¿Viaxe ó pretérito, viaxe ó futuro?
Xosé María Gómez Vilabella
_________________________________
Desde o Lucus Augusti (Lugo) á Braccara Augusta (Braga), tres horas; ¡soamente tres! (Hoxe faise en menos) ¿É, ou non é, en si, unha aventura turística? Estas autopistas son cousa do diaño: Todo isto che darei se pasas pola vida ignorando a paisaxe…, e pagando unha pasaxe!
Fun todo o traxecto matinando naqueles devanceiros, aquel Mailoc, ó que algúns chaman, ou chamaron, Maeloc, da Bretaña; hoxe, Bretoña. E tamén naquel Nitigio de Lugo… ¿Cantos días e cantos cabalos precisarían para acudir ó Concilio de Braga? ¿Cantas veces lavarían as súas bragas naquel traxecto descomunal? ¿Cantos coellos, lebres, veados e xabarís non cazarían para ir manténdose, eles e mailo seu séquito, a súa escolta, ó longo dun camiño tan longo e tan variado? Aqueles si que eran tempos de Deus, da inmensidade de Deus e da curtidade do home, que estes de agora son pasatempos, argalladas; ¡vertixes do diaño!
O tópico é: ¡Viaxar para ver mundo! Pois non, non señor: Hai que ver, si, en efecto, pero, tamén oír! ¡Escoita-lo mundo! A meirande pobreza do ser humano, a estas alturas da nosa civilización, é coñecer unha soa lingua. ¡Unha soa! Se non coñecemos ós veciños, se non os entendemos, se non os escoitamos, dá igual vivir nunha gran urbe que facelo na cápsula dun satélite artificial. ¡Puro microbio; ou por mellor dicir, microbio impuro!
Vén isto a conto de que eu son bastante falador, ¡que o de falangueiro é outro cantar, outro concepto, outra categoría!, cousa que me proporciona certos noivados, digamos que, fugaces, platónicos en definitiva, pois a beleza, sempre e de sempre, libérame a lingua; ¡máis có cava, có champaña!
De chegados a Braga, nun restaurante, módico, e por ende, noso, anosado, habitual, saudei/saudamos á filla do dono, que xa a coñecía doutras viaxes, pero aínda non tivera ocasión de parrafear con ela. Pouco pasa dos vinte pero está máis espigada que unha walquiria!
-Oes, meniña, que desta vez, nesta viaxe, quero achegarme ó Dumio, Dume para vosoutros, que estou en débeda co noso Mestre común, aquel Martinho… ¡Sequera sexa por aquilo da súa, De correctione rusticorum, do que en algo me terei beneficiado, que algo diso terei herdado! Agora, con tanto alcatrán, estradas en tódalas direccións, con tódolos “rústicos” a cen, ¡que digo a cen, a douscentos!, todos e todo motorizado, por onde iremos mellor; quero dicir, con menos tráfico, con menos civilización, que a gasolina portuguesa, con ser cara, non cheira mellor cá galega, en absoluto?
(Confidencialmente: A miña dona non se cela, nin sequera coas louras, que ben sabe que as contemplo así, fixamente, só para cotexalas, para comparalas co seu propio encanto, e a condenada sempre sae gananciosa!)
Aquela roiba, ¡sueva-sueva, polos catro cuarteiróns!, brindouse para acompañarnos, que iso si que é captar turismo! Impresionounos cos seus saberes, que por algo a paso á historia, á miña, á presente!
