Sentenzas, fías e ruadas na bisbarra de Castroverde
Corridas do galo e Tribunais da Pascua
-XI-
Sermón das Pontes de Veiga, Pascua do ano 1.936
(Como de costume, transcribindo literalmente o libreto)
El
Muita salú lles desexo- a toda esta reunión;
i atendan ca boca aberta – para oír ben o sermón.
Ela
Non digas así Tomás, – San Quijote che dé acerto;
has de ser ben faladiño, – que non vimos perder o tempo.
El
Se preguntais de donde somos, – dígovolo sin recelo:
Somos de abaixo de Lugo – do pueblo de Cacabelos.
Ela
Podéisllo crer e mais ben, – meu Tomás non vos engaña;
o pobriño é moito bon; – ¡non merece máis que sarna!
Esta contraposición conceptual era propia do falar retranqueiro da xente da bisbarra.
El
Cando me foron chamar, – xa pensei que non lles viña,
Pois queixábaseme a muller – dun dolor de barriga.
Ela
¿Non sabes por qué cho dixen? – Mais eso non era certo;
foi por vir sempre da cabalo – e tu da pé, moi contento.
El
O salir por alí adiante, – ésto non vos foi mentira,
o faquete deu en brincar – e tiróuna pernas arriba.
Ela
A poñerme eu da cabalo – o faquete xa peidaba,
e Tomás que viña chamando – pensou que me tiraba.
El
Cando pasamos por Lugo – estaba alí un gran señorete;
oimos que era un cacique – dises que hai en Castroverde.
Ainda se atreveu a decirnos, – co seu bigote de mico:
Se van pra Montecubeiro – alí téñovos un amigo!
Ela
I eu que quixen ser curiosa- pregunteille sutilmente:
¿Logo vostede moito daño – lles ten feito a esa xente?
Trampas todas cantas puiden, – pensando no no entendían,
i o víspera das eleucións – alí foivos unha montería!
Os “Puchos”, os de Montecubeiro, aínda sangraban polas vellas feridas con respecto a Castroverde.
El
Hasta alí a Granda da Murin – viñemos andando ben,
pero enfermóunos o faco – sin poder saber o que ten.
Ela
Tomás púxose a rexistralo, – que a min facíame rir;
e despois levantándolle o rabo – poñíase a ulir.
El
Acordóuse despoisMingas: – Resulte por donde queira,
Tomás, méxalle os fuciños, que ésto parece unha meiga.
Ela
Despois xa te convenciche – que era certo o que eu dicia;
pra poñerse o faco dereito – non houbo mellor medicina.
El
Daseguida puñémonos da cabalo, – eu e mais a tía Mingas;
i o pasar aló pola Meda – roncábanlle o faco as tripas.
Ela
Vaite garolán de Xudas, – e non lle cargues as culpas;
era il mesmo que a cada pouco – viña soltando as plumas.
El
Dician alí duas mozas: – “¡Mirai que rapaz tan guapo.
Quizais olvide aqueloutra; – vamos aló dicirlle algo!”
Ela
Tomás, ti xa non as ves. – ¡San Baco sexa contigo!
¡Dicían de correrte a pedras – se non viñeras conmigo!
El
A chegar alí a Carazo, – para invitarnos a xantar,
leáronse duas vellas, – que ambas nos querían levar.
Ela
¿E ti non sabes por que reñía – aquela das pernas mouras?
¡Era porque as pitas da veciña – coméranlle as coles todas!
El
Así que non fixemos caso. – Viñemos logo hasta Suegos
i en casa de Lavandeira – comemos muito ben e bebemos.
Ela
Despois cando lle pagache – díxonos con moita gracia:
“A carne era da morralla, – éillela dar mais barata!”
El
Viñamos da cabalo – os dous, con muita alegría,
e ahí enfrente da Valiña, – a egua tirou ca cría.
…
El
O subir por alí arriba – o faquete xa se cansaba;
hasta volveu a soltar aire – e a Mingas se asustaba.
Ela
O Tomás díxome a min: – Aquí hai que ter pacencia.
Tú tíralle do ramal – i eu por tras eille dar cuerda.
El
Agora fomos chegando. – Por certo que vimos contentos:
Vamos falar de moitas cousas, – e tamén dos casamentos.
Ela
Iste ano evos moi pequeno, – dicen agora os rapaces;
¡calquera che trai muller, – que para comer somos bastantes!
Dicían ahí abaixo unhas viudas, – falando do marido:
“Anque él era algo roñón – de noite quitaba o frío”.
Eu por min o reconozo, – que dixen a verdá pura;
e despois, que tamén fan – as veces a lebre escura.
El
Casádevos rapaciños; – teide das mozas compasión;
escollei desas trintenas, – que xa lles pasa a sazón.
Ela
A vista de tanta xente – non has de ser desenfrenado,
cas pobres dalles vergonza: – ¡xa se casarán pro ano!
El
Xa se me acaba a pacencia. – Deixemos estas cousiñas,
que ai que votarlle un cigarro; – e ti descansa, Mingas.
Ela
Se non perdes ese vicio – has de empeñar hastra as medias.
Todo o día fumando, – ¡que te fumen sete centellas!
