Inaugurouse na sala de exposicións da Deputación a mostra de cerámica de Lolo Fernández
Antón Bao inaugurou esta mostra de cerámica creativa, que utiliza materiais propios da artesanía tradicional galega combinados con unha visión innovadora do mundo
Na súa intervención, Antón Bao manifestou que esta mostra é diferente e innovadora por varios motivos. Explicou que Lolo é un creador que se move na delgada liña que separa a arte e a artesanía, “mestura os conceptos de terra e tempo: utiliza materiais propios da artesanía tradicional galega combinados con unha visión innovadora do mundo”. A terra convértese no eixo fundamental da súa obra, “pero non só a terra no sentido das arxilas e cinzas que utiliza para crear as súas pezas, con técnicas que van dende as olarías de raigame popular ata as máis depuradas técnicas orientais, senón tamén no significado da paisaxe e a atmosfera galegas”. Constrúe deste xeito Lolo no seu obradoiro do Corgo novas pezas que conectan o mundo tradicional co contemporáneo, “que nos fan descubrir novas formas de imaxinar o mundo, novas cores para o ceo e para a terra, a través dunha das artes máis tradicionais de Galiza”.
A exposición que se inaugurou hoxe permanecerá na sala de exposicións da Deputación de Lugo ata o sábado 31 de xullo. O oleiro “Lolo” Fernández está asentado en Anseán do Corgo e inspírase no rural para realizar as súas obras, baseándose na contemplación do mudo que o rodea. O ceo é un elemento importante na vida rural e está moi presente na obra, que tamén mostra vermellos, verdes e demais cores propios e representativos da paisaxe. Tamén está presente na súa obra a retranca e o carácter galego, segundo el mesmo afirma. A súa obra é innovadora, mesturando unha tradición moi valorada por el como é a alfarería, con un deseño e montaxe expositiva vangardista.
(Fonte: Páxina da Deputación)
Deixa unha resposta