V ENCONTRO DE ASOCIACIÓNS

PASADA DAS CABRAS – TERRAS DE LOURENZÁ

AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE.

CAMIÑO PRIMITIVO ENTRE A LASTRA E PARADAVELLA.

Nunha mañá ventada e que se prevía mala, acurtamos o previsto e invertimos o sentido do Camiño, partindo de A Lastra, nome prerrománico, que era unha filial da Fontaneira, situada a uns 800 metros de altura, a case tres quilómetros da Degolada e perto de cinco de Paradavella. A Lastra chegou a ter vinte e unha casas e unhas 180 persoas repartidas entre os lugares da Lastra, Salgueiras e O Sollío. Descendemos ata achegarnos ao Couto e de aquí ascendemos ata a igrexa da Degolada (San Lourenzo). Nome ben curioso, “Degolada, Parata Decollata (participio latino de DECOLLO “degolar, decapitar), feito que apunta á súa vella condición de lugar non que se administra xustiza… en palabras de Ricardo Polín; Á BALEIRA DE CAMIÑO, Páx. 31, Xunta de Galicia, Consellería de Innovación e Industria, abril, 2006.

Descendemos camiño de A Calzada e antes de chegar a este punto puidemos ver o típico celeiro en forma redonda que nos lembra as pallozas. Desde a Calzada subimos para cruzar a estrada de A Fonsagrada. Deixamos o concello do Cádavo ou Baleira para achegarnos a Paradavella, xa do concello de A Fonsagrada, nesta parroquia son de salientar os celeiros, palloza, A Torre e igrexa.

O Ano anterior percorreramos o traxecto Padrón- Paradavella, polo que ao chegarmos a Paradavella e continuar a ventada, decidimos uns, achegarnos a Barbeitos, Fonfría e visitar o mercardo de A Fonsagrada e outros, achegámonos a Grandas de Salime para visitar o Museo Etnográfico, un dos mellores, do Estado a este nivel e, que todos disfrutaron coa visita ás súas salas onde se recollen os aspectos da vida tradicional e do mundo agrario, ao que pertencemos unha boa maioría.

Saúde, Terra, Lingua e Patrimonio.

Bo Nadal

A 15 de decembro de 2018

Manalo Muñiz