El
Mingas…!, déixame fumar; – non empeces cas de sempre.
Ben sabes que é unha vergonza – reñer á vista da xente.
Ela
Mentras que tu fumas, logo, – nai que perder ocasións:
teño prisa dista estopa – pra mendar os meus calzós.
El
Agora que vou contento – tamen lles hei de contar
cousas das rapazas daquí – que non se poden calar.
Ela
Se segues falando mal das rapazas – éiche de probalo lombo;
i esta noite has dormir solo; – ¡hache de salir caro o conto!
El
Todas elas dicen de marcharse – i arrenegan desta terra:
Non se marchaba a primeira – se houbese quen as quixera.
Ela
Vaite trangallán de Xudas – pois para ti sempre houbo poucas;
se non te quere Minguiñas – ti quedabas regañando as moas.
El
Pro goberno dunha casa – poucas hai que valian nada:
¡un fato de folgazanas, – non valen mais que pra cama!
Ela
Aunque o fagan elas todo – nin Xudas os ten contentos.
Iles marchan pra taberna – a botar copas e netos.
El
A culpa téñena as vellas – das fillas ser folgazanas:
Salen elas o traballo – e deixan na casa as rapazas.
Ela
Si as veces quedan na casa, – non che quedan por folgar;
quedan dando unha puntada – e asi de paso fan o xantar.
El
Desde cos amos se marchan – póñense a facer monadas,
Para ver se engañan os mozos – estando limpas e guapas.
¿Será posible que o Autor lese, tal que na biblioteca, circulante, da Unión de Montecubeiro, aquel romance de Riello (León): “Pa Misa diva un galán, …, non diva por oir Misa, nin por estar atento a ella, que diva para ver las mozas, las que van guapas y frescas…”? Doutro xeito non me cadra a expresión destes pés cos falares de entón.
Ela
O que tes ti e envidia; – sei eu moi ben porque falas:
Se a tí te chamaran elas – leve o demo si palabra dabas.
El
As da fangueliña corta, – e mais da media calada,
refrescóuselles o corpiño – iste inverno ca xeada.
Ela
Se sigues falando mal – eu vóuche tomar outra guía;
non son tempos pasados; divórciocheme enseguida!
El
Divórciate cando queiras, – por eso estou contento,
que xa lle botei o ollo – a unha monxa do convento.
Aquí volve o Autor a espigar ideas das súas probables lecturas; neste caso sería unha referencia, unha evocación, á dona Inés, do Tenorio. ¡Nin ao máis imaxinativo da bisbarra se lle ocorrería de propio pensamento semellante picardía!
Ela
Desque tal Lei se aprobou, – se quixera estar casada,
nono digo por chufar, – eu funche ben solicitada.
El
Deixemos logo estas cousiñas, – e falemos dos rapaces;
que eu a ti quéroche moito, Minguiñas non te enfades.
Ela
Dises rapazolos de agora, -¡ca risa fanme mexar!,
desque teñen quince anos – xa falan de se casar.
E se algún distes maiores – algunha vez os reprende,
empézanseche a algarufar, – e xa se teñen po xente.
Dises que son perros vellos – non vos deixedes engañar
porque éles sábenche moi ben – a agulla de marear.
É unha figura literaria de dobre senso, que tanto se pode referir ao compás náutico como a ter pico, agulla; ser un mareante.
El
Deixaremos os mozuelos, – que temos que irnos axiña;
falemos dos oficiales – pois non son de boa familia.
Ela
A calquera abren os ollos – hoxe en día os oficiales;
¡polo xornal que cepillan, – i o trato que hai que darlles!
El
O oficio das costureiras, – non pensedes que é unha broma,
o caldo failles queimuras – e hai que darlles cousa boa.
Ela
O non comeren o caldo, – non hai que estrañarse nada,
porque fai moita barriga, – ¡i a xente logo che fala!
El
Os xastriños doxe en día – van polo mismo camiño;
e se non lles dan cousa boa – tamén torcen o fuciño.
Facendo que cantaruxan – i arrimados as ventanas,
así van botando o día, – atusmándolles as rapazas.
Ela
Os zapateiros de agora – évos familia da calma:
¡Non fan unhos zapatos – que non collan a auga!
E se lles levais a arreglar – por ahí algún calzado,
para que fagais outros novos – dicen que non teñen amaño.
El
Se queredes moitas trampas – ide a xunto dos zoqueiros,
que mendan iles mais zocas – que potes os zarralleiros.
Ela
As das trampas i enteirizas – márchannas vender a feira,
e dícenlles logo os paisanos – que son do pé da bidueira.
El
Os carpinteiros dagora – tampouco é xente legal;
non merecen a comida – para canto máis o xornal.
Ela
Vai calquera a xunto diles – séntanse a facer cigarros;
¡o xornal córrenos o mismo – para que vamos apurarnos!
…/…
(O manuscrito do que tirei esta transcrición remata aquí, e non conseguín outro, así que nos quedaremos sen o remate, sen a despedida, que igual non a levaban escrita para que improvisasen a saída segundo visen oportuno. Non é probable que se cansase a xente de escoitalos se xesticulaban con humor e o tiñan ben memorizado.
Deixa unha resposta