CONMEMORACIÓN DO DÍA DO PATRIMONIO MUNDIAL

BREVE RESUMO ROTEIRO POLAS IGREXAS ROMÁNICAS e OUTROS

ELEMENTOS PATRIMONIAIS DO VAL DO RÍO TÓRDEA

SÁBADO 11 DE NOVEMBRO DE 2017

Hoxe quixemos celebrar o Día do Patrimonio Mundial, para iso a nosa asociación levou a cabo un roteiro polas igrexas románicas do val do río Tórdea e outros elementos patrimoniais, visitando os templos de Espasande, Goi, Tórdea, Uriz, A Pumarega e Cellán de Mosteiro. Non imos facer a descripción permenorizada de todas elas, simplemente comentar que todas son de orixe románica, a excepción da de Tórdea que á parte do románico ten estilos visigóticos e renacentistas, dicía o investigador D. Xaime Delgado que era un minimuseo.

No roteiro tamén puidemos visitar os sartegos alto medievais de Goi, o muíño que tiña unha anguieira (queda o resto) e unha minicentral, neste lugar tamén quedan os restos dun mazo. Visitamos tamén, os pazos da Pumarega e Cellán de Mosteiro, a carón deste último hai unha das únicas sobreiras do noso concello e un singular pombal. Á parte puidemos ver árbores senlleiras como, o carballo de Goi, Tórdea, Cellán de Mosteiro e varios castiñeiros centenarios.

Con todas estas visitas queremos reinvidicar o noso Patrimonio, mágoa de tanto atropelo e desleixo de particulares e institucións que deixan que se derruben os bens culturais. Aínda que temos que dicir que as igrexas, exceptuando a de Cellán de Mosteiro, encóntranse en bo estado, en xeral, algunhas delas restauradas axeitada mente, grazas aos veciños e ao seu párroco, D. Abel Quiroga, a quen agradecemos desde aquí as súas explicacións e que nos acompañara ao longo do roteiro.

Con respecto á igrexa de Cellán comentamos da necesidade de realizar unha limpeza e organizar algún acto reivindicativos, sempre que sexa posible e viable polo estado en que se encontra.

Pola tarde asistimos á proxección, no CPI de Castroverde, de “Un amigo llamado Xurxo”, curtametraxe de Castro Caamaño e Serafín R. Trashorras, coa presencia dunhas trinta persoas. Agradecer a Serafín a amabilidade e o esforzo en presentarnos este traballo que ten moitas das escenas gravadas en parroquias de Castro Verde.

Aproveitamos para comentar, que o día 1 de decembro, ás 20:30 h. presenta

““Madre y Maestra” (una vida dedicada a la enseñanza)” no Salón de Actos da Deputación Provincial.

Par finalizar o día, algúns participamos no “magosto”, organizado polo concello, mais que non foi tal magosto, porque as castañas non servían e a nosa asociación non achegou castañas este ano. Aproveitamos para dar os parabéns aos gañadores do certame literario nas diferentes categorías do I Concurso de poesía e relato curto co tema da castaña e magosto de fondo.

Comentar, finalmente, que nos acompañou neste roteiro, a Sra. Directora do CEIP Sal Lence de A Coruña, Dona Victoria Vilarelle Souto, que veu coñecer a terra onde naceu Sal Lence, que ten as raíces en Castro Verde. O claustro de profesorado do CEIP ten interese en coñecer as orixes deste Benfeitor. Agradecer a Victoria que nos acompañara neste día de outoniño.

Saúde, Terra, Patrimonio e Lingua.

Manolo Muñiz