Labor improbus omnia vincit
O traballo obstinado vence tódalas dificultades ( Virxilio, nas Geórgicas, I, 144). E digo eu que, no Paraíso, sen tendas de roupa, e con froitas a escoller, moi aburrido debía ser aquilo de vivir de man branca, sen darlle ao dáctil nin ao sacho; así caeron cando aquel político da oposición, o tal Lucifer, os invitou a subir ao poder con só subirse á maceira. ¡A cabra, co vicio, dá coas cornas no cu, que daquilo debe vir este refrán!
Pero, de presente? ¡Analicemos! A incivil, non só matou persoas senón ocupacións: As materias primas utilizáranse en fabricar material de guerra; as divisas, en ídem de ídem; as mulas de Castela, despois de arrastrar canóns, pasaron aos matadoiros de Intendencia; os técnicos de certa altura escalaron grados nas fábricas de armas; etcétera, etcétera. Cando en España “empieza a amanecer” a despensa estaba baleira, e os cerebros idos, uns ao Camposanto, e a México os restantes. Por engado, os veciños non nos fiaban… ¿Qué nos quedaba? ¡Fiar, darlle ao fuso!
Naquel abismo, con un case nada de cultura ascendíase coma en globo; un pisco de calor, e, ¡ala!, para arriba. Os primeiros deixaron ocos para os segundos; os segundos para os terceiros; e así sucesivamente, de xeito tal que o arado quedou…, para os nenos e para as mulleres! Daquela, en vista do fácil que era ascender de categoría social, para qué estudar alén das catro regras? Así foi subindo a ola das incompetencias, a tan punto que, de emigrantes pasamos a inmigrantes: Encheuse o país de analfabetos; en letras, non, en artes laborais!
Con estes antecedentes, de presente que? ¡Que non hai traballo do que queremos facer, do que pensamos que sabemos facer! ¿Solución? ¡Apearnos deste cabalo do orgullo e poñernos á faena, rozar, sachar, sector primario…, previa tala dos eucaliptos, por suposto! ¡Volveremos a cabalgar cando teñamos desandado o mal andado!
Xosé María Gómez Vilabella
Deixa unha resposta