Resumo da Marcha polo Camiño de Volta na vía primitiva a Compostela (treito da Viña en Terra de Fazais ao albergue A Pociña de Muñiz en Vilar de Cas-Castro Verde)

SÁBADO, 23 DE MARZO DE 2019

Nunha mañá luminosa deste mes de marzo e, a un cuarto de século da loita pola súa resurrección voltamos sobre as pisadas para constatar a situación crítica do Camiño patrimonio mundial ás portas de Lugo e a súa evolución. Tal é o valor simbólico da marcha en sentido contrario. Comenzamos na Viña onde o camiño foi desviado da súa traza, seguimos pola cancela dos arrieiros, ponte da Lousa ata o campo da festa de Carballido, onde a calzada permanece violentamente cortada desde o propio palco da música deica Bascuas, derivando os peregrinos á estrada de Fonsagrada, exemplo da presunta apropiación dos camiños públicos e da ineficiencia na súa reversión.

Para evitarmos o tránsito por estrada, baixamos á igrexa de Carballido seguindo os pasos do antigo Camiño do Calvario á capela medieval de Santa Locaia, para nos achegar a Báscuas desde o alto de Parada, comprobando como o itinerario se encontra completamente adulterado, ao extremo de marxinar todo o núcleo histórico da localidade asentado sobre unha croa castrexa, mesmo ao paso por Daquelcabo, a capela da Concepción e as casas nobres de Lence e Quiñoá, así como a igrexa parroquial e mesmo o lugar da Torre no que Benito Vicetto sitúa a novela histórica El Caballero Verde (1844), coprotagonista da mesma xunto coas fortalezas de Castro Verde e Guntín de Pallares, así como o antigo convento lucense das Agostiñas na Praza Maior.

Xa en Gondar, seguindo a Costa Francesa, observamos os efectos devastadores da canteira, así como a apropiación da traza do Camiño ao paso pola Casa do Hospital e o lugar do Barreiro, así como o seu desvío en falso á estrada, sobre o núcleo tradicional asentado á beira do seu emblemático castro, constatándose igualmente a alteración da tipoloxía das fontes tradicionais e mesmo da ubicación dos seus cruceiros.

Finalizarmos coa visita a Soutomerille onde as nosas socias Bea e Fina leron poemas adicados a Soutomerille, con alusións á igrexa, castiñeiro da Corredoira, Cemiterio, Croa e Casa Torre de Arriba. Parabéns ás dúas! Neste paradisíaco emprazamento, máis unha vez lembramos a fractura na delimitación do Camiño ao se desviar da súa traza orixinaria a través das Varancas e o valioso cemiterio situado á beira do conxunto castrexo.

Esta reflexiva marcha polo Camiño de Volta tivo como remate unha demorada visita ao novo albergue da Pociña de Muñiz en Vilar de Cas.

Saúde, Terra, Lingua e Patrimonio.