BREVE RESUMO ROTEIRO LEMBRANDO A SABINO

Sábado, 5 de agosto de 2023

Nesta mañá luminosa de comenzos de agosto lembramos a Sabino Besteiro Trashorras, percorrendo o roteiro de Soutomerille. Saímos arredor das 11:00 h. da Pallota facendo varias paradas lembrando a Sabino. Na igrexa de Soutomerille, logo de comentar algo da súa historia, un servidor leu as lembranzas dos socios Areceli Arias e Felipe Arias Vilas e, a continuación expresei as miñas lembranzas de Sabino desde a infancia ata os nosos días, remantado a miña intervención coa lectura do poema “A amizade non ten prezo, mais ten valores” de Fernando Pessoa. A seguir interviu Delfina (Fina) Amoroso, relatando as súas lembranzas en referencia ao seu traballo como profesor, de cando sacara o permiso de conducir, ela e os seus fillos e outras conversas mantidas con el. E rematou a súa viúva agradecendo a asistencia e lembranzas manifestadas. Continuamos pola corredoira do centenario castiñeiro para achegarnos ata o cemiterio, onde a súa filla Rebeca interpretou, á capela, a cantiga popular; ”O Meu Amor”. Despois continuamos a camiñada arredor da croa de Soutomerille e castro Peón, para achegarnos aos “asentos dos mouros” ou “pozas das pedras”, onde podemos facer interpretacións, filosóficas, relixiosas ou xeolóxicas. E xa baixamos ata a Casa Torre de Arriba, falando un pouco desta Casa, para volver á Pallota polo trazado actual do Camiño Primitivo. Comentar que neses momentos cruzámonos con varios peregrinos que facían a alternativa do Camiño por Soutomerille.

Despois da camiñada repuxemos forzas na Veiga do Olmo en Castro Verde/Castroverde. FERMOSAS LEMBRANZAS NA MEMORIA DE SABINO.

Saúde, Terra, Lingua e Patrimonio

Manolo M.B.