-O primeiro destes Camiños, de Portugal a Santiago se entende, andouno o Dumiense, daquela, precisamente daquela cando lle devolveu a visita ó seu colega de Iria Flavia… Por certo, ben que nos mancillou o noso común don Diego Xelmírez, tempo adiante, aproveitándose de que era Legado Pontificio para o Arcebispado de Braga; conxuntamente coas sedes de Mérida, por suposto…; que nos levou, que nos arramplou, que nos arroubou, para Compostela, en favor de Compostela, quero dicir, en “pío latrocinio”, que se dixo daquela…, ó lombo dunhas acémilas. ¡Se cadra por iso de que as mulas son virxes! Cantidade de reliquias dos santos bracarenses; entre outros, aqueles ósos, tan tenros, de Santa Susana. ¡Roubo tal…; nin quero lembrarme! Galego do Norte tiña que ser, que nas brétemas do seu egoísmo quíxoo todo, ás apalpadelas, santos incluídos, pero deixouse pispar a primacía de Toledo, que era o mellor punto de apoio para move-lo mundo, o seu, aquel do século XII… ¿Sabíano? ¿Vostedes, os norteños, sabíano?
A rapariga, de Braga era, pero en braga non estaba, que ía ben vestida, culturalmente abrigada, con gornicións, con bordados eruditos. ¡Nin que fose galega! (¡Érao; realmente, historicamente, érao!)
-Meniña, diso que dis do Camiño, o “Primitivo” é o noso, o que pasa polo Castroverde de Lugo, pero o máis antigo de todos éche o náutico, o naval, ¡con escala en Baleares!, que as costeou o noso Iago, o noso Xacobe, en tódalas súas viaxes, inescusablemente; fose de corpo enteiro, ou decapitado. ¡Por simpatía ou por imperativo náutico, insisto!
Falamos, e falamos…; ¡pero case todo de relixión, que outro tanto non me pasou nunca, nin daquela dos meus Cursiños de Cristiandade! Canso, ¡eu, que non ela!, de tantas lembranzas e de tantas leccións, de tantos repasos, que ben que me abraiou cos seus saberes, por certo ben razoados e ben documentados, tiven que dispararlle o meu piropo, outro, rotundamente merecido:
-Meniña, ¿sabes que che digo? ¡Que se non fose por esa beleza túa, de auténtica primavera, así como por ese bambeo do teu corpo, tan escultural e tan elástico, e por esas medidas que Deus che deu, de concurso que son, eu xuraría que estou a falar co propio Bispo de Braga…, in person!
A miña muller perforoume cunha ollada recriminatoria, mais non era para tanto que aquela garota nin se riu nin se enfadou, deixándome mudo co que nos dixo ó respecto; en puro galego, que de alí en diante xa non tiven que seguir trapallando no meu portugués chapurreiro, un tanto serodio.
-Vou ser sincera, que o tema meréceo; e vostedes parecen de fiar…! (¿De fiar? Mira ti por onde, oh casualidade, a miña dona, desde aquel día no que rompeu a súa roca nas miñas costelas, tan só por collerlle, discretamente, a súa man, despediuse de dúas cousas: da roca, si, pero tamén do fuso, do fuso e do uso que lle viña dando!)
-A verdade, -proseguiu aquela portuguesiña tan axeitada, -é que non me gusta airealo, que por aquí somos bastante íntegros, quero dicir, integristas…; ¡demasié, a pesares do Concilio! Claro que na súa Galicia, séxase, no Norte da nosa Gallaecia…, ¡deste lenzo, vara e media! Rematada a miña Licenciatura en Letras, e como o Restaurante vainos dando para vivir, resulta que, de presente, estudio latín, e teoloxía, e cánones…; ¡cousas desas!
Debín poñer cara de circunstancias pois ela referendouse no mesmo que viña de afirmar:
-Si que o fago, e fágoo coa esperanza de que o Papa, este non, o seguinte, ou quen veña despois, descubra que Deus é, ante todo, Nai; ou máis exactamente, Avoa. ¡A Nai da nai Natureza! Mire, e non se escandalicen: Eses velliños de Roma teñen que decatarse de que os Curas no precisan da Viagra para ser homes; e tamén ocorre, ocorre e concorre, que as teólogas podemos servir á Igrexa de Cristo tan ben, tanto, como o fixeron aquelas mulleres do Evanxeo, que ningunha delas o negou, mentres que o propio Pedro, con todo ser pedra, con todo se-lo alicerce da Institución, el si que o negou. ¡Covardemente, xa antes da Sentencia, antes do inri! Alí estaban elas, todas, na Vía Dolorosa, que alí mesmo se atravesou a Verónica, na propia Rúa da Amargura, e non dubidou en enfrontarse á comitiva xudeu – romana, tan vociferante como criminal…! ¡Fíxoo cun simple paniño, cun anaco de lenzo, na súa débil manciña!
