Xeneral Antonio Escobar Huerta
Por
Xosé Mª Pin Millares
“Piense usted, mi general, que si fusila a Escobar no fusila a un hombre, fusila a un santo”
Carta do cardeal Pedro Segura ao xeneral Franco.
Pois nin esta advertencia de Segura nin outras peticións do mesmo Vaticano e de Emilia, filla do xeneral e monxa adoratriz ou a da superiora xeral da mesma congregación serviron de nada. Franco asinou o “enterado”, que cinicamente traducía o seu capelán, José Mª Boulart, por enterrado, paso previo para o fusilamento que tería lugar no amencer do 8 de febreiro de 1940 en Montjuich (Barc
elona). Nos cálculos de Franco, tan cativo de sentimentos como de estatura e do golpista xeneral Orgaz, non tiñan cabida a compaixón e a magnanimidade, senón o exterminio.Este gran home era oriúndo de Albaredo, da parroquia de Córneas (Baleira), onde naceu o seu pai, Ramón, que morreu sendo comandante en 1898 na guerra de Cuba. O delicto de Antonio Escobar foi manterse fiel, en virtude da obediencia debida, ao goberno lexítimo da II República. Escobar nunca foi un rebelde, pero, por paradoxos das dictaduras, foi condenado por rebelde polos rebeldes. En todo caso, era un prisioneiro de guerra e ningunha Convención internacional permite humillar e eliminar aos prisioneiros. Antonio Escobar, director xeral de Seguridade para Cataluña en 1937 e xeneral en xefe do exército de Estremadura dende outubro de 1938 ata o final da guerra civil,foi detido en Ciudad Real no seu posto de mando o 26 de marzo de 1939 polo xeneral Yagüe gardando todas as formalidades do código militar. Yagüe ofrécelle unha avioneta e rógalle que se vaia ao estranxeiro, ofrecemento que rexeita, pois segundo afirma “ Non me vou. Soamente me limitei a cumprir co meu deber. Non fixen nada malo e as guerras hai que saber perdelas”, atinadamente, Yagüe, pregunta,“e quen lle di a vostede que nosoutros vamos saber gañalas?. Os sublevados, con Franco á cabeza, non souberon nin quixeron gañalas, soamente cabía o exterminio e Escobar foi xulgado e condenado a morte nunha farsa chamada Consello de Guerra Sumarísimo, cheo de falsidades e mesmo de perversidades.
Sobre as guerras, Escobar compartía unha reflexión recibida de seu pai: As guerras, ademais, de non valer para nada,
son inútiles, e se son inevitables que as fagan os militares”. Antonio Escobar era un home dunha bondade extraordinaria, con gran sentido do deber, coherente, de conviccións moi fortes e profundas, de fondas crenzas relixiosas, terciario franciscano dende 1934, confesaba e comungaba todos os sábados e domingos, adoitaba repartir a metade do seu soldo entre os necesitados, recollía roupa entre as súas amizades que logo repartía entre os pobres, salvoulle a vida ao cardeal Vidal i Barraquer e a outros clérigos e no exército de Estremadura dende o día 5 de novembro de 1938 ata o día 5 de xaneiro de 1939 celebrouse todos os días misa de campaña con asistencia do xeneral, do coronel (Ibarrola) e outros xefes e oficiais, pois ben, un home desta calidade foi asasinado polos Cruzados no nome de Deus, despois de ser humillado e torturado en Montjuich.A traxedia da fratricida Guerra Civil ten un fiel reflexo na persoa e no contorno familiar do xeneral Escobar, seu fillo José combate e morre en Belchite vestido de falanxista, nesa mesma batalla, no bando republicano loitaba Antonio Escobar, militar de carreira, fillo do xeneral. Seu irmán, Alfredo, pasou á zona “nacional” a principios de 1937, sometido a depuración, asígnanlle o mando dun tercio da Garda Civil en Asturias, pero ao terminar a guerra, o 1 de abril de 1939, mediante un decreto franquista foi separado do servizo por desafecto ao réxime, por fortuna, Ramón, o maior de todos os irmáns, xa estaba retirado dende 1936 como coronel da Garda Civil.
A Guerra Civil é seguramente a maior traxedia da historia de España, durante os tres anos de duración cometéronse innumerables crimes, pero a iniciación desta traxedia criminal é responsabilidade dos sublevados que, por outra parte, continuaron unha durísima e cruel represión durante máis de trinta anos. A esta política de exterminio inaugurada o 18 de xullo de 1936 polos militares sublevados sumáronse con entusiasmo sectores conservadores, terratenentes, burgueses, propietarios, clero e bispos, era a xustiza de Deus. Francisco Paulino Hermenegildo Teódulo Franco Bahamonde era Caudillo pola graza de Deus e segundo monseñor G
arcía Lahiguera era un “home de fe; entregado ás obras de caridade, en favor de todos, pois a todos amaba; home de humildade” (Homilía do funeral en Valencia), por iso , Leopoldo Eijo y Garay, o bispo “azul”, manifestaba emocionado nunha visita do dictador á igrexa das Salesas de Madrid: “Nunca he incensado con tanta satisfacción como lo hago con V.E.” A espiral de violencia desatada coa rebelión trouxo para a Igrexa grandes sufrimentos. Queimar unha igrexa ou matar a un eclesiástico converteuse na reacción máis inmediata nas cidades e poboacións onde fracasou a rebelión, cerca de 7 000 eclesiásticos do clero secular e regular foron asasinados, moitos durante os primeiros meses da guerra na zona republicana, pero este entusiasmo criminal tivo correspondencia na zona “Nacional”, tamén, en moitos, casos coa colaboración activa e co silencio cómplice de amplos sectores conservadores e reaccionarios da sociedade. Reproduciuse o esquema de sempre: acción-reacción. Aos fusilamentos de Yagüe en Badajoz, máis de 5 000 prisioneiros, responden en Madrid coas “sacas” do cárcere Modelo e con Paracuellos. Na zona nacional converteuse nun deporte macabro matar mestres e poetas e na republicana asasinar curas e frades. A irracionalidade fratricida non tivo límites. As poucas palabras sensatas e, mesmo cristiás, saíron da boca de Azaña:”Paz, Piedad, Perdón”. Posteriormente unha carta Pastoral do cardeal Gomá urxindo pasos no sentido de reconciliación e perdón foi prohibida por Franco. Calquera intento de mediación era considerado como unha traizón. Juan Yagüe falou de xenerosidade…hay que tener el alma grande y saber perdonar. Nosostros somos fuertes y nos podemos permitir ese lujo. A resposta de Franco foi: Cuantos deseen la mediación consciente o inconscientemente sirven a los rojos y a los enemigos encubiertos de España, a Franco soamente lle servía a rendición incondicional. Mesmo consideraba ao cardeal don Pedro Segura coma unha cruz laiándose: “que cruz me ha mandado el Señor¡” Todo porque Segura prohibiu as inscricións de de José Antonio e de Caídos por Díos e por España nas fachadas das igrexas ou ameazou con excomuñón a todos os clérigos que permitisen a entrada de Franco baixo palio nos templos. Durante moitos anos o culpable de todos os males foi a República, coma se a República nos cinco anos de duración fose algo monolítico e uniforme. Coas luces e sombras que proxecta todo sistema, a República intentou unha modernización de España, puxo especial énfase no sistema educativo e de todo o entramado social. Os inimigos da República non permitiron nin fixeron posible levar a cabo unha tímida reforma agraria, ou dun exército moi politizado e sobredimensionado (195 xenerais para uns 150.000 soldados, un oficial por cada nove soldados), dominado polos cuarteleiros“africanistas” que temían pola posible anulación dos ascensos por méritos de campaña, entre eles Franco e unha igrexa integrista e reaccionaria ansiosa do control do ensino e da moral civil, en dous anos o goberno da República construíu 7 000 escolas.Moitas persoas coma o xeneral don Antonio Escobar Huerta sabían que por camiños democráticos todo é posible. El non puido facer máis, xa que logo, no empeño perdeu a vida, aínda que ao final os derrotados son os seus verdug
os, pois matan, pero nunca vencen. As derradeiras palabras deste home de honor, na noite do sete febreiro de 1940 en Montjuich, foron para pedirlle ao seu fillo, tamén preso, Antonio Escobar Valtierra, que non gardara odio nin rancor a ninguén pola súa morte. Neste caso don Pedro Segura tiña razón: Antonio Escobar era un santo.Xosé María Pin Millares
Lugar de nacemento: Martín, Baleira (Lugo)CURRÍCULUM:
Estudou no Seminario de Lugo, na Escola de Maxisterio de Ourense e licenciouse en Xeografía e Historia na UNED.
Crego en Vilamor do Courel, Vilachá de Salvador e Sabadelle (Chantada), foi profesor na Escola de Formación Profesional Agraria de Monforte e Chantada, mestre en Gernika e Valadares (Vigo) e xubílase como profesor de Ensino Medio (Xeografía e Historia) en Vigo.
Cando se puxo en marcha a Universidade de Vigo, foi nomeado director do Servizo de Normalización Lingüística, labor que realiza ao longo de case dez anos. Durante este período imparte cursos de Lingua Galega e de Linguaxe Administrativa, ademais de contribuír á galeguización da documentación administrativa da institución universitaria. OBRAS REALIZADAS:
TRABALLOS E COLABORACIÓNS:
-“A Igrexa Colexiata de Vigo”, Ed. Cardeñoso, 1994.
-Colabora na revista “Dereito e Lingua”.
-“Xaime Isla, sineiro de fe e galeguidade”.
-“A Normalización Lingüística na Universidade: Estudo Sociolingüístico”.
-“¿Galego no ensino ou ensino en galego?”.
-“A campá como medio de comunicación”.
-“Biografía do xeneral da Ribeira, Pedro María Pin Fernández”.
-“O xeneral Escobar”.
-“Castelao é noso”, na revista da Casa de Galicia de Valladolid. OUTROS DATOS DE INTERESE:
Durante 13 anos participa no grupo Badal na elaboración de material litúrxico en galego.
Membro do Consello de Normalización Lingüístico do Concello de Vigo en representación da Fundación Penzol.
Secretario da Editorial SEPT.
Deixa unha resposta