Inauguración en Castroverde do Canal Privado da
T.Q.CH.
(Televisión Que Cheira)
-.-
Primeira transmisión en vivo
Programa
O martes de Carnaval quedará encinta a nosa Televisión;
vaina cortar, (a cinta, non se pense mal), o Sr. Delegado da Xunta.
Esta desfloración será púdica e pública,
cunhas cámaras facendo que gravan en directo;
e falará, como presentador da mesma, o
Presidente da Comisión de Mozos da Terceira Idade,
promotora desta idea,
que ten por finalidade básica desentumecer aos parados
e coñarse da crise económica.
ACTOS
. Venda de accións da T.Q.CH. (Televisión Que Cheira, SA). Darase papeleta de Accionista num. 1 á persoa do público que máis poxe; e así sucesivamente. Estes cartos irán á Caixa do Paro, coa finalidade de que ningún parado deixe de fumar, ou o que é o mesmo, deixe de afumarse.
. Discurso do Presidente:
Señor Delegado deste Goberno que non foi capaz de adiviña-lo porvir, e por conseguinte non puxo os vagos a traballar, ¡tanto que estorban aos que traballamos! Señores membros desa Oposición tan desmembrada…, e que tan mal oposita! Por último, queridos compañeiros de infortunio, que tanto vos esforzades para paga-los impostos que vos son impostos, paganos en definitiva de tantísimos cobranos que non o merecen pois leváronos ao pichoco do paro coas súas especulacións.
Estamos aquí, neste Castro Verde dos tributos mouros, para demostrarlle ao mundo que nós, aínda que non temos mando, valemos tanto ou máis cós gobernantes, pois a nós non hai Cota Láctea que nos corte o leite, nin o leite nin as ideas. E de paso, para dicirlles a eses rexedores da Comunidade Europea que en Castroverde imos tan adiantados que incluso temos Tele, ¡e non precisamente para ollar leas de faldriqueiros!
Xa vos anticipo que nesta Tele todo vai ser verdadeiro, de moito nabo, inspirado no noso Gaiteiro, no de Lugo. ¿Non vos lembrades daquel Gaiteiro, aquel Repertorio que tanto orientaba aos labregos? Eu, naqueles tempos, só tiña que colle-lo repertorio, molla-lo dedo, e mirar cara á Bercía, que con estas tres cousas sempre adiviñaba o porvir; sempre souben qué me conviña mellor, se xungui-lo gando ou irme á taberna para facerlles gasto, pois, ¡meus pobres!, eles tamén atusmaban ao tempo…, para inferir se terían clientela!
A orientación desta Tele, os nosos programas, empezan con este que estamos vendo, que xa estamos no aire, que é como din eses competidores; niso non se equivocan que no aire están, sempre, a cotío, abafándonos, cheirando! Os nosos programas serán en directo, sen trucos, sen ensaios previos, ¡ozono puro!
Por exemplo, cando saian os políticos na nosa pantalla, calquera veciño lles poderá preguntar pola súa conta corrente, se lles vai a máis ou a menos; cantos xamóns lles quedan na despensa; cantos sobres de diñeiro negro levan recibido; e tamén, poño por caso, canto lle meteron á cuñada…, ¡na súa conta, quero dicir!
Outra posibilidade que ides ter, ter e gozar, con isto de que a Tele é nosa, enteiramente do pobo, será que cando saia unha artista ensinando as cachas, tódolos vellos do lugar, ¡e non só os verdes!, que por algo somos os máis experimentados, e temos a responsabilidade de mirar pola decencia, ademais da docencia, poderedes subir aquí ao plateau, e darlles uns azoutes cariñosos nas nádegas a tódalas rapazas que se destapen por imperativo do guión…, ¡para ensinarlles a disimula-los seus vicios! E logo que a esas mozas que aparentan ter moito de todo apalparémoslles os queixos…; suavemente, iso si, para comprobar se son de silicona ou de propia natureza, que aquí non se admiten fraudes; ¡todo será verdadeiro, ao natural!
¿Parécenvos ben estas premisas? ¿Apróbase por unanimidade? ¡Xa me parecía que vos ía gustar esta planificación, pois a democracia é de todos, e a muller de cada quen é só de cada quen! En particular para os que teñades a vista cansa, ¿non é mellor ve-las cousas de cerca, particularmente as bonitas? ¿E vostede, señor Delegado do Goberno, que está tan calado, qué opina das nosas ideas, ou ten medo de que nos desmadremos?