Por parte, certas escuridades do Novo Testamento con respecto ás mulleres de entón considero que hai que relelas disociando a súa carga socio – histórica. Quere dicirse, traspasando o ambiente, circunstancial e machista que non misóxino, daquelas razas, daquelas culturas orientais…
Quedei pasmado con aquel descubrimento, pero aínda así ousei porfiarlle:
-Muller, e ti…; ¿atreveraste a misar, polo rito católico, quero dicir, con esas saias rabelas, no altar?
-¡E non hei! Estou disposta a misar, que para iso me preparo; e tamén para casarme, preferiblemente cun crego que me faga doce fillos, unha ducia, que é a mellor forma de exemplarizar, de misiona-los pagáns, en particular ós musulmáns; ¡se antes non se me van as regras!
Olleina co ollo do Canon, que de fronte nin me atrevín, pero aínda non rematara coa súa predica, abondosa e feraz, amais de veraz!
-De sempre fomos as mulleres máis decididas cós homes, mais tivéronos atadas cos seus brazos, fortes, hercúleos; auténticas poutas de oso salvaxe! Outro si lles digo, que estes abusos, os actuais, os do macho, que os veño analizando detidamente, caso a caso, son puro nerviosismo, crueldade de débiles mentais, que son os peores! Estamos asistindo á agonía da fera, ós estertores da súa derrota, que ó de hoxe, e xa non digamos para o XXI, só pintan e rexen as máquinas intelixentes. ¡Coma quen di, a nosa especialidade! -Engadiu, xactándose do seu propio razoamento.
…
Daría algo por publicar, aquí ou onde fose, o nome desa garota tan salgada e tan audaz; tan…, ¡futura! Mais entendo que mellor será deixala a folio volto, no meu ordenador, como “nota final” omitida, porque esta muller pode chegar lonxe, máis có propio Magalhaes! Acaso chegue a Bispo, ou a Arcebispo, da propia Braga, ou a Cardeal de Compostela…, e daquela sería unha mágoa, unha traxedia, causarlle a máis mínima molestia por culpa dunha larapetada, dunha linguaretada, en tanto en canto os tempos non sexan chegados!
Sempre tiven por certo que o matriarcado dos nosos devanceiros, en particular o dos suevos, influíu, moitísimo, na súa pronta conversión ó catolicismo, -Requiario declarouse católico no 449-, pero, coñecendo estas mulleres, estas bragadas da actual Braga, a dúbida ofende!
¿Viaxei, neste desprazamento, asemade, ó pretérito e tamén ó futuro? ¡Coido que si, e ben que me prestou! Só teño unha reserva: Esta teóloga en cernes, hoxe clandestina pero xa fogosa, proselitista, é capaz de vingarse do propio Xelmírez, desde o Aquén ó Alén, e cando menos se pense, rachará, tronzará, o roubo aquel das reliquias, retornándoas o seu lugar de orixe, ó relicario onde acaso máis veneradas ían ser! ¡Quere dicirse, á propia Sé da propia Braccara Augusta!
Non quero nin pensar no conflito, no incidente diplomático que tal cousa pode carrearnos…, ¡e menos mal que volvemos a estar irmandados niso da Casa Común, séxase coa Unión Europea!
Para baixar no formato PDF:
http://www.box.net/public/e8pq00p694
Deixa unha resposta