Prezadas amigas e amigos:

Próximos a entrarmos na estación do Outono, tan especialmente amada e sentida por Manuel María, voltamos, máis un ano, a celebrar LÚAS DE OUTONO. Esta homenaxe ao noso escritor que acolle a cidade da Coruña será o 20 de setembro, mércores, ás 20.30, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, con entrada libre até completar o aforo disponíbel.

Nesta novena edición contaremos coa presenza da compañía lucense Lucecús Teatro que representarán “A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna”. Unha obra que parte de textos e poemas de Manuel María e que representa unha viaxe divertida e curiosa de varias historias que lle acontecen ao máxico personaxe de Manuel de Paderna. Este posúe o enfeitizo poético e o dominio da palabra para, entre outras cousas, parar as augas dos ríos, variar a situación dos mares, abrollar as fontes , sandar as persoas…

Achegámosvos neste correo un convite por se vos presta achegarvos e por se é posíbel que o difundades.

Recibide un moi cordial saúdo.

Fundación Manuel María de Estudos Galego