A colmea do século XXI
 
Todos a unha

Nós, coma as abellas: obreiras, abellóns, e…, raíñas! As colmeas veñen a ter un censo duns oitenta mil habitantes por colmea. Pero somos máis gregarios cá elas pois desprezamos as urbes que baixan dos cen mil. Con todo, a principal diferenza está en que elas non saben vivir sen campo, e nós aborrecemos o campo. As abellas optan polas flores, e os humanos, polo asfalto. ¿Cal destes dous animais ten menos cerebro, ou dito doutra maneira, cal deles é máis feble?

En canto ás semellanzas: Estamos nunha civilización de obreiros na que sobran abázcaros para fecunda-las raíñas. ¿Onde están eses abázcaros, tamén chamados zánganos? Maiormente na administración pública, pero a súa especialización non é administrar, non é producir, senón  arroupar, cubrir, aplaudir…, personalidades! Na colmea mandan as femias, e na democracia, tamén, só que algunhas fano desde a cama, e outras desde a propia cadeira. Na colmea, cando sobran abázcaros, despídenos; na sociedade moderna, os sobrantes xubílanse, ou pasan á empresa privada, aportando experiencias e influenzas. Á imitación da xelea, os obreiros elaboran a materia prima dos Presupostos; uns aportan materia, e outros clausuran os favos, tamén coñecidos como caixas fortes, e nalgún lugar, paraísos fiscais.

Pero aquí non rematan os paralelos. Entre outros: Se o terreo circundante é óptimo, terras boas, frutíferas, florecentes, con zume e con sol, a colmea, sexa de trobo ou móbel, vai de seu, e os abázcaros tan felices; o problema preséntase, epidemias á parte, cando a densidade dos chupópteros supera a capacidade melífera das obreiras, que daquela aparecen os xaxúns, as folgas, a emigración…; crises, en definitiva!

Unha diverxencia grandísima está en que, nos tempos bos, a raíña vella déixalle o sitio a unha das novas, e, facendo enxame, emigra co exceso de poboación, pero encabezando a marcha, tal que fixo Moisés. Entre os humanos ese principio aínda está verde, sen democratizar, pois certos xerifaltes, cando teñen os favos saturados, collen un avión, a estilo Ben Alí, e vanse, ao sumo coa familia e cos seus corenta… ¿Como lles chamaban aos amiguetes do pazo de Alí Babá, que non me lembro? Daquela, sen este dato, non vos podo seguir ilustrando.
 

Xosé María Gómez Vilabella