TODO A LEÑA

¿De onde vimos e a onde vamos? ¡Todo, a leña, que incluso se utilizaban os tizóns da lareira como lanternas, a falta de petróleo! Ítem máis, a sección máis lida dos periódicos era aquela, tan eufemística, que nos informaba de que: “… habilmente interrogado, confesó…” Hoxe igual era boa, efectiva, aquela técnica…, para que vomitasen os imputados herméticos!

As cociñas, o forno de pan cocer, a máquina de mallar…; ¡todo a leña! ¡Malleiras e mallas, todo polo mesmo sistema! ¡Paz de Franco, un culto, sacrosanto, á madeira!

Isto que vou referir téñoo tan gravado, aquí, na masa encefálica, que só a morte mo poderá borrar: Na festa de Luaces, que daquela celebrábase o domingo seguinte a cada Quince de Agosto, falouse de que mallarían, ¡coa de leña!, á semana seguinte, e para iso grazas á gran amizade que tiña meu tío Pepe cos seus tocaios Pepe de Silva e Pepe de Teixeiro, ambos de Gondel, donos daquela máquina milagrosamente resucitada, ¡resucitada por obra e graza daquelas miserias de posguerra!

De festa, fóra da Misa solemne, e daqueles pistos que elaboraba miña avoa, ex – cociñeira do Conde de Romanones, capaz de transformar un carneiro en maná celestial, nada de nada; ¡ou si, pois a mellor festa sempre é unha reunión familiar, cordial! De volta á casa paterna, e tamén xunto da lareira pois, aínda que non facía frío, a súa luz era imprescindible para andar pola cociña, o avó, tan previsor el, censuroulles a meus pais que non contactasen persoalmente con aqueles “Pepes” para…, ¡para conseguir!, que tamén nos mallasen a nós; quero dicir, a nosa colleita, pois eles, ¡meus pobres!, esquerdosos como eran, non estaban libres de ser mallados “por las fuerzas del Orden!”! ¡Iso si, habilmente!

Ao día seguinte, coas pernas ben abertas para sosterme na albarda, un neno de nove anos, ¡arriba, dacabalo, camiño de Pousadela!, para levarlles o recado, a petición, de que influísen cos “Pepes” para que nos concedesen o grandísimo favor de mallar en Bergland, antes de que se fosen para Trasín, onde tamén agardaban por elles, case que coa meda aberta.

Meu tío faloulles aos seus amigos, e…, logrouno! Pero tiña que advertirlles en Bergland que baixasen coas vacas xunguidas o sábado, xa que estaría a máquina en Pousadela cinco días, que era o tempo que calculaban para mallar alí, pois a da Casa Grande leváballes dous días, e para iso, madrugando, naqueles días grandísimos de Agosto. Máis era, que como se prexudicaban os de Trasín coa interferencia nosa, esixíusenos que, ao terminar coas máquinas en Bergland, baixásemos con elas, de retorno, a Trasín, coas vacas, coas nosas.

¿Parellas de vacas? ¡Catro: unha para a degrañadora, outra para a limpadora, e dúas, cabezalla e solar, para a máquina, para o motor de leña, pouco máis cativa que aquelas locomotoras do tren! Aquel convoi, pola corredoira da Veiga da Silva era impresionante, ¡a paus nas vacas, miñas pobres, que cansaban, tanto, que nos levou seis horas un recorrido, un transporte, que non chegaba aos tres quilómetros, séxase, dúas horas por quilómetro!

A primeira fornada xa a mallaran meus pais a paus, cos malles, ¡todo a paus!, pero o avó estivo acertado pois o que se di a paus era doado de mallar na xente, pero incómodo no cereal, que se resistía a soltar as espigas, fosen de centeo ou de trigo.

Coa de parados que temos hoxe en día sobraría xente para volver aos malles, pero o caso é que, de malcomidos, a forza rebe, e logo que, para volver ao cereal…, teríamos que talar os eucaliptos, outro traballo, e non dos cativos!

Xosé María Gómez Vilabella