Que si, que é certo.
Nas hemerotecas tedes El Progreso do día 30-12-1946 (¡seis anos despois da guerra!), por se vos parece unha visión esaxerada do noso pretérito. Por aquelas datas xa nos afeitabamos uns cantos dos xubilados actuais. ¡Onte!
Como a memoria é fráxil, coido que non está de máis aportar probas das probas ás que fomos sometidos os da miña xeración, e non obstante abrimos portas e ventás a un futuro mellor, mellor pero aínda non satisfactorio. Así que, ánimo rapaces, pois á forza de brazos e de cóbados volveredes a comer quente, pese ao mal que vos / que nós gobernen. Unha guerra estúpida e innecesaria meteunos na boca o pan con salvado, e mira ti por onde hoxe en día os Médicos deron en receitalo!
A partir do 31 de Decembro…; ¡para que non nos indixestásemos engadíndolle ao turrón do Nadal esta miserable ración de aceite, azucre…! Daquelas miserias saímos, con dificultades pero saímos; para enfrontarvos ás actuais tedes unha mellor preparación, unha base máis…, científica; e logo que, se vos pisan, podedes protestar, cousa que nos negaban aqueles emperadores cos seus camelos de que, co Imperio, ¡co seu!, íase cara a Deus.
¿Por qué traio a colación lembranzas tan miserentas? De boa fe: Para animar aos rapaces a instruírse e a producir, cadora máis e mellor, que será a forma de recuperar, nós as forzas, e o país de rebaixar esa débeda monstruosa, tan…, inxustificada! Se queremos, podemos; esixindo dereitos, claro; pero non pensedes mal pois estoume referindo a ese verbo que define a nosa fortaleza, tanto a física como a moral, séxase, políticas e políticos á parte, ¡que iso déixoo para os rapaces!
Xosé María Gómez Vilabella
Deixa unha resposta