Eólica Así Non denuncia o "golpismo" do PP por aproveitar a Lei de Acompañamento para "burlar as disposicións xudiciais"

Santiago de Compostela, martes 17 de decembro de 2024.- A Eólica Así Non! concentrouse esta tarde diante do Parlamento de Galiza para denunciar que o Partido Popular, co uso da súa maioría no Parlamento, vén de utilizar a Lei de Acompañamento dos Orzamentos da Xunta para o ano 2025 para "dar un golpe definitivo contra os dereitos dos galegos e galegas e do noso territorio fronte ao espolio eólico do país".
Así o explicou Belén Rodríguez, representante de ADEGA e portavoz da Coordinadora, quen denunciou que "o Partido Popular vén de autorizar ás promotoras eólicas, ás empresas eléctricas, a volver tramitar aqueles proxectos eólicos con alto impacto no territorio e na vida da xente" que están paralizados actualmente no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
Cualificou estes métodos de "antidemocráticos e golpistas" por intentar "burlar aquelas normas que teñen unha especial importancia para a preservación do noso territorio, para a nosa calidade de vida", saltándose a decisión dos tribunais de xustiza que "paralizan os proxectos eólicos porque atopan neles indicios de ilegalidades".
Acusou, por iso, ao goberno de Rueda de actuar "de mala fe" non só contra os tribunais de xustiza, senón tamén contra todas aquelas plataformas veciñais e entidades sociais que, "lexitimamente, intentamos defender o territorio do espolio eólico".
Neste sentido explicou que o goberno da Xunta vén de poñer a disposición da patronal eólica todos os instrumentos necesarios para pasar por riba dos dereitos dos cidadáns. "Estanse destinando recursos públicos para exercer unha auténtica violencia institucional contra as comunidades de veciños e veciñas afectadas polo modelo eólico irracional, antisocial e antiecolóxico do Partido Popular", afirmou.

Acoso administrativo

Denunciou ademais o continuo "acoso administrativo" que sofren por parte da Xunta de Galiza, "empachándonos dunha multitude de procedementos administrativos, desregulando as normas que ordenan e protexen o territorio, xerando inseguridade xurídica, limitando os noso dereitos de acceso á información e á xustiza, difamándonos e criminalizando os tribunais e a protesta social".
Por iso concluíu afirmando que "este goberno non traballa para o país, traballa para o capital, un capital que manipula, especula e destrúe o territorio e as persoas que viven nel para o seu propio beneficio". E fixo un chamamento a participar na próxima mobilización que terá lugar o vindeiro día 26 de xaneiro.