ASOCIACIÓNS PASADA DAS CABRAS E AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE

ROTEIRO POLO CAMIÑO PRIMITIVO

A FONTANEIRA- O CÁDAVO

Sábado, 14 de nadal de 2019

Nunha mañá que pensabamos que non ía ser de auga e que podíamos facer o Camiño Primitivo desde A Lastra, finalmente, camiñamos desde A Fontaneira (Santiago), debido á auga e vento que se levantou.

A Fontaneira é unha parroquia do concello de Baleira. Distribúense en 8 entidades de poboación: O Estornín , A Fontaneira, Pandelo, A Pasada, O Sesto, O Trabeiro, O Vilar dos Adrios e Xestoso.

Salientar a igrexa parroquial da Fontaneira, un edificio de planta rectangular e presbiterio da mesma forma, ao que se adosa na parte posterior a sancristía, de planta rectangular e con dúas portas alinteladas de acceso. Os muros que a conforman son de cachotería e perpiaño de granito e lousa, e a cuberta é de lousa a dúas e catro augas. A cuberta descansa sobre dous arcos de medio punto que se apoian nas pilastras dos muros laterais. O arco triunfal é da mesma forma que os das naves. A portada principal é alintelada, e culmina no frontis unha espadana de dous vaos. Conserva no seu interior un único retablo moi sinxelo de estilo barroco.

Son de salientar taméno hórreo ou cabazo cuberto de palla na mesma Fontaneira e o Campo da Matanza. Necrópole formada por sete mámoas. As súas medidas oscilan entre os quince e trinta metros de diámetro. Case todas presentan cráter de violación e en ningunha se observan restos de cámara. Tres túmulos atópanse moi achandados polos labores agrícolas e forestais; sobre un construíuse un muro, e sobre os outros dous caváronse gabias para a plantación de piñeiros. Había outra mámoa detrás do campo de fútbol que foi destruída no ano 2000. Segundo a tradición, recollida de Amor Meilán, en tempos de Afonso II, librouse unha batalla entre moros e cristianos; dise que houbo tantos mortos que o sangue chegou ata a igrexa; de aí o nome de Campo da Matanza.

Saúde, Terra, Lingua e Patrimonio.

A mediados de decembro de 2019