RESUMO VISITA CULTURAL por SUEGOS (Pol)

ata BOLAÑO (Castroverde)

Sábado, 12 de setembro de 2020

Este día caluroso e luminoso do mes de Setembro transcorreu facendo as visitas programadas. Saída de Castroverde para comenzar a camiñata na capela das Neves en Suegos, ao pé do monte Monciro, alí agardábanos, o Sr. Cura D. Xesús Trigo para ensinarnos a capela e explicarnos a orixe das capela e a súa dominación, a quen agradecemos desde aquí a súa explicación e amabilidade.

.Edificio que se considera do século XVII. No interior hai unha escultura da Nosa Señora das Neves do século XVII.

Segundo a lenda, en tempos moi antigos había unha ermida en Monciro, no lugar coñecido como Vedro da Ermedica. Seguramente porque a ermida estaba moi deteriorada e estaba lonxe, decidiuse baixar os Santos á igrexa parroquial. Pero a Virxe non se acostumou na parroquia e volveu aparecer na ermida do monte.

Todo o mundo viu nese xesto a vontade da Dama de permanecer en Monciro, polo que o Señor de Suegos decidiu construír unha nova capela no lugar onde caera unha gran nevada o 5 de agosto (xesto que tamén foi interpretado como un desexo da Virxe querendo ser venerada alí).

Esta é a orixe, segundo a lenda, da actual capela das Neves de Suegos.

Hoxe en día as festas parroquiais celébranse no campo onde se atopa esta ermida e tamén hai, nunha parcela xunto á ermida, unha área recreativa onde os veciños se reúnen para celebrar unha reunión anual.

Logo das explicacións e foto diante da capela fomos ascendendo pola nova pista dos eólicos ata altura de Folgueiras, deixando o concello de Pol, para adentrarnos no concello de Castroverde por encima da aldea de Castelo, castro de Sarceda e por encima de Sarceda e polas Veigas de Feás, onde Ricardo Polín nos explicou como desapareceu o camiño dos arrieiros por mor da concentración parcelaria de Monte Cubeiro. Neste percorrido puidemos visualizar os lugares das fontes do río Azúmara e o Foxo da Piñoa, onde se acurralaban os lobos para darlles caza. Segundo iamos facendo o pecorrido puidemos contemplar lugares de Monte Cubeiro; Vilarín, O Gruñedo, Berlán, A Ínsúa.., serra do Pradairo ata os montes do Puñago. Entre Monciro e Pioute, xa da parroquia de Pena, achegámonos aos lugares de Carballedo facendo unha pequena visita ao seu impresionante pazo, construído en 1660. Consta de dúas alturas, de planta cadrada con patio interior e antiga fonte de pedra na entrada.

Fachada principal composta de portada nobre de entrada e tres balcóns coroándoos dous escudos. Na estrutura vertical: muros de cachiotería de lousa e de cantería nas partes nobres. Na estrutura horizontal: trabes de madeira.

Cuberta: a varias augas, con trabes e cangos de madeira e cubrición de lousa.

Ao seu carón, forno de boas dimensións como nos deixa ver a súa cheminea e amplo lavadoiro. Polo camiño dos arrieiros, fermoso camiño que debemos conservar, dos que xa quedan poucos no concello, polo lugar de Pozos, entre Xibil, O Chao do Outeiro e a Croa de Bolaño, pasando por diante do forno do Cal e polo medio do lugar rematamos ao pé da igrexa de Bolaño. En Bolaño salientar tamén, o quiosco da música, ponte, hórreo(s) e as lagas de enlagar o liño.

Despois do xantar lembranza da Romaxe Irimega que este ano non se puido celebrar comunitariamente e, levaba por título RUMORES DE ROMAXE 2020

(Pegadas de Esperanza), onde lemos o poema “Chea de Vida” de Guadi Galego e convídovos a escoitar;

(https://www.youtube.com/watch?v=2UuEXPq4EMI)

Lembranza da celebración da Romaxe en 2012 no mesmo lugar, A Veiga do Olmo, e lembranza tamén para as/os socios/as que xa non están connosco, mais seguen na nosa memoria.

Percorrido pola Veiga do Olmo, onde volvemos a lembrar a necesidade de que o cruceiro e cruz que alí foron colocados hai anos, volvan aos seus lugares de orixe, Masoucos e ao cruce de A Queimadiña en Barreiros (San Cosme)

Saúde, Terra, Lingua e Patrimonio.

A mediados do mes de Sestembro de 2020