: en A Pumarega. Por unha afortunada coincidencia, nesa parroquia vive Pepe Darriba “Caralladas”, unha desas persoas singulares e creativas que viven ao noso carón e das que poucas veces nos apercibimos. Unha persoa, ademais, franca e aberta, que nos invitou a visitar o seu estudo de escultura, onde produce e atesoura as figuras que xorden da súa mente a través das súas mans. Alí tivemos ocasión de ver tales creacións, personaxes que emanan da madeira como as criaturas dun soño, e que permanecen na retina do espectador abraiado. Foron moitas as voces de louvanza que se escoitaron durante a visita, e moitas outras as voces de abraio cando nos introducimos na súa adega, escavada directamente baixo dunha pena de características titánicas. Un lugar sen dúbida impresionante do que, porén, axiña tivemos que marchar para proseguir o noso camiño; pero gañamos un novo compañeiro, xa que o propio Pepe nos fixo compaña durante un bo treito.
Coa auga respetándonos polo momento comezamos a baixar polos camiños que levaban aos soutos de Cellán de Mosteiro e Cellán de Calvos. Trátase dun lugar no que os castiñeiros teñen medrado por centos de anos e que supón unha viaxe no tempo, a un momento moi anterior ao actual “deserto verde” que a masificación dos eucaliptos propaga pola nosa terra. Un momento de regos claros e cantareiros entre as árbores (neste caso, o chamado Rego Traveso), de camiños alfombrados de follas compoñendo o seu mosaico natural, do rechouchío de infinitos paxaros e outros moitos sons dun ecosistema tan intricado como estable, dunha paisaxe próxima e máxica pola que tomaron forma as lendas, e as historias que o pasado nos legou; riquezas todas elas que hoxe non apreciamos na súa xusta medida e que estamos condenados a perder ata que xa non poidamos facer outra cousa que lamentarnos.
Deixando atrás estes soutos inzados de beleza chegamos á Casa do Vilar, dende onde se podería ver a curiosa formación rochosa de Penalada, precisamente un deses lugares xeradores de lendas, de non estar invadida polas citadas plantacións forestais. En compensación, e unha vez pasada a devandita casa e continuando polo camiño, confortámonos co son da auga caendo en pequenas fervenzas na ladeira ao carón, en varios lugares do tramo, mentres contemplabamos ao noso paso algúns magníficos exemplares de castiñeiros (como o do Vilar, aínda que estea fendido e cunha parte xa derrubada). Mais nese punto a mañá, que nos concedera unha boa tregua en canto á chuvia, decidiu cumprir co esperado e comezaron a caer pingas sobre nós, que para cando chegamos a Cellán de Calvos xa se tiñan convertido nunha auténtica chuvieira.
Baixo os paraugas (e baixo calquera estrutura ao efecto dispoñible no pobo, en realidade) agardamos pola chave da igrexa, que nos permitiu acceder á que probablemente sexa unha das igrexas más pequenas do concello pero que por desgraza non cumpre a promesa que fai o seu interesante exterior, por mor dun retábulo exiguo e dun enfoscado totalmente neutro das súas paredes interiores. Ao outro lado do camiño, pola contra, unha casa cunha cruz de Malta alongada e unha inscrición borrosa no dintel da porta principal mantívonos intrigados durante un bo anaco.
Visto Cellán de Calvos, fomos baixando pola costa do Pereirón a medida que o ceo escampaba, e de novo entramos por camiños que esta vez nos habían levar entre sebes e valados a pasar por riba do río Tórdea onde este fai unha das súas máis fermosas reviravoltas. Logo, nun tramo de piñeiros, pasamos a carón das croas de San Xulián de Pereiramá, un impoñente asentamento castrexo de coroa redondeada de máis de 70 metros de diámetro e parapetos de terra que a rodean e que superan os 8 metros de altura. Un recurso patrimonial de auténtico luxo abafado pola vexetación, como ven sendo triste costume.
Finalmente acadamos o noso obxectivo último: San Xulián de Pereiramá. Alí si, a súa igrexa cumpriu en boa medida as expectativas, xa que nos ofreceu tres vistosos retábulos, perfectos exemplares do barroco rural galego. Para rematar a xornada, tomamos unha foto de grupo arredor do cruceiro do lugar, e marchando logo cara ó Camiño Ancho demos por rematado este roteiro que tanto ten que ofrecer e tan bo paseo supón.
Saúde, Terra, Lingua e Patrimonio
Deixa unha resposta