UNESCO: PARALICE AS OBRAS DE DESTRUCIÓN DO CAMIÑO DE SANTIAGO #oCamiñoNONsedestrúe

O Camiño de Santiago é Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Hai 9 meses que lle trasladamos o noso temor sobre as obras que a Axencia Turismo de Galicia (Xunta de Galicia) está a realizar nos Camiños de Santiago que discorren polo territorio galego. Se peregrinaches a Santiago no último ano atoparíaste de fronte coa maquinaria e cun aspecto do Camiño moi diferente a como o imaxinabas.

Son obras que transforman o camiño físico e o seu propio entorno, traballos de construción cunha orientación totalmente urbanizadora: abríronse , puxéronse adoquinados, alterouse a rasante do chan… Usouse todo tipo de materiais de construción, gravas, saburra artificial e cementos.

Un Camiño Histórico transformado pouco menos que nunha autoestrada e sen volta atrás! Non se trata dunha simple chafallada máis, trátase da destrución de patrimonio histórico, cultural, natural e espiritual e da destrución das raíces da peregrinación xacobea que se mantiveron no tempo por máis de 1200 anos, nas que se integra unha paisaxe natural excepcional e un patrimonio material e inmaterial que ESTÁ SENDO DESTRUÍDO.

A conservación do Camiño DEBE E PODE facerse doutra maneira. O que están facendo non facilita o tránsito dos peregrinos nin mellora o estado das vías medievais, senón que destrúe totalmente o encanto do Camiño e da nosa terra.

Precisamos da túa axuda para facer chegar á UNESCO a nosa petición, que conteste, que revisen as obras paralizándoas con urxencia (cada vez aparecen máis proxectos e novos treitos de obra sen xustificación ningunha e sen avaliar axeitadamente o seu impacto natural e patrimonial). A alguén se lle ocorre que pasara isto nas Pirámides de Exipto, na Gran Muralla China ou nas Cataratas de Iguazú? Todos declarados Patrimonio Mundial. Por qué Spain sempre é #different?

AQUÍ podes acceder ó escrito enviado á UNESCO/ICOMOS con data do 26 de Xullo de 2016 e ós distintos proxectos de “construción e acondicionamento” do Camiño de Santiago.

AQUÍ podes acceder ás fotos do Camiño, antes e despois das obras.

AQUÍ podes acceder á candidatura do Camiño a Patrimonio da Humanidade, presentado ante a UNESCO, e na que se destacaba a garantía do mantemento das características de autenticidade e integridade da ruta, o que agora non se cumpre!

ASINA para que a UNESCO paralice as obras da Xunta que están destruíndo un dos patrimonios máis importantes do mundo e salva o carácter tradicional do CAMIÑO DE SANTIAGO.