Fala o Delegado do Goberno:
-Eu, na alta representación que ostento, voulle levar ao Xefe Grande, ao noso Führer, este cacho de cinta que estou cortando…, para que o poña de lazo na súa camisa, pois así, cando se mire no espello, acordarase desta bisbarra de Castroverde, que tantos votos nos leva dado…
Contéstalle o paisano:
-Agarde, xa que fala de votos… De paso, dígalle que agora temos unha Tele privada, defensora dos nosos intereses, unha tele que cheira e que as cheira, que cheira a limpo, que as ve vir, así que as cousas vanlle ser diferentes, e non admitiremos promesas políticas se non nolas fan por ante Notario! As peticións do noso Alcalde deixarán de ser peticións para converterse en esixencias, ¡porque nós estaremos detrás del, reforzándoo. apoiándoo e ollando por esta ventá, pola da nosa tele! Van séculos de levar sen traer, así que, ou lle dan a volta á tortilla, ou nos declaramos Condado Independente de Chamoso, ¡que xa o fomos! ¡Tome nota, e transmita isto, ipso facto, de abaixo para arriba, coma un foguete!
O Delegado:
-¡Querido amigo, o que queiran, o que pidan; faltaría máis, que xa sabemos que cada home un voto, e cos seus votos enchémo-la hucha…! ¡Uih, perdón, que me estaba trabucando: quixen dicir, a urna!
Fala de novo o paisano, braceando moito, iracundo, esixente:
-Non, señor, nada de pedir, que se volve a trabucar. Iso de pedir era antes, hai tempo, pois agora sabemos que a soberanía reside no pobo, así que vaia tomando nota:
.Para as viaxes do IMSERSO queremos que nos recollan na eira de cada quen, que agora non hai medas de trigo, ¡aquel trigo das cavadas, ao quinto!, así que as nosas eiras serven de heliportos, perfectos, para eses helicópteros da Xunta.
.O que lles fagan ás nosas mulleres a cirurxía estética polo Seguro, incluído iso de estirarlles a pel do baixo ventre… ¿Pero, qué fai, que non anota? Engada nese caderno:
.Queremos un Casino de Xogo na Veiga do Olmo, que xa o administraremos nós…
Delegado:
-¡Tanto presumir de ética, e sáeme con iso dun Casino!
Paisano:
-O Casino é para atraer a eses ricachos de Lugo, eses que causaron o paro pero non están nel, que os desplumaremos nós…; ¡xa está ben de ir á Capital para levarlles o noso capital! Pero sigo, que aínda quedan cousas, esixencias, importantes. Nesta Tele queremos ter os anuncios do Estado, que así, ao censuralos nós, quitámoslles canto teñan de conto, de suxestión, de propaganda subliminar! Outro si digo:
Delegado, que non aguanta máis:
-Vaia parando coas peticións viciosas, e confórmese, de momento, coas do Nosopai. Co dito, voume, deseguida, que temos unha cea en Santiago…, e como vostedes queren que administremos ben os cartos…, pois iso, que non se pode malgastar o Presuposto do país encargando pratos que despois queden sobres!
Señoras e señores, non habendo máis asuntos que me interesen, déixolles inaugurada a súa Televisión Que Cheira, ¡que cheira a limpo!, así que poden emitir…, ¡pero dentro dunha orde, sen desmadrarse, por Carnaval que sexa!
Locutor/a:
-Señoras e señores, esta emisora, ao revés do que pasa coas outras do país, dálles preferencia aos rapaces; así que empezamos polos nenos. Esta xuventude do século XXI vailles falar das cousas feas que atoparon neste mundo, no occidental, cando a el viñeron, así como da desfeita que lles fixemos nós, os maiores. En penitencia, estamos dispostos a escoitalos con todo respecto, a ver logo esas receitas milagrosas que nos queren impoñer.
(Soben dous nenos e dúas nenas, cos seus papeis por escrito, redactados por eles mesmos, pois ninguén lles vai torcer a súa libérrima vontade. E como os temas son cousa súa, creación súa, aquí non constan).
…
Locutor/a:
-Despois disto dos nenos damos paso á publicidade.
(Anuncios chocarreiros das tabernas, e tamén de particulares, entre estes, con preferencia, os de viúvos e viúvas, ou mal casados/as, solicitando parella para mudar de vida)
…
Locutor/a:
-Agora tócalles aos accionistas da Tele Que Cheira. A ver, que suban para conta-los seus chistes, sexan verdes ou morados.
(Soben aqueles que se atrevan a facelo, e ninguén llelos censura con tal de que non sexan obscenos; téñase en conta que hai roupa tendida)
…
Locutor/a:
-Agora vén o concurso dos feos, sexan homes ou mulleres.
(Soben aqueles que se consideren guapos, guapos ou moi guapos/as, pois os feos nin se atreven)
…
Locutor/a:
-Seguidamente daremos paso ao programa cultural. E como todo por aquí temos sona de incultos, quere dicirse, coas terras a monte, por fondais que sexan, falouse de traer uns cerebros madrileños, deses que saen nos televexos de Madrid, ¡que cobran a mil euros por vir face-las provincias! En vista diso, cando se poñan a traballar recomendamos atención, pois estas leccións saen caras. (Ponse a mirar e a remirar por todas partes menos para o sitio onde xa están os artistas invitados) -… Non sei onde se meteron, que non os vexo…
(Mal os pode ver porque estará de cu para os madrileños, así que estes, coidando que aínda non pasaran ao aire, seguen coa súa parola privada, pero dáse o casual de que os oen tódolos espectadores)
…
Home (que fala un pouco amariconado). -¡Uih, niña, qué asquito de pueblo, y eso que se tienen por civilizados! Todo por aquí son zarzas, y fango, y casas desperdigadas…; además, siempre está lloviendo…, ¡y los muy zotes dicen que su lluvia es poesía!
Rapaza (canto máis repipi, mellor). -¡Tendremos que desinfectar los billetes que nos dieron de su mano, tan verdes como sus prados! No es mucho…; ¡total, mil euros, por persona y día, que para nosotros, una noche de suite!
Home. -Si lo sé, no vengo; ¡pero tú, siempre pirrada por el percebe de los gallegos…, insististe!
Rapaza. -Claro, mi amor, ¡como el tuyo es tan poquita cosa…! Aquí encontré un paisano, uf, qué maravilla, que lo tiene, que lo lleva…, ¡en una talega! ¡Mira si será potente el tío!
Home. -¿El qué, mujer; el percebe?
Rapaza. -¡Que cosas dices, mal pensado! Lo que tiene ese de las vacas es una talega…, ¡de billetes! Me prometió darme lo que quiera, donde quiera y como quiera…, si le ayudo a hacer la cama!
Home. -¿Querrás decir, a deshacérsela?
Rapaza. -¡Otra vez…; pero qué mal pensado! Se trata de hacerle la cama a un político de la administración autonómica, que le prometió una subvención, y no acaba de dársela. Le convidará a una cena, de la que yo seré su sobremesa… ¿Lo entiendes ahora? De esa forma, el ganadero satisfará sus necesidades…, a cambio de las de ese señor! Le dijo al político que yo soy su prima, una tal Dolores, de Calatayud, y por tanto, amiga de hacer favores… Que cuente conmigo para todo el fin de semana, en su finca, que allí no habrá cámaras ocultas, ni propias ni de la oposición! ¿Con lo que te digo, quien es el primo?
Home. -El primo…, ¡no lo sé! Pero la prima desde luego no la eres tú…, aprovechada!
Rapaza. -¡Está el político…, está que se va por las pajas, como esos quesos del Verducedo! ¡Unas pajas que valen una firma!
Home. -¿En la cama…?
Rapaza. -¡Coñe, qué tonto eres! ¿Como va a ser en la cama? La cama es para otras cosas, para las mías, pues lo otro lo tiene que echar en un papel…
Home. -¿Te echará, te tirará en un papel…, acaso en un periódico, como un mal bocadillo?
Rapaza. -¡Otra vez el tonto! La firma, ¿entiendes? La firma del documento de la subvención, no sé cuantos millones…
Home. -¿Y a ti, después de tanto trabajarle, no te dará…, eso, subvención?
Rapaza. -¡Naturalmente! Si agatilla, medio; medio de las antiguas pesetas; y si no agatilla, uno, que el trabajo bien remunerado se paga por horas!
Home. -¡Pero qué lista eres, mi sol; cuánto sabes, y qué bien ganas nuestro pan…; que digo nuestro pan, los pasteles de cada día!
Rapaza. -¡Calla, tonto, no lo digas en alto, que si se enteran estos paletos…; si se enteran, igual nos denuncian por alterar el precio de las cosas!
…
Locutor/a, que estivera moi atento/a, e máis ben divertido/a, agora alzando a voz e dirixíndose aos artistas contratados: -¿Saben una cousa, mis queridos invitados? Pues que en esta televisión todo se hace en directo, así que les pasó como a Tejero, que ustedes, creyéndose en su camerino, estaban saliendo…, con el culo al aire!
Home / rapaza, ao unísono, abraiados, asustados.- ¿Saliendo al aire, con las cámaras abiertas, filmando, transmitiendo…, todo lo que dijimos? ¡Que vergüenza!
Locutor/a.- En efecto; así que van cobrar del aire, por…, airados! En lo sucesivo… (Párase, e cambia de idioma) -… No sucesivo aquí falarase en galego, sexa ou non Carnaval, que é o noso! Falaremos entre nós, nós mesmos, coa nosa xente, dos nosos problemas, que se hai que zurrarlle a alguén, con ou sen dialéctica…, para iso tamén valemos, e non só para pagar eses impostos que nos son impostos sen contar con nós!
…
Avergoñados, tapándose a cara coma se estivesen detidos, os artistas invitados lárganse. E seguidamente cae o pano aos compases da Negra Sombra, que sae dalgún aparello invisible para o espectador:
Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.
Cando maxino que es ida,
no mesmo sol te amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.
Si cantan, es ti que cantas;
si choran, es ti que choras;
i es o marmurio do río,
i es a noite, i es a aurora.
En todo estás e ti es todo,
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.
Xosé María Gómez Vilabella
Deixa unha resposta