ESTE SÁBADO, ÁS 19 HRS, PROXECCIÓN DO FILME "CONTOU ROSALÍA"

A Casa-Museo Manuel María vai programar para as vindeiras datas unha serie de actividades coas que lembrar a figura de Rosalía e o valor e a vixencia da súa obra literaria. A primeira delas, de entrada libre, será este sábado, día 15 de febreiro, ás 19 horas, coa proxección do filme de Zaza Ceballos, protagonizada por Melania Cruz (Rosalía de Castro) e Fran Lareu (Manuel Murguía), Contou Rosalía, e co posterior coloquio co seu guionista, Raúl Veiga.

A fita, estreada o 18 de maio de 2018, baséase na vida de Rosalía en Madrid, a mediados do século XIX. Nesta cidade fai vida social, escribe e reencóntrase co historiador Manuel Murguía. Na preocupación por Galiza, as súas xentes e a súa cultura, nace entre eles unha paixón que a escritora non quere ver morrer nas cadeas con que a sociedade da época aferrolla as mulleres. O amor da escritora, desafiando limitacións de todo tipo, desenvólvese no ambiente conspiratorio do final da era absolutista.

Após a proxección, Raúl Veiga, guionista de Contou Rosalía, comentará co público asistente o filme. Director e guionista de cinema, deuse a coñecer escribindo o célebre vídeo Veneno puro (1984, gañador de varios premios internacionais) e pasou á pantalla grande co guión da longametraxe Continental (1989). Fixo de axudante de dirección en 1990 e 1991 e dedicouse xa en exclusiva a dirixir os seus propios guións a partir de A metade da vida (1994), única longametraxe rodada en galego nos anos 90. Arde amor (1999) foi a súa segunda longametraxe e mereceu múltiples premios. Tamén ten practicado a crítica cinematográfica, a análise de filmes –da que resultou o libro Esta noite no cinema (2005), finalista do premio de ensaio da AELG– e foi membro do xurado en varios festivais internacionais. O documentario El médico atento (2014) é a súa última longametraxe. Tamén escribiu e dirixiu a curtametraxe El médico seriamente enfermo (2014). Para alén disto, Raúl Veiga, Manuel Castelao Mexuto fóra do ámbito do cinema, desenvolveu unha longa actividade pedagóxica como catedrático de lingua e literatura galegas no ensino secundario e escribiu distintos libros e artigos sobre literatura galega do século XX, como o recentemente reeditado sobre o teatro de Carvalho Calero, Elucidacións na sombra.

A entrada é libre até completar o aforo. Pode reservarse en contacto

Saúdos. Casa-Museo Manuel María