REDE DO RURAL
(Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural)
https://www.rededorural.org/#
Somos
Unha comunidade diversa de persoas, colectivos, organizacións e entidades vencelladas polo fío transversal da defensa dun medio rural desenvolvido desde a sostibilidade ecosistémica como garante da sostibilidade socioeconómica.
A Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural, abreviadamente chamada REDE DO RURAL, xorde como reacción ante a situación de xeral desfeita que sofre o mundo rural. Constitúese esta Rede, con vocación de funcionamento asembleario, dentro dunha conformación de pluralidade e coincidindo na inquedanza común de preservar e desenvolver o rural galego.
Recollemos e construímos
O traballo educativo e dinamizador desenvolvido dende hai máis de corenta anos por colectivos de mestres/as, así coma por multitude de proxectos sociocomunitarios senlleiros e referenciais espallados polo territorio rural galego.
Apostamos por
Configurar un amplo grupo de acción interdisciplinar comprometido coa análise e procura de alternativas para afrontar o deterioro do rural.
- Formular demandas, coas oportunas propostas de solucións, diante dos axentes responsables.
- Dignificar e dinamizar o ámbito rural en todos os aspectos, de xeito comunitario, interxeracional e coa debida revalorización da cultura popular.
- Preservar e desenvolver un rural con raíces antropolóxicas culturais propias.
EIXOS DE TRABALLO
Construír, consolidar e espallar a propia Rede para o Desenvolvemento Rural Galego . | Instar a definición e elaboración dunha nova Estratexia Integral de Desenvolvemento Rural por parte da Xunta de Galicia. | Promover un Anteproxecto de Plan de Educación Específico para o Rural Galego. | Ofrecer unha canle multidisciplinar, en liña, co fin de fomentar, dar visibilidade, e cohesionar as múltiples iniciativas produtivas, así coma das experiencias revitalizadoras, que frutifican no país rural galego dun xeito case inadvertido. |
Na seguinte ligazón ampliamos información sobre o Documento Base que contén:
– Estamos presentes: colectivos e membros compoñentes da Rede.
– Construímos
– Obxectivos da Rede do Rural
– Funcións da Rede do Rural
Deixa unha resposta