Dando continuidade ao noso obxectivo de facer da Casa-Museo Manuel María un espazo o máis vivo e dinámico posíbel, desenvolvendo a través dela unha programación cultural periódica, querémosvos informar de que este vindeiro venres 2 de decembro visitará Outeiro de Rei o prestixioso monologuista, actor e director teatral galego e director Quico Cadaval para nos ofrecer unha historia titulada Manoel o aduaneiro. A función dará comezo ás 20.30 horas e o prezo da entrada é de 5 €.

Quico Cadaval, unha das voces máis recoñecíbeis da actual escena galega (Premio da Cultura Galega nas artes escénicas no ano 2011), comparte un trazo común con Manuel María: é, por sobre todo, un comunicador e un contador de historias. Ao lle pedirmos que nos facilitase unha sinopse do espectáculo que trae ao auditorio da Casa-Museo así é como o explicou, nas súas propias palabras:

AS ESTÓRIAS DE VIDA PERDEM-SE NA SOMBRA DA MEMÓRIA, NA BIBLIOTECA ÁGRAFA DA ALDEIA. SÓ AS PALAVRAS PODEM INVOCÁ-LAS.

EM “MANOEL O ADUANEIRO” REGRESAM AS ANEDOTAS DO MUNDO LABREGO DESAPARECIDO. NOS TEMPOS NOS QUE AS VACAS ERAM SAGRADAS E O PAM MAIS CARO QUE O MARISCO.

MARINHEIROS, CANS DA RAIVA, ORQUESTRINAS, MILITARES, NAUFRÁGIOS, BARBEIROS, LEITEIRAS, ESCAPADOS, MOÇAS, SEMENTAIS, CURAS, DESEMBARQUES, ALCALDES(FASCISTAS),AURORAS BOREAIS, PARTEIROS, DOUTORES, O SANTO ELEUTÉRIO, UMHA NOIVA, UM ADUANEIRO E VACAS, MUITAS VACAS.

Dado que o aforo do auditorio da Casa-Museo é limitado a nosa recomendación é facer a reserva de entradas por anticipado, quer a través do correo-e contacto quer a través do teléfono 698 177 621. As entradas retiraranse na mesma Casa-Museo desde as 19.30 horas e até 10 minutos antes do inicio da función. No mesmo momento poranse á venda aquelas entradas que non fosen vendidas, se as houber, até completar o aforo.

Agardamos poder saudarvos persoalmente. Recibide un cordial saúdo

P.S.: Compartimos o evento que creamos en Facebook para o espectáculo por se nos queredes axudar a difundilo entre os vosos contactos: https://www.facebook.com/events/185903291870148/