José María Besteiro (*) é Licenciado en Ciencias da Información e Master of Science in Broadcasting pola Universidade de Boston e  un dos produtores de televisión máis importantes do noso país.
Besteiro sostén que a estrutura da TVG é o maior lastre do sector
08/03/2012 – Ramón González / El Progreso (Lugo)
O xornalista e produtor audiovisual de Riotorto José María Besteiro analizou onte na Deputación o futuro do sector da comunicación en Galicia nunha conferencia organizada pola Asociación de la Prensa de Lugo, e na que defendeu a tese de que a «estrutura sobredimensionada» da TVG é o principal lastre a superar.
Besteiro, produtor executivo de ficcións como ‘Mareas vivas’, ‘Libro de familia’ ou ‘Sin tetas no hay paraíso’, e a quen Antón Grande definiu como «un monstro da comunicación», comezou a charla analizando o impacto de internet.
«Hoxe en día un neno na Fonsagrada pode facer unha curtametraxe cunha cámara e un ordenador e Facebook convirte a todos en pseudoperiodistas ou pseudoinformadores. Todo isto é apaixoante, crea oportunidades pero tamén ameaza o mundo no que vivimos», espuxo, «que se acaba tal e como o coñecemos».
A partir dese novo escenario, o productor plantexou os problemas do sector en Galicia co ánimo «non de sentar cátedra», pero si de «constatar realidades e tratar de mollarme e aportar solucións», adiantou.
Besteiro remarcou «paradoxos» como que «un país no que o Goberno destinou 120 millóns de euros anuais ós medios de comunicación atravese a peor crise mediática da súa historia» ou que «nun país onde hai preto de 200.000 ou 300.000 votantes nacionalistas non quede ningún xornal en galego».
O productor salientou que o futuro da radio, «a irmá pobre», é sen embargo o máis alentador do sector, xa que «os seus costes son máis reducidos».
No tocante á prensa escrita, destacou que «é difícil que nun país de 45 millóns de habitantes, onde os medios líderes entran en crise, non o fagan os xornais rexionais, que venden a décima parte», e que «a prensa en galego foi sempre unha utopía».
Con respecto ó cine, espuxo que «en Galicia nunca o houbo, so fogos de artificio, porque está feito para que a xente o vexa e so o conseguiu ‘El bosque animado’», igual que «internet, en termos de país, tampouco existe».
Besteiro referiuse á televisión pública para demandar que «custa 36 euros a cada galego e ten que ser máis eficiente», e apuntou que «o principal problema é que a TVG foi deseñada polos que pariron RTVE, en tempos de bonanza, e dun sistema de relacións laborais en exceso garantista», e con algúns «vicios tanto do franquismo coma do nacionalismo galego».
Para o productor, «xa non hai maneira de enderezar a TVG, a non ser con reformas estruturais, que afecten sobre todo ó seu plantel. Televisión non rima con funcionario, e é un luxo que non nos podemos permitir», recalcou.
Afirmou que pese que a chegada da TDT «foi un golpe mortal xunto á crise, pois fragmentou as audiencias, os políticos foron cortoplacistas e non modificaron estes problemas de base», esixindo un maior apoio para o sector privado, que «so recibe un 33 por cento do orzamento da TVG».
Concluíu que en Galicia «fáltanos masa crítica para facer algo grande e serio, temos un idioma non exportable e o que nos identifica é o que nos limita», polo que so queda «traballar con mentalidade de guerrillas, de formigas para facer cóxegas ó elefante».
Besteiro propuxo un «mellor reparto» dos 120 millóns destinados pola administración aos medios, e recalcou que «sobra a metade do plantel da TVG».
«Unha canle local ben xestionada pode facerse con un millón de euros e con menos medios», resaltou Besteiro, afirmando que «o dez por cento do presuposto da TVG podería destinarse ós xornais».
«Non pode ser que por ter 600 empregados de máis na televisión pública se destrúan postos de traballo en empresas privadas que están ben xestionadas e cuxos traballadores nos custan a metade», rematou, de modo que «ou se fai ciruxía ou se irá ao enterro».
__________________________________________

(*) Nado e criado en Riotorto (Lugo) o seu pai naceu en Vilar de Cas, concello de Castroverde