Breve resume da conferencia impartida por Emilio V. Carral Vilariño.

“ Qué é un río”





Hoxe, venres, día 20 de febreiro tivo lugar a segunda conferencia do ciclo dos ríos, que ten moito que ver coa anterior. Emilio volveu a preguntar: que é un río? Un río non é só unha canle de auga. É un todo Ecolóxico, cunha Estrutura e unha Función. Tendo unhas Propiedades e Beneficios. O río é todo o que hai a ambos lados do río. O hábitat e o bosque mixto de ríbeira. Se desaparecen as árbores de ribeira a temperatura da auga aumenta e varía o osíxeno e, iso é fundamental para a vida de moitas especies.

Os bosques de ribeira son filtros para que a contaminación non chegue aos ríos, á parte que se sacamos as árbores, sacamos o alimento do río, xa que son o alimento orgánico para moitas das especies. Importancia de todo iso para a vida dos salmónidos e, como consecuencia para o mixilón de río. Aos ríos non hai que tocarlles, a nos ser que poñan en perigo a vida das persoas.



Un río, valla a redundancia, é un río. É toda unha Integridade Biolóxica.

Un río como vemos é un Sistema Vivo. O río abastécenos das necesidades de auga, así foi ao longo das civilizacións. Os desenvolvementos urbanos afectaron e afectan aos ríos. Hai moita lexislación e moi importante arredor do tema medioambiental, mais logo non se cumpre. Hai un dominio público duns cinco metros a ambos lados do río, mais a súa área de influencia abrangue ata os 100 metros, todo isto ten moita importancia, mais non se respecta, non se lle dá a debida importancia.

As actuacións no río e nas costas foron moi agresivas, convertendo moitas das veces os nosos ríos en simples canles, pensemos no río Rato en Lugo, ese tipo de actuacións, onde facemos desaparecer o bosque de ribeira, provoca a morte dos peixes e produce unha grande erosión, aumentando a velocidade da corrente de auga, disminuindo o osíxeno e provocando asulagamentos en zonas máis baixas. Púxonos Emilio o exemplo de EEUU, que hai anos soterraron ríos, e hoxe están recuperándoos porque se percataron da grande importancia que os ríos teñen para o desenvolvemento dos pobos. Unha vez máis, coidemos os ríos.

Grazas Emilio. Saúde e Terra.