BREVE RESUMO VISITA CULTURAL A VARIOS LUGARES DE A CORUÑA

(08-06-2024)

Segundo estaba previsto chegamos ao Museo Didáctico de Telecomunicacións arredor das 10:30 h. onde nos agardaban Ernesto Naveiras e os seus compañeiros, aos que agradecemos de corazón, que un sábado pola mañá fixeran o esforzo de atendernos durante unhas tres horas, para facerrnos un percorrido pola historia da telefonía e as telecomunicacións dende Graham Bell ata a fibra óptica, explorando os equipos e dispositivos que foron dando servizo a través do tempo ata a actualidade e que aínda se atopan operativos. A visita consistiu nun percorrido dinámico na que, a través de demostracións, os asistentes puidemos coñecer en primeira persoa o funcionamento de diversos elementos históricos que abarcan todas as disciplinas das telecomunicacións vencelladas ao servizo telefónico, como telégrafos, terminais telefónicos, centrais, cables ou radios.

Despois de repoñer forzas, visita ao Porto Exterior de Punta Langosteira (Arteixo), onde nos agardaba o guía Manuel a quen agradecemos as súas explicacións. Punta Langosteira e un promontorio localizado no concello de Arteixo a uns 7 km ao suroeste da cidade de A Coruña. A morfoloxía do cabo, caracterizado pola súa costa esgrevia, viuse alterada recentemente pola construción do porto exterior da Coruña, iniciada en 2005.

Os diversos accidentes puxeron de relevo a necesidade dun novo porto para afastar o tráfico petroleiro da cidade da Coruña e da canle de entrada ao porto. O lugar elixido foi punta Langosteira. O custo de obra sería pagado ao 40% pola Unión Europea, o 30% polo Ministerio de Fomento e o restante 30% pola Autoridade Portuaria da Coruña. A liberación de superficie no porto permitiría a venda de terreos que serían recualificados para un uso urbanístico.

As obras en punta Lagosteira iniciáronse en 2005. As actividades de estiba portuaria comezaron en setembro de 2012 coa carga do buque Hammonia Korsika con 35.000 toneladas e outro cargueiro con pezas metálicas fabricadas por Horta Costada en Sabón.

Para rematar o día achegámonos ao Castelo de Santa Cruz en Oleiros. As obras de construción iniciáronse no ano 1594 ou 1595, sendo capitán xeneral de Galicia Diego das Mariñas, seguindo os planos do enxeñeiro militar Pedro Rodríguez Muñiz. No século XVIII completouse con novos baluartes, pavillóns e parapetos, sendo Martín Cermeño o capitán xeneral.

Despois de perder o seu valor estratéxico e ficar abandonado, o castelo foi mercado por José Quiroga Pérez de Deza, marido de Emilia Pardo Bazán, para construír unha residencia estival. A súa filla, Blanca Quiroga, decidiu doarllo ao exército en 1939 para ser usado como casa de colonias estivais dos orfos de guerra. Ese foi o seu uso até 1978, en que o castelo volveu quedar desocupado.

En 1989, o concello de Oleiros adquiriuno para dedicalo a fins de educación ambiental. En 2001 fundouse alí o CEIDA, froito dun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a Universidade da Coruña e o concello de Oleiros

Saúde, Terrra, Lingua e Patrimonio. Manolo M.B.