SOUTOMERILLE SEMPRE.

Soutomerille e a covardía intelectual

—-

(memorial de agravios)

Ricardo Polín (Cronista Oficial de Castro Verde- Amigo e Socio)

Primeiro viñeron os nazis levar comunistas. Gardamos silencio porque non ía con nós. Logo chegaron polos xudeus. Calamos porque era cousa deles. E agora que non hai xente, marchan cos nosos mortos. Mais ninguén entoa o “mea culpa”. (Só o poema do pastor Niemöller nos acusa).

A condena ao ostracismo do vello “Santo Maireli” é o retrato evidente do fracaso colectivo anunciado e que nós representamos, desta nosa xeración que despreza o que nos foi entregado. Lembro a Jaime Delgado: “Es tal el abandono en que se halla este tan interesante monumento que se impone dar un fuerte aldabonazo… Un aldabonazo que haga extremecer a los responsables más inmediatos de este patrimonio y a los de más altas estancias. Debemos evitar, sea como sea, el que pueda más la dejadez y el bosque circundante… que la presumible sensibilidad de un pueblo culto”.

Mais o dedo acusador é simplesmente unha pedra inserida sobre aquela celosía que entón xa presentía os tempos que son chegados: QVAM ANTIQUA SIT ECCLE- SIA LAPIS INFERIOR TESTATUR „porque queremos dar fe do valor do que deixa mos‟. Era o ano 19 do século XVII. E agora profanamos o que entón xa arranxou a nobreza deste enclave: os Oxea e os Pallín, os Cabarcos , os Teixeiro e os Zapata.

Canto levan aguantado os mortos que xa non falan…! Un tractor que arrastraba o último dos sartegos en dirección cara as Cambas… para facerlle de pía ao gando de aquelas casas. E fendeu a sepultura. E ollamos a outro lado.

E fozou a escavadora sobre a mámoa do adro da igrexa prerrománica, co antigo camposanto. Saíu cabelo enterrado por onde entra ao altar a raioliña da tarde. O avó dos castiñeiros, tamén caeu derrotado. E ollamos a outro lado.

Logo a máquina subiu ao máis alto do Castro para explotar a súa croa, ferindo aquelas defensas e as casas dos galaicos.

Tamén a terra expulsou as rodas dos seus muíños, outros moitos utensilios e cerámicas de barro. Denunciouse aquel espolio… e ollouse a outro lado.

Mentres tanto a casa-torre, ese BIC tan singular do pobo de Castro Verde, emblema da fidalguía ao longo do Antigo Réxime, “casa de soga y cuchillo” que xa foi desmantelada e os seus muros devorados pola incuria dos que pasan, dan un xiro á cabeza… e ollan cara outro lado.

Cando veu o Xacobeo, abriuse unha esperanza de que o Camiño lle dese outro aire a este conxunto que abrazaba a antiga Póboa señorío dos de Adai. Mais cortaron a súa traza, a calzada rectilínea da Varanca deica a Casa do Hospital e esa Costa Francesa que transita por Gondar. Despois pararon as obras que a Xunta bipartita iniciara na súa casa reitoral, a mesma que agora pide que lle apliquen canto antes esa lei da morte digna, xa que votantes non hai.

E nunha noite escura desmontaron a campá. E foise por onde veu catro séculos atrás. E o templo parroquial ficou pechado con chave e furtado ao supremo interese dese ben comunitario que alí fora edificado, ora mudo e despoxado das imaxes, das lápidas visigóticas recolleitas hai ben anos naquela “misión-rescate” de intrépidos exploradores que polos anos setenta dirixía un esforzado marista de Lugo. Pois o templo ancestral, a matriz conventual perdida na mesta fraga, quedou alí ignorado. E ollamos a outro lado.

Tamén pintaran con saña algunhas marcas fascistas na porta do cemiterio, eses valentes que andan cando nada os delata. E agredían os camiños, os seus muros e calzadas, e as árbores sagradas, o Castiñeiro do Neto que languidece de pena e aquel da Corredoira que lle fanaron o toro… porque aquí non pasa nada.

Agora entraron saquear as fráxiles sepulturas que descansan naquel bosque que está nas nosas entrañas, dando fe dos que aquí xacen ou dos propios familiares que pregan a Deus polos seus no extremo occidental da

Terra de Castro Verde que chama á porta lucense. Alí fica a xente de antes. Non é un xogo de nenos. Son as mentes criminais que aproveitan cando andamos despistados… ollando cara outro lado.

Xa van aló moitos anos de batalla contra tantos atentado.

Soutomerille e a covardía intelectual.